O Goberno de España entra na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa e admite o "notable impulso" galego para logralo

XIII Conferência de Chefes de Estado e de Governo da CPLP, en Luanda (Angola) o 17 de xullo de 2021 © CPLP

Luanda, capital de Angola, acolleu este 17 de xullo a XIII Conferência de Chefes de Estado e de Governo da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP), celebrada baixo o lema Construir e Fortalecer um Futuro Comum e Sustentável. Unha das actividades da cimeira foi a XXVI Reunião Ordinária do Conselho de Ministros da CPLP, que aprobou a integración na comunidade baixo a categoría de "observadores asociados" a trece Estados e organizacións, entre eles o Reino de España.

"Cabe reseñar o notable impulso" de Galicia á candidatura, sinala o Ministerio de Exteriores, que lembra que a Academia Galega da Lingua Portuguesa e o Consello da Cultura Galega xa son observadores consultivos da CPLP

"Estas adesões -sinala a declaración final da cimeira- conferem à CPLP maior projeção política internacional e potenciam o desenvolvimento de relações de cooperação em diversas áreas, bem como a ampliação da difusão internacional da Língua Portuguesa". Pouco despois, o Goberno de España amosou a súa satisfacción por unha admisión que, admiten, tivo por tras un "notable impulso" galego. 

Sinala o Ministerio de Exteriores que este recoñecemento en calidade de observador asociado supón a aceptación da candidatura "presentada en 2020 mediante a remisión dos correspondentes Plans de Acción e de Promoción da Lingua Portuguesa". "Cabe reseñar -indica a nota oficial do departamento- o notable impulso que a comunidade autónoma de Galicia deu á candidatura". "De feito -agrega- tanto a Academia Galega da Lingua Portuguesa como o Consello da Cultura Galega xa son observadores consultivos da CPLP.

O director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, participando por videoconferencia na cimeira da CPLP, o 17 de xullo de 2021 CC-BY-SA Xunta

Asegura o Ministerio que o Executivo español "outorga moita relevancia a este ingreso" nun "foro privilexiado de cooperación" cuxos membros "representan a preto de 300 millóns de persoas". "A partir deste momento, xunto coa CPLP, España traballará para analizar e concretar os distintos ámbitos de colaboración", conclúe.

A Xunta, que tamén participou na cimeira, agarda que a incorporación de España como observador asociado permita que o Goberno galego "teña unha presenza directa nos órganos" da CPLP

Na reunión do Consello que tomou a decisión tamén participou o Goberno galego, representado a través de videoconferencia polo director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo. Durante a tramitación da candidatura, sinala, "a Xunta mantivo contactos" co Ministerio e "directamente, coa secretaría xeral da CPLP", con sede en Lisboa, "coa fin de acadar o obxectivo de poder participar na cooperación no ámbito da lusofonía, en cumprimento da Lei Paz Andrade e da Estratexia Galega de Acción Exterior".

A Xunta, que lembra os vínculos previos do Consello da Cultura e da Academia Galega da Lingua Portuguesa coa CPLP, di esperar "que esta incorporación de España" sirva para que o Goberno galego "teña unha presenza directa" nos órganos da Comunidade. Trátase, agrega, de "poder así avanzar na cooperación co mundo da lusofonía, tal e como foi posto de manifesto polo Goberno de España" no encontro deste mesmo sábado.

Un intre da XIII Conferência de Chefes de Estado e de Governo da CPLP, en Luanda © CPLP

A través do vínculo idiomático, a CPLP aborda multitude de eidos, que van dende a economía á promoción dos dereitos humanos e, neste caso, tamén da xestión das consecuencias da pandemia. A cimeira celebrada en Luanda, que elixiu o presidente angolano, João Manuel Gonçalves, como Presidente da Conferência de Chefes de Estado e de Governo da CPLP para o bienio 2021-23, reafirmou a "plena validade do compromisso" da Comunidade "com o reforço da solidariedade e da cooperação em prol do desenvolvimento económico e social dos seus povos", ademais de congratularse "com a progressiva afirmação internacional da Organização, que constitui um espaço de união pela língua comum e pelos primados da paz, do Estado de direito, da democracia, dos direitos humanos e da justiça social".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.