A Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, ou Lei Paz Andrade aprobouse por unanimidade hai 5 anos e medio. A norma incluía unha serie de compromisos, como incorporar "progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa" nos centros de ensino de toda Galicia. Porén, este e outros aspectos claves da norma están lonxe de cumprirse e nalgúns casos non houbo avance ningún, como veñen denunciando algúns dos colectivos impulsores da iniciativa.
Na publicación previa da convocatoria de prazas de profesorado lanzada pola Xunta para o ano 2020 (un total de 2.036 prazas) non hai nin un só posto de docente de lingua portuguesa
Un dos campos nos que menos avances se rexistraron é o do ensino, con moi poucos centros impartindo a materia de portugués e escaso alumnado cursándoo, con cifras que mesmo descenden e que se atopan moi lonxa das que se rexistran, por exemplo, en comunidades como Estremadura.
O colectivo de Docentes de Portugués na Galiza denuncia que na publicación previa da convocatoria de prazas de profesorado lanzada pola Xunta para o ano 2020 (un total de 2.036 prazas) non hai nin un só posto de docente de lingua portuguesa. A asociación, apoiada pola Associaçom Galega da Lingua (AGAL), a Academia Galega da Lingua Portuguesa e A Mesa pola Normalización Lingüística, pediu xa unha xuntanza coa Consellería de Educación e denuncia o incumprimento da Leo Paz-Andrade.
Na actualidade só 7 docentes no ensino secundario posúen a categoría de especialistas nesta materia
As catro entidades subliñan a súa alarma "perante o pouco valor que está a ser dado á lei de promoción da lingua portuguesa" e lembran que na actualidade só 7 docentes de portugués no ensino secundario posúen a categoría de especialistas. Os colectivos promotores da Lei Paz Andrade demandaron xa en 2013 un mínimo de 20 especialistas iniciais para esta materia. "Verificamos como o groso do ensino da lingua portuguesa continúa a ser realizado e mantido a través do voluntarismo dalgunhas docentes que non posúen oficialmente nin a especialidade nin departamento propio", denuncian.
Docentes de Portugués, AGAL, Mesa e AGLP demándanlle á Consellería que reconsidere a convocatoria de Oferta de Emprego Público de 2020 incluíndo prazas de portugués antes da súa publicación no DOG
Docentes de Portugués, AGAL, Mesa e AGLP demándanlle á Consellería que reconsidere a convocatoria de Oferta de Emprego Público de 2020 incluíndo prazas de portugués antes da súa publicación no DOG. Así mesmo, pídenlle que inclúa en futuras convocatorias "unha previsión de aumento constante e regular do número de prazas da especialidade até colmatar a necesidade de oferta de portugués en todos os centros de secundario da Galiza".
Na súa última asemblea AGAL chamou a converter o 'ano Carvalho Calero' nun punto de inflexión na relación entre galego e portugués, situando a promoción do portugués no ensino, prevista na lei aprobada polo Parlamento galego, como unha das súas prioridades.
A norma obriga ao Goberno galego a incorporar "progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa no ámbito das competencias en linguas estranxeiras nos centros de ensino", é dicir, sen un prazo concreto. Na actualidade en Galicia hai 2.700 estudantes de portugués en secundaria e bacharelato fronte aos 20.000 de Estremadura.