A Casa de Rosalía volve abrir a fiestra para celebrar á poeta e o seu ronsel

Presentación da segunda edición do festival 'Abride a fiestra', na Casa de Rosalía © Fundación Rosalía de Castro

Tras o éxito da súa primeira edición, o festival Abride a fiestra volve o 13 e 14 de xullo á Casa de Rosalía en Padrón. O aniversario do pasamento da poeta -o 15 de xullo- é a efeméride que a Fundación Rosalía de Castro converteu nunha efeméride de celebración da súa obra e dos seus múltiples ronseis na cultura galega, enchendo a Casa da Matanza de manifestacións artísticas durante dous días.

A Fundación desvelou este 8 de xullo a integridade dun programa que comezará o sábado, día 13, cun recital poético multilingüe. O Colectivo de Poetas en Bruxelas e diversos autores galegos compartiran versos nunha xornada na que participarán Taha Adnan, Frank de Crits, Geert van Istendael, Serge Meurant, Silvia Vainberg, Bart Wonck, Ramón Neto, Xavier Queipo, Chus Pato e Yolanda Castaño. Esa primeira xornada culminará coa música de Cristina Pato acompañada por Roberto Comesaña.

O aniversario do pasamento da poeta tornou en efeméride de celebración da súa obra e dos seus múltiples ronseis na cultura galega

Xa o domingo, "día grande" da segunda edición do Abride a fiestra, a Casa da Matanza abrirá as súas portas para todas as persoas que queiran visitala e participar das actividades. Ester Formoso e Carlos Ocaña darán vida a Rosalía e Murguía nunha xornada na que a Casa Museo poderá ser guiada por persoas expertas en diferentes facetas da vida e obra da autora, como o escritor Pedro Feijóo, o profesor e político Francisco Rodríguez, o historiador Xosé Ramón Barreiro, a poeta Olga Novo ou o deseñador Pepe Barro.

Espectáculo de Mercedes Peón no 'Abride a fiestra' do 2018 © Fundación Rosalía de Castro

As músicas de Davide Salvado, Ugia Pedreira ou Cristina Pato animarán o día grande do 'Abride a fiestra', no que persoas expertas na vida e obra da poeta guiarán visitas pola Casa-Museo

Unha feira de produtos rosalianos ou unha ludoteca animarán unha xornada na que tamén haberá oco para o audiovisual -coa presentación do filme Contou Rosalía, de Zaza Ceballos-, regueifas con Lupe Blanco e Kike Estévez e oco especial para a rapazada, nesta ocasión con Paco Nogueiras. Ás nenas e nenos está tamén dedicado o Libro Escolar de Poesía do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro, que impulsa a fundación.

Presentacións de libros e encontros culturais estarán tamén moi presentes nunha xornada que tamén ten moito de musical. Davide Salvado e o seu espectáculo Amarelo; Secho, Ugia Pedreira cunha performance musical sobre Rosalía acompañada por Cristina Pato ou a Coral de Padrón porán banda sonora a un evento que, un ano máis, homenaxeará tamén ás persoas que contribuíron a recuperar a Casa da Matanza e a convertela en Casa-Museo de Rosalía de Castro. Nesta ocasión a Rosa de Galicia irá á familia de Xosé Villar Granjel, un dos impulsores da compra da casa para dedicala a homenaxear a poeta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.