31 finalistas para os premios da AELG

Gala das Letras do 2014 CC-BY-SA Algueirada

Trinta e un títulos e nomes para celebrar as letras do país. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de facer públicas as candidaturas que optarán aos seus premios no 2015, uns galardóns que, como cada ano, servirán como premiada escolma do traballo literario do país, tanto na escrita literaria propiamente dita como en todas as letras que derivan dela, e que serán entregados na tradicional Gala das Letras, o 9 de maio no Círculo das Artes de Lugo.

Nunha das categorías habitualmente máis olladas, a de narrativa, serán seis obras as que opten a un premio que xunta varias xeracións de escritoras e escritores. Así, competirán polo premio AELG Xavier Queipo con '55' (Xerais), Agustín Fernández Paz con 'A viaxe de Gagarin' (Xerais), María Reimóndez con 'Dende o conflito' (Xerais), Alberto Ramos con 'Máscaras rotas para Sebastian Nell' (Galaxia), Xabier López con 'Olympia Ring, 1934' (Galaxia) e mais Xabier Quiroga con Zapatillas rotas (Xerais).

Na banda poética serán cinco as obras entre as que as que elixirán as persoas asociadas á AELG. 'A distancia do tambor', de Eva Veiga (Espiral Maior), 'As voces da máscara', de Arcadio López-Casanova (PEN Clube), 'Celebración', de Gonzalo Hermo (Apiario), 'Dun lago escuro', de Marta Dacosta (Xerais) e 'Transfusión oceánica), de Xosé Iglesias (A.C. Caldeirón) foron as que chegaron á final.

Montse Dopico e Alberot Ramos optan ao premio de xornalismo cultural

Como en anos anteriores, a AELG tamén premiará o traballo das e dos xornalistas culturais en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Desta volta dous colaboradores de Praza Pública, Montse Dopico e Alberto Ramos, atópanse nunha selección de finalistas na que tamén figuran Blanca-Ana Roig e Carme Vidal. No ámbito dos blogs literarios o Criticalia de Armando Requeixo, presente no Obradoiro de Praza.gal, comparte nomeamento co Caderno da Crítica de Ramón Nicolás e Versos e Aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García Fernández.

O ensaio, a literatura infanto-xuvenil, o teatro e a tradución serán tamén labores literarios distinguidos nuns premios nos que a asemblea da AELG outorga máis galardón. Nesta ocasións o premio AELG Institucións Culturais será para o Colexio Profesional de Xornalistas e a Asociación de Medios en Galego. O premio Mestras e mestres da memoria recaerá en Josefa Arias e Emilio do Pando, pola súa "dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. Por último, o Escritor Galego Universal do 2015 é Luiz Ruffato. Asemade, os xornalistas Margarita Ledo, Manuel Lombao, Tareixa Navaza e Xosé María Palmeiro recibirán a distinción 'Bos e Xenerosos'.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.