Durante séculos, dende o ano 1500, foron milleiros os galegos e galegas que emigraron a Lisboa. A inmigración galega foi especialmente importante nos séculos XVIII e XIX, un momento no que os galegos representaban preto do 70% dos estranxeiros que habitaban a urbe. Foron moitas as pegadas que deixaron na cidade: diversas construcións, non poucos apelidos, institucións coma a Sociedade de Instrución e Recreo Juventude de Galiza, e mesmo a ginjinha que se converteu nun dos símbolos lisboetas.
Durante moito tempo, os moitos galegos que moraban na cidade organizaban o 15 de xaneiro unha romaría, dedicada a Santo Amaro, e que se celebraba ao pé da capela do mesmo nome. Pero en 1911 deixou de organizarse
Os galegos chegaban para traballar, por exemplo, na construción, coincidindo co crecemento da cidade ou coa necesidade de reconstruíla tralo desastre causado por terremotos e incendios. Desempeñaban outras profesións de gran dureza física, como mozos de carga ou repartidores (protagonizando unha das primeiras grandes folgas no país). E tamén, de forma moi destacada, como augadeiros, os encargados de transportar a auga dende as fontes ata as casas e tamén cando se producía un incendio e era un labor desenvolvido principalmente por galegos.
Nese tempo, os moitos galegos que moraban na cidade organizaban o 15 de xaneiro unha romaría, dedicada a Santo Amaro, e que se celebraba ao pé da capela do mesmo nome, situada no barrio da Alcântara e edificada en 1549. Dise que a capela foi mandada levantar por padres franciscanos galegos. Esta festa de referencia celebrouse durante moito tempo, pero en 1911 deixou de organizarse, hai 111 anos.
A romaría, celebrada este sábado 111 anos despois, contou coa intervención de Xurxo Souto, que falou do 'Amaro Navegante', un santo viaxeiro cuxa vida e lenda serve como "bela metáfora das viaxes das comunidades galegas na procura da illa do Paraíso"
Este sábado 15 de xaneiro a actual comunidade galega residente en Lisboa recuperou esta romaría, celebrada ao aire libre, ao pé da capela e con todas as medidas de prevención de contaxios de COVID. Na romaría, na que non faltaron as gaitas galegas, interveu Xurxo Souto, que falou do Amaro Navegante, un santo viaxeiro, de grande importancia en Galicia e en Portugal, cuxa vida e lenda serve como "bela metáfora das viaxes das comunidades galegas na procura da illa do Paraíso". No acto, ademais, tamén interviron Carlos Callón e Maria Dovigo, poetas e profesores, que relataron varias historias sobre a comunidade galega en Lisboa, da que forman parte.
O santo conta cunha gran tradición na cultura galega
O santo, confundido moitas veces con San Mauro, celebrado tamén o 15 de xaneiro, conta cunha gran tradición na cultura galega, e a súa figura foi tratada por Uxío Carré Aldao no artigo 'A lenda de San Amaro o Pelegrino' publicado no número 19 da revista Nós. ou por Ramón Cabanillas nos poemas de 'O bendito San Amaro', publicados no xornal Galicia en 1925 acompañados por debuxos de Castelao
En realidade a romaría lisboeta tivo xa un prólogo este xoves na Coruña, con outra celebración dedicada ao Amaro Navegante, organizada pola Asociación de Veciñas de Monte Alto e a asociación In Nave Civitas e coa intervención de Xurxo Souto, Carmela Galego e Xulio Monteiro.