A Xunta suprime o Departamento de Portugés no IES San Paio de Tui, o primeiro creado en Galicia e nun centro con 30 anos de docencia desta lingua
A Xunta decidiu suprimir no IES San Paio de Tui o Departamento de Portugués, o primeiro desta lingua creado en Galicia, hai vinte anos, e nun centro onde este idioma leva 30 anos de ensino ininterrompido e conta na actualidade con máis dun cento de alumnos.
A Inspección Educativa comunicou xa hai algunhas semanas unha decisión que confirmou o pasado venres a unha comunidade educativa que se mobiliza sen éxito para evitar unha decisión inesperada ante a que amosou o seu "malestar" e "desencanto", máis aínda nunha Eurocidade como Tui, lindeira con Portugal.
Alfonso Ruso, director do instituto, asegura que a Consellería de Educación deu "escasas explicacións" sobre unha medida "non agardada" que a Administración argumenta agora no cumprimento dun decreto de 1996 polo que se abrobou o regulamento orgánico dos centros de secndaria. Nel advírtese de que, á marxe de francés, grego, e inglés, só se poderán "constituír departamentos doutras linguas estranxeiras cando sexan impartidas como primeira lingua con reflexo no cadro de persoal do centro".
Educación argumenta a decisión nun regulamento que impide constituír departamentos de linguas que non se imparten como primeira opción
O caso é que o IES San Paio de Tui conta con departamento propio de portugués desde hai dúas décadas. O seu director pide á Xunta "explicacións claras" deste cambio de criterio e pregúntase se "mudaría algo no caso de que o portugués pasase a ser primeira lingua". Sexa como for, o departamento desaparece para este curso xa iniciado, algo que, segundo os docentes da materia, "pon en perigo a continuidade da ensinanza de portugués no futuro" e mesmo cren que supón o inicio do fin desta materia.
Porque o portugués séguese impartindo neste centro tudense, con alumnado en todos os niveis da ESO. A supresión do departamento propio supón perder tamén unha programación didáctica coordinada, criterios de avaliación claros e todo un programa de actividades extraescolares, como os intercambios con institutos portugueses.
O IES San Paio conta con Departamento de Portugués desde hai vinte anos
Alberto Viso, profesor de portugués, explica que a supresión do departamento supón "cortas as ás para poder desenvolver e promocionar a lingua portuguesa" e, no futuro, a súa "extinción". El é un dos docentes que imparte portugués, todos titulares doutras materias. "O futuro é incerto porque se me reclama o departamento de inglés, acabouse; ao final a permanencia da materia depende da boa vontade dalgúns", explica.
Ademais, engade, a xustificación nunca poderá ser o aforro: "Son 600 euros anuais o plus que cobra un xefe de departamento", asegura Viso, que advirte do "esencial" do ensino do portugués nunha localidade da raia.
O Consello Escolar e a ANPA --que pensa recoller sinaturas-- amosaron o seu rexeitamento a unha decisión, ao igual que a Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG), que asegura que a decisión tomada pola Inspección é "completamente arbitrária". "Não tem sentido suprimir o Departamento decano do país, e muito menos fazê-lo quando tem alunado e carga horária", reclaman.
"Não tem sentido suprimir o Departamento decano do país, e muito menos fazê-lo quando tem alunado e carga horária", di a Associação de Docentes de Português
A asociación DPG asegura que a supresión deste Departamento "representa um perigo evidente para a continuidade do estudo desta língua no IES San Paio". "Ainda que neste ano escolar se mantenham os grupos, os mesmos podem ser suprimidos a qualquer momento, nos próximos anos", advirte o colectivo, que sinala "um duplo prejuízo: para o alunado futuro, porque não terá a opção de estudar Português; e para o alunado atual do centro, porque será obrigado a mudar de língua estrangeira a meio dos seus estudos, aterrissando subitamente noutra língua sem possuir a menor base nela".
Desde CIG-Ensino instouse xa a Consellería de Educación a que autorice a creación de departamentos de segundas linguas para non discriminar nin o portugués nin o alemán e mentres non se modifique o regulamento que emprega a Administración como argumento para suprimilos.
Segundo datos do curso 2018-19, en Galicia había 73 centros educativos que imparten Portugués. Con todo, e malia a aprobación por unanimidade no Parlamentio da Lei Paz Andrade en 2014 para a promoción deste idioma no país, o ensino desta lingua chega en comunidades autónomas como Extremadura a seis veces máis alumnado ca en Galicia.