A asociación Docentes de Português na Galiza busca visibilizar entre a mocidade galega que pode escoller estudar portugués tanto na ESO como no Bacharelato
Amor à primeira vista coa lingua portuguesa. A asociación Docentes de Português na Galiza (DPG) lanza unha campaña para aumentar o número de estudantes que escollen estudar portugués nos institutos galegos, tanto na ESO como no Bacharelato, agora que toca facer as matrículas para o vindeiro curso escolar.
Cun vídeo creado polas galegas Illa Bufarda, buscan espertar o interese polo estudo desta "lingua internacional que é próxima, familiar e recoñecible" para as alumnas e alumnos de Galicia. A iniciativa conta co apoio da Xunta, que a comezos deste curso decidira suprimir o Departamento de Portugués do IES San Paio de Tui, o primeiro creado no país, se ben despois recuou.
"O meu co português foi um match total". Nesta iniciativa a DPG optou por empregar unha linguaxe coloquial como o que utilizan os rapaces entre eles. A protagonista da campaña é unha estudante de portugués que busca a complicidade da mocidade nun vídeo que se está a mover polas redes sociais. "Busca a cumplicidade da juventude porque afinal , não é a todos que o português nos seduz?".
Así, xogan coas sensacións que produce o sentimento do amor e as reaccións químicas que se xeran no cerebro para vinculalas coa aprendizaxe do portugués: "Amor ou o nome que hoje lhe quisermos dar às sensações de prazer que aquilo nos desperta, essa tal conexão, dopamina para o nosso cérebro, ligações neuronais inesperadas…. Pronto, cá está a língua portuguesa na sua melhor aproximação, mais um caso de amor à primeira vista".
En Galicia, a pesar de que desde 2014 existe a Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz Andrade, o ensino do portugués non está tan popularizado como en comunidades como Extremadura. Malia a boa predisposición de galegas e galegos para o aprendizaxe desta lingua que abre portas a unha comunidade de máis de 200 millóns de falantes como é a lusófona, aínda fican barreiras para achegarse a ela.