57 finalistas optan aos Premios Martín Códax da Música

Foto de familia dos e das finalistas © Premios Martín Códax da Música

Este xoves déronse a coñecer os 57 finalistas que optan aos Premios Martín Códax da Música, que este ano celebran a súa terceira edición. Aparecen premiados e candidatos nas dúas edicións anteriores, como Crebinsky, Davide Salvado, Wöyza, Transilvanians, Xoel López ou Caxade. Son o resultado dunha peneira entre os 448 proxectos que presentaron a súa candidatura: 396 grupos, 16 salas, 22 festivais e 14 medios de comunicación inscritos. 

A presidenta de Músicos ao Vivo (MAV), Iria Piñeiro, destacou “a implicación dos músicos galegos unha vez máis nesta edición", que "demostra o indiscutible potencial musical de Galicia, afianzando a MAV como a casa común d@s músic@s alega@s”. Piñeiro engadiu que “este terceiro certame pasará á memoria como a edición da normalización: o que parecía un fito histórico que viña facer xustiza e recoñecer o traballo de moitas carreiras musicais, pasou a formar parte da nosa realidade cotiá”.

Durante o acto presentáronse tamén as primeiras estatuíñas rematadas no obradoiro do escultor e músico, Víctor Lorenzo, que se entregarán aos premiados na gala que se celebrará o xoves 28 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, e onde ademais dos 19 gañadores que sairán desta lista de finalistas, entregarase tamén o premio Honorífico Músicos Ao Vivo ao mestre e artesán Antón Corral. Este é o listado dos 57 grupos e artistas nomeados e nomeadas:

Pop e indie: Eladio y los Seres Queridos / Novedades Carminha / Silvia Penide

Rock: Agoraphobia / Foxy Freire / Martelo

Blues, funk & soul: Nastasia Zürcher/ Pablo Carrera / The Lakazans

Jazz e músicas improvisadas: Alberto Vilas Quartet/ Orquestra de Jazz de Galicia / Xan Campos ESD

Hip-Hop e músicas urbanas: Sokram / The Last Minute Experience / Wöyza

Música clásica e contemporánea: The Last Man of Fukushima/ Vertixe Sonora Ensemble / Zoar

Folque: Caxade / Cuarteto Caramuxo / Vaamonde, Lamas e Romero /

Música tradicional galega: Davide Salvado / O Fiadeiro / Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

Músicas do mundo: Crebinsky / Dous / Trilitrate

Canción de Autor: Guadi Galego / Uxía & Narf / Xoel López

Música infantil: A Gramola Gominola / Brinca Vai! / Xiqui Xoque Fiú Fiú!

Electrónica: 2Pasos / Cinta Adhesiva / Croma

Metal: Aphonnic / In.Verno / Mutant

Reggae, Ska & Mestizaxe: A Banda da Balbina / Dakidarría / Transilvanians

Orquestras, grupos e música de verbena: Claxxon / Orquestra Os Modernos / Os da Ría

Coros e Grupos Vocais: De Vacas / Sisters in the House / The Lollipops

Premio Organistrum Salas: A Arca da Noe / Aturuxo / Garufa Club

Premio Organistrum Festivais: Espazos Sonoros / Feito a Man / Nigranjazz

Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Abretedeorellas / GZMúsica / Tres Peixes Voando

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.