A Chanfaina Lab volve vestir de cine San Sadurniño

Cartel da Chanfaina Lab Dominio Público Praza Pública

A segunda edición do Chanfaina Lab chega a San Sadurniño esta primeira fin de semana de setembro. Máis dunha vintena de cineastas galegos participarán nesta iniciativa audiovisual, posta en marcha pola área de Cultura do Concello, que convida aos participantes a rodar durante dous días nos diferentes escenarios que conforman as sete parroquias do municipio.

A iniciativa anima a rodar durante dous días nos diferentes escenarios que conforman as sete parroquias do municipio

O Chanfaina Lab é unha experiencia de creación audiovisual colectiva que" tenta poñer en valor o territorio rural a través dos ollos de creadoras e creadores galegos". "Unha mestura de directores e directoras de dentro e de fóra do concello de San Sadurniño, de diferentes idades e con experiencias distintas no audiovisual”, aclara o organización, queu aclara queu o certame toma o seu nome dun dos pratos típicos desta zona, a chanfaina, unha comida do rural cociñada con elementos do porco, mesturados nun mesmo prato. 

As actividades arrancaron xa o venres cunha proxección de clásicos do rural galego para todos os públicos. “O Carro e o home” (Antonio Román), “Mamasunción” (Chano Piñeiro),  “O desexo” (Miguel Castelo), “As muxicas” (Alberto Alonso), “A meiga chuchona” (Pablo Millán), “O matachín” (Jorge Coira) ou “Taxia” (David Robles).

Xa este sábado, os participantes coñecerán a Casa do Concello e a súa contorna e recibirán unha serie de indicacións para poder comezar a gravar as súas pezas. Tras a pausa para o xantar, deberán continuar coas gravacións ata á hora da cea. E xa pola noite (23 horas), no Café Dzine, exhibiranse no programa “Eira de cineastas” unha serie de traballos realizados con anterioridade polos participantes desta segunda edición do Chanfaina Lab. 

As pezas do II Chanfaina Lab poderán verse en xaneiro de 2016, nunha proxección aberta a toda a veciñanza de San Sadurniño

Na xornada do domingo os cineastas continuarán completando as súas producións e poderán degustar unha auténtica chanfaina elaborada na Asociación de Veciños “Adiante Igrexafeita”. As pezas do II Chanfaina Lab poderán verse en xaneiro de 2016, nunha proxección aberta a toda a veciñanza de San Sadurniño, tal como a que se realizou este ano coas obras da anterior edición, que ademais xa levan meses circulando por distintos festivais audiovisuais.

Serán un total de 24 creadores os que visitarán San Sadurniño esta fin de semana. Algúns deles, Roberto Bouza, Sabela Íñiguez, Patricia Lamas, Abel Vega, Fran Bermúdez, Ary López ou Miguel Sanjurjo son locais, pero a maioría proceden de distintos puntos da xeografía galega. Alberte Branco, Antón Caeiro, Ana Domínguez, Eloi Enciso, Álvaro Gago, Mar García, Xiana Gómez, Oliver Laxe, Giselle Llanio, Miguel Mariño, Natalia Porca, Carlos Quirós, Susana Rei, Sandra Sánchez, Diana Toucedo, Gonzalo Veloso e Lucía Vilela compoñen o cartel.

Cartel da Chanfaina Lab Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.