Os centros de FP teñen a posibilidade de ofertar ciclos formativos plurilingües, nos que o alumnado cursa no primeiro ano un módulo non lingüístico en lingua estranxeira, cando menos, podendo chegar ata un terzo das horas totais. Así mesmo, ao longo dos dous cursos do ciclo o alumnado realiza actividades complementarias de formación, cunha duración de 40 horas.
Unha das linguas nas que se pode levar a cabo este ciclo plurilingüe é o portugués. Porén, na actualidade só dous centros se acolleron a esta opción. A asociación Docentes de Português na Galiza (DPG) iniciou hai dúas semanas unha campaña de información para que mestres e centros sexan conscientes desta posibilidade e poidan solicitar a súa incorporación para o curso 2020-2021.
O alumnado pode obter un certificado oficial de nivel de dominio da lingua portuguesa e, así mesmo, acceder a estadías curriculares contando cunha axuda económica da Consellería ou a través dunha bolsa Erasmus+
Dende DPG destacan as potencialidades e beneficios desta iniciativa, mediante a cal o alumnado pode obter un certificado oficial de nivel de dominio da lingua portuguesa e, así mesmo, acceder a estadías curriculares (FCT) en Portugal, contando cunha axuda económica da Consellería de Educación ou a través dunha bolsa Erasmus+.
A entidade ofrécese a asesorar con todos os mestres, mestras e centros interesados en desenvolver un proxecto deste tipo. Será no mes de maio cando a Xunta publique a resolución anual para solicitar ciclos PluriFP no contexto do programa Edulingue, como xa fixo o pasado ano.
Estes módulos serán impartidos polo profesorado con atribución docente neles e que, ademais, posúa a habilitación lingüística correspondente ao nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas. Este proxecto parte do recollido na LOE de 2006, que indica que "a consellería con competencias en materia de educación promoverá accións dirixidas á mellora das competencias lingüísticas do alumnado de formación profesional para favorecer a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos".
A experiencia en Compostela e Vigo
Os dous primeiros ciclos bilingües en portugués foron implementados no IES San Clemente de Compostela e no CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo
Os dous primeiros ciclos bilingües en portugués foron implementados no IES San Clemente de Compostela e no CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo e os dous centros mantiveron o proxecto neste curso 2019-2020. No caso do IES San Clemente impartiu a materia 'Aplicacións Ofimáticas' integramente en portugués e traballando en colaboración cunha escola homóloga de Braga, o AE Carlos Amarante. O CIFP Valentín Paz Andrade escolleu desenvolver en portugués o Ciclo Superior de Deseño de Mobles. Esta escola conta cun auxiliar de conversa, que neste curso pasou de 12 a 16 horas semanais.
Varios dos alumnos e alumnas examináronse con éxito do nivel B1 no exame oficial da Universidade de Lisboa e un gran número realizou prácticas profesionais no verán en varias cidades portuguesas
Ademais das materias e módulos que deben desenvolver en portugués, os centros deben incorporar unha actividade complementaria obrigatoria de 1 hora á semana e ofrecer unha actividade extracurricular voluntaria de 2 ou 3 horas á semana. Varios dos alumnos e alumnas examináronse con éxito do nivel B1 no exame oficial da Universidade de Lisboa e un gran número realizou prácticas profesionais no verán en varias cidades portuguesas, a través do programa Erasmus+.
Mario Viéitez, profesor do CIFP Valentim Paz Andrade, destaca que ficou "super surpreendido e feliz" coa reacción do alumnado ás aulas impartidas en portugués, subliñando que "aprender o português favorece o melhor conhecimento do galego", algo importante nun contexto como o da cidade de Vigo, no que o castelán é a lingua habitual da maior parte da mocidade.