Varios historiadores portugueses analizarán as orixes dos Camões, fidalgos galegos exiliados en Portugal
Os Camões "eran de Camos". Así o afirma Juan González, alcalde de Nigrán, onde está esa parroquia e onde o Concello acolle este venres unha xornada de divulgación e homenaxe ao poeta nacional portugués Luís Vaz de Camões no 500 aniversario do seu nacemento. Un achegamento á figura do autor do poema épico Os Lusíadas ("e se mais mundo houvera, lá chegara") organizada pola Associação Impulsora da Casa da Lusofonia e que contará coa participación de historiadores das universidades do Porto, Coímbra e Fernando Pessoa.
"O investigador Xosé Filgueira Valverde documentou perfectamente que Vasco Pires de Camôes e ascendentes residían en Camos polo menos desde o século XII", explica Bernardino Crego, representante da asociación organizadora da xornada, quen incide en que "Camos é tamén chamado nalgúns documentos medievais como Camones e Camunes, o que en portugués derivou en Camões".
Vasco Pires de Camoês, tataravó do poeta, xograr e fidalgo, naceu en 1330 en Camos, e é mencionado na crónica de Juan I de Portugal de Fernão Lopes. "Foi partidario do rei Pedro I de Castela contra o seu irmán Enrique II e, por ese motivo, tivo que exiliarse a Portugal en tempos do rei Fernando I de Portugal. En consecuencia, perdeu as súas posesións e unha torre feudal localizada en 'Santa Eulalia de Camos', onde os seus antepasados están documentados desde 1228", salienta o Concello.
Tendo en conta esta orixe, o doutor da universidade de Coímbra José Carlos Seabra Pereira impartirá ás 17.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Nigrán unha conferencia sobre a cuestión. A continuación, a catedrática da Universidade Fernando Pessoa Isabel Ponce de Leão e Sofía de Melo Araújo, da Universidade do Porto, conversarán con Isabel Rio Novo, autora da última biografía sobre Luis Vaz de Camôes, Fortuna, caso, tempo e sorte (2024), de gran éxito en Portugal. Finalmente, a partir das 19.30 horas, haberá un recital de poesía a cargo de Manuel Sobral e Sofía Araújo con outros participantes. Previamente, pola mañá haberá un obradoiro, unha charla e un recital ao alumnado de primeiro de Bacharelato do IES Val Miñor.
"É amplamente coñecido que Camôes era descendente de fidalguía galega exiliada en Portugal, pero o que non se menciona nunca é que eran de Camos, e de aí o seu propio apelido", salienta o alcalde
"Levamos meses organizando estas xornadas coa ilusión de irmandarnos aínda máis co pobo portugués ao tempo que poñemos no foco que Nigrán, concretamente Camos, forma parte da súa Historia", salienta o alcalde, tamén historiador. "É amplamente coñecido que Camôes era descendente de fidalguía galega exiliada en Portugal, pero o que non se menciona nunca é que eran de Camos, e de aí o seu propio apelido", incide o rexedor, quen subliña que a idea é que destas xornadas saia un centro de estudos permanente con sede en Nigrán.