'360 curvas' estrea trailer na Fonsagrada: a memoria da veciñanza "loitando por algo que era inxusto"

Unha das imaxes do documental '360 curvas' © 360 Curvas

O documental 360 curvas estreou este sábado na Fonsagrada o seu trailer, que Praza.gal ofrece en exclusiva. O filme recupera as mobilizacións que nos anos 90 protagonizou a veciñanza da localidade en demanda de mellores servizos

A comezos da década dos 90 a veciñanza da Fonsagrada e a súa comarca mobilizouse en demanda de mellores servizos, comezando polas comunicacións. Entre a Fonsagrada e Lugo había unha estreita e revirada estrada cun total de 360 curvas, un símbolo dos obstáculos que sufría unha bisbarra rural que nese momento decidiu reivindicar o que era xusto. Esas loitas, denominadas As Movidas, incluíron concentracións, peches, folgas xerais e mesmo unha gran manifestación en Santiago ante a sede da Xunta.

O documental 360 curvas recupera esa memoria valéndose de imaxes de arquivo -grazas aos vídeos gravados por Manuel Fernández- e de testemuños dos e das protagonistas. O filme, dirixido por Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, estreou este sábado na Fonsagrada o seu trailer. Fíxoo no marco da programación da Foliada da Fonsagrada e acompañada dun coloquio con Alejandro Gándara Porteiro, Manuel Lucas, Adrián Méndez e o fotógrafo local Manuel Fernández.

Podes ver o trailer en exclusiva en Praza.gal.

O vindeiro 23 de xaneiro proxectarase na Fonsagrada o documental ao completo; será a primeira proxección fóra dun festival cinematográfico

O acto converteuse na primeira ocasión na que se mostran imaxes do documental ao público local, funcionando como un encontro simbólico que devolve á veciñanza parte da memoria colectiva que estrutura o relato da película. O filme chega a esta presentación tras o seu paso polo Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX), onde viviu a estrea mundial, e pola súa dobre estrea galega en Cineuropa e no Cormorán Film Fest, antes da súa estrea en salas prevista para 2026. 

O vindeiro 23 de xaneiro proxectarase na Fonsagrada o documental ao completo; será a primeira proxección fóra dun festival cinematográfico e, de seguro, unha ocasión moi especial e un acto moi emocionante.

360 Curvas reconstrúe os conflitos sociais que marcaron a vida da Fonsagrada hai algo máis de trinta anos, amosando a capacidade de resistencia e de organización comunitaria dun territorio que continúa a loitar contra o abandono institucional

360 Curvas reconstrúe os conflitos sociais que marcaron a vida da Fonsagrada hai algo máis de trinta anos, amosando a capacidade de resistencia e de organización comunitaria dun territorio que continúa a loitar contra o abandono institucional. Un filme de memoria, pero tamén moi presente, polo tanto. O filme percorre aquel tempo como metáfora das transformacións do rural galego e das feridas que permanecen abertas.

A proxección do trailer estivo acompañada dun coloquio coa participación de Alejandro Gándara Porteiro, codirector do filme; Manuel Lucas, director de fotografía e coñecido tamén por ser integrante da banda de música De Ninghures; Adrián Méndez, impulsor da idea orixinal, unha das voces protagonistas do documental e tamén membro de De Ninghures; e Manuel Fernández, fotógrafo local da Fonsagrada, cuxo arquivo resulta esencial para reconstruír a historia das coñecidas Movidas, imaxes que o filme recupera e pon en diálogo co presente.

Unha imaxe do documental '360 curvas' ©

Adrián Méndez, responsable da idea orixinal do filme, destaca que “estrear o tráiler na Fonsagrada é emocionante por ver as reaccions da xente ante estas primeiras imaxes"

Adrián Méndez, responsable da idea orixinal do filme e unha das voces protagonistas, destaca que “estrear o tráiler na Fonsagrada é emocionante por ver as reaccions da xente ante estas primeiras imaxes". Sobre as imaxes de arquivo de Manuel Fenández, salienta que "Manuel ten este gran defecto ou virtude de gravar todo o que pasa na Fonsagrada e ver imaxes da xente loitando por algo que era inxusto con toda esa carga policial é moi impactante”. 

O amplo arquivo fotográfico de Manuel Fernández, inédito en boa parte, supón unha achega fundamental para comprender aquel período, ofrecendo unha nova lectura visual sobre unha loita que adiantou moitas das reivindicacións asociadas hoxe ao movemento da España Baleira.

O amplo arquivo fotográfico de Manuel Fernández, inédito en boa parte, supón unha achega fundamental para comprender aquel período. Alejandro Gándara Porteiro (co-director) comenta que “as imaxes de Manuel Fernández son a orixe do filme"

Pola súa banda, Alejandro Gándara Porteiro (co-director) comenta que “as imaxes de Manuel Fernández -algunhas xa se mostran no tráiler- son a orixe do filme". "A medida que fomos desenvolvendo a idea, ampliamos o ámbito temporal da historia e o foco temático, pero o impacto de ver eses vídeos —tan cercanos, tan ben gravados, tan emocionantes e tan narrativos— foi o que nos impulsou a facer o filme", engade. 

"Sen elas non habería 360 Curvas e, máis alá diso, son en si mesmas un documento histórico dun valor enorme", di, sinalando que se trata de "auténtico patrimonio audiovisual galego que sería interesante que estivese accesible ao público e depositado nalgunha institución para a súa conservación”.

Cartel do documental '360 curvas' ©

As imaxes son un "auténtico patrimonio audiovisual que sería interesante que estivese accesible ao público e depositado nalgunha institución para a súa conservación”, salienta o co-director

A película parte dunha idea orixinal de Adrián Méndez, Manuel Lucas, Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, cun equipo encabezado na produción executiva por Xacio Baño e Tamara Canosa e na xefatura de produción por Adrián Méndez. 

Está producida por Rebordelos e distribuída por La Machina, e conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e da área de Cultura da Deputación de Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.