A AELG pide ás candidaturas do 21-O a defensa da cultura galega para "evitar a súa ilegalización social"

Gañadores dos premios da AELG de 2011 © AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de emitir un comunicado de cara ás eleccións autonómicas do vindeiro 21 de outubro no que "quere facer pública a súa demanda de implicación dos partidos e organizacións políticas co obxecto de incluíren nos seus programas de goberno a defensa activa e efectiva dun sistema literario galego e en galego".

Así, a AELG demanda ás candidaturas "que inclúan nos seus programas as xustas reivindicacións do colectivo de escritoras e escritores en lingua galega no referente á irrenunciábel defensa e promoción da lingua e da cultura propias de Galiza en todos os ámbitos de actuación e responsabilidade gobernativa". Para o colectivo, "a literatura, e o idioma que a expresa, debe ser comprendida como un factor de desenvolvemento sociocultural favorecedor do autocoñecemento" tal e como corresponde "a Galiza, nación cunha das máis antigas culturas de  Europa".

"A literatura, e o idioma que a expresa, debe ser comprendida como un factor de desenvolvemento sociocultural favorecedor do autocoñecemento"

"Concibimos a literatura e a lingua galega como creadoras de cidadanía con valores democráticos, como depositarias e defensoras da nosa identidade como pobo, como instrumentos necesarios e irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos intereses do pobo galego e que doten a Galiza dun maior status político e xurídico, único xeito de non sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural", reivindica a AELG, que aclara que entende que a literatura e a lingua "consolidan os dereitos dos pobos e son a vacina protectora para a consecución dunha democracia coa suficiente calidade e eficacia como para que mereza ser así chamada".

A AELG di defender esta postura "nun momento en que, de continuar a asfixia económica programada que está a padecer o tecido cultural da Galiza e tamén as industrias culturais, pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social", aseguran, polo que demandan "dotación económica, verdadeiramente comprometida e en clave de aposta de futuro, nos orzamentos da administración galega, posto que a cultura tamén forma parte da economía produtiva do noso país".

"De continuar a asfixia económica programada que está a padecer o tecido cultural da Galiza pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social"

Asemade, requiren da administración galega "instrumentos de xestión para o achegamento da literatura  e polo tanto tamén dos escritores e escritoras  á sociedade galega e de xeito transversal, sexa a través do ensino do galego e en galego, así como da visibilización da literatura en galego, desde as actividades de goberno como son o turismo cultural, ou os servizos sociais, até aquelas actividades dirixidas á formación dunha xuventude crítica e educada para o respecto, a paz e a solidariedade".

A AELG pide a reposición da Consellería de Cultura ou dos Premios Nacionais, así como un apoio efectivo aos medios de comunicación en galego

Por todo isto, solicitan do goberno que saia elixido das urnas, a "reposición da desaparecida Consellaría de Cultura, a creación dunha Dirección xeral do libro e dun Instituto de promoción da cultura galega no exterior, así como a participación dos escriores galegos e do sistema editorial que difunde e amplifica a súa creación nas feiras e mercados internacionais".

Do mesmo xeito, piden "apoio ao teatro galego, a promoción para a recuperación da memoria histórica da literatura oral, a recuperación e posta en valor dos Premios Nacionais da Cultura Galega, a elaboración dun plan da lectura, o apoio efectivo aos medios de comunicación en galego e a laboración dun plan director da cultura galega, e en concreto do libro en galego, que desenvolva a lei do libro na súa condición de industria estratéxica". Xa por último, solicitan tamén a "restitución do uso do galego no ensino de todas as áreas de coñecemento técnico ou científico (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía), dada a importancia da escrita e da creación científica no desenvolvemento dunha cultura plena", ademais da "expropiación da Igrexa de Bonaval e acceso libre ao espazo público e laico que para as galegas e galegos debe ser o Panteón de Galegos Ilustres".

Así mesmo, trasladan á cidadanía a súa "preocupación polo progresivo deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito da nosa lingua", polo que rogan que, "á hora de decidiren a opción política que a vai representar durante os próximos catro anos, preste especial atención ás propostas e intencións ao respecto expresadas nos seus programas electorais".

Gañadores dos premios da AELG de 2011 © AELG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.