'A batalla descoñecida': Cando os nazis cavaron nas entrañas de Galicia

Rodaxe d'A batalla descoñecida © Agallas Films

"Foi realmente España neutral na Segunda Guerra Mundial?". Ou, pola contra, "foi un campo de batalla máis entre aliados e nazis?". Cales foron as consecuencias para a poboación das decisións do réxime franquista a respecto da contenda? Son algunhas das preguntas que tenta responder 'A batalla descoñecida', o documental que, centrado na loita polo volframio galego, vén de rematar de rodar a directora Paula Cons.

As minas de San Finx, Fontaou ou Pena do Seo en Lousame, Vila de Cruces e Vilafranca do Bierzo, así como a Escola de Minas de Madrid son algúns dos escenarios desta coprodución de Agallas Films coa TVG e mais TVE. A aposta do traballo, indica Cons, é "responder a moitos apaixonantes interrogantes" sobre un episodio histórico que, ao seu xuízo, aínda é "inexplicablemente descoñecido" para o público xeral malia ser Galicia unha moi relevante fonte do mineral esencial para o armamento da guerra.

Con estas intencións, di, o documental "non só trata de pescudar na orixe e consecuencias desta guerra económica", senón que tamén tenta "explicar moitos feitos que ocorren na actualidade" a través "da análise daqueles acontecementos". Unha vintena de persoas entrevistadas, recreacións históricas a partir de fotografías animadas, material de arquivo procedente de fontes como o NO-DO e "documentos únicos procedentes de arquivos de todo o mundo" forman parte do material amosado no documental.

Unha vintena de entrevistas e material de arquivo procedente de fontes como o NO-DO guían o documental, tamén composto por recreacións históricas

Unha vez rematada a rodaxe comeza a montaxe do documental, no que Paula Cons traballa xunto ao montador Guillermo Represa. Suso Bello, na fotografía, Sergio Moure, na música, Manuel Viqueira como responsable da posprodución e Carlos Amoedo, na dirección de produción, conforman une quipo no que María Rodríguez foi a encargada da dirección de arte e María Porto, do vestiario.

Agallas Films encadra esta produción no traballo iniciado coa realización de Lobos Sucios, o filme ambientado nunha mina de volframio explotada polos nazis na Galicia de 1944. A chegada de espías aliados para roubar volframio e a procura da axuda dunha mineira a cambio da curación da súa filla doente centraban aquela historia, que levou dous premios Mestre Mateo o pasado mes de abril.

 

 

Rodaxe d'A batalla descoñecida © Agallas Films

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.