"A cultura galega pronto non se entenderá sen os espazos autoxestionados"

Exterior da Casa Tomada Dominio Público A Casa Tomada

"Deica logo, raparigos! Despois de dous anos marabillosos, impagábeis, plenos de actividade, vémonos abocados a un descanso". A comezos de agosto o equipo fundador e xestor do Centro Social de Intervención Artística A Casa Tomada, localizado na estación de tren da Coruña, anunciaba o remate do proxecto. Facíao polo desgaste, pola imposibilidade de manter a intensa actividade que caracterizara o espazo dende o verán de 2013, e que ata ese momento desenvolveran de forma completamente voluntarista, sacando horas de aquí e de alí. "Antes de facer as cousas a desgana ou de calquera maneira, preferimos parar e valorar o estado da cuestión desde a non-presión dunha programación abafante e dun ritmo de contactos e propostas desbordante", destacaban.

Era, como dicían, un deica logo, non un adeus. O relevo xa estaba en marcha, e un novo equipo, que xa estivera colaborando na Casa, faríase cargo da xestión, "á súa maneira, coas súas ideas", pero mantendo o carácter aberto e autoxestionado do centro e a vontade de colaborar e difundir iniciativas sociais e artísticas. Un equipo que desvelará nos vindeiros días algúns aspectos do que será o seu proxecto para a Casa Tomada.

Foron dous anos de concertos, artes escénicas, cinema, eventos infantís, simposios, xornadas de divulgación, exposicións, coloquios e festas, que nun período moi breve converteron a Casa Tomada nun espazo imprescindible na vida cultural e social da Coruña. En total, sumou neste tempo máis de 8.000 persoas socias, que asistiron a algunha das súas actividades. "Foi un auténtico pracer participarmos da revitalización cultural dunha cidade que tanto queremos. Foi outro pracer seguir o ronsel doutras iniciativas que nos ilusionaron nos últimos anos e que nos marcaron o camiño nesta andaina. Foi un pracer inmenso vivir unha resposta sen precedentes na cidade para un proxecto autoxestionado que, boa noticia, resultou totalmente sustentábel do punto de vista económico", destacaban na súa despedida. Unha despedida que se fixo efectiva nunha festa celebrada o pasado 29 de agosto.

David Paz, un dos fundadores do espazo, recoñece que nesa festa de despedida "acumuláronse as emocións". Por unha banda, di, "o traballo destes dous anos viuse recompensado nese acto simbólico". "Non só ese día, senón dende que anunciamos publicamente o final desta etapa, recibimos pola rede e en persoa moitas mensaxes de ánimo, de agradecemento, de cariño, mesmo de entusiasmo, por todo o que tentamos facer neste tempo", destaca. A esa alegría uniuse "unha certa sensación de mágoa por deixar un proxecto, un fillo que fomos creando entre todos, e sen tempo para velo crecer". "Custou moito botar a andar este proxecto, comenzando polo rescate dun local que estaba ruinoso, que estaba destinado ao esquecemento. O que quixemos foi responder a ese grande apoio de recibíramos a través da campaña de crowdfunding inicial, que superou os 4 mil euros".

David Paz salienta que o máis importante e que "o proxecto callou na cidade", algo que queda demostrado "pola vontade deste grupo de persoas que continuar con el"

David Paz salienta que o máis importante e que "o proxecto callou na cidade", algo que queda demostrado "pola vontade deste grupo de persoas que continuar con el". "Son persoas que foran colaborando connosco e que cando viron que nós nos tiñamos que facer a un lado, decidiron dar un paso adiante e continuar cun proxecto en base aos seu principios básicos, de colaboración cultural e artística na cidade e sen ánimo de lucro". "Vemos ese pouso, tamén, no feito de que a pesar de que hai semanas que xa non temos actividade, seguimos recibindo peticións de grupos, de artistas, de colectivos, para empregar a Casa, porque o resto da oferta que hai cidade non lles chega ou non se axusta ao que queren", engade.

 

As eivas do proxecto

É tempo de mirar atrás de facer balance dos acertos e das fortalezas da Casa Tomada, e tamén da súas eivas, de proxectos e ideas que non puideron ver a luz, en boa medida por insuficiencias estruturais ou de financiamento. "Dende o comezo tiñamos ideas que quedaron non tinteiro por iso mesmo", destaca. "Tivemos limitacións de financiamento, por suposto. Recibimos axudas da Deputación da Coruña, pero que se conceden para un período máis longo, de cinco anos, e que esixen un desembolso económico inicial moi grande, que logo recuperas. Iso limitaba moito o noso labor, tamén a mellora do local ou a aposta pola realización de actividades permanentes", explica.

"Tamén nos faltou conseguir un equipo estable, máis amplo, para colaborar na xestión, e que puidese rotar. Espero que nesta nova etapa se logre"

"A falta de persoal e de tempo tamén limitou as nosas posibilidades de comunicación, aínda que tiñamos un proxecto moi potente de difusión a través das redes. Esas eivas na comunicación pode que nos impedisen chegar a moita xente. De feito, debido a que a nova do peche se difundiu bastante, iso fixo que nesas semanas se achegase a nós moita xente que non escoitara falar da Casa nos dous anos anteriores", di. "Tamén nos faltou conseguir un equipo estable, máis amplo, para colaborar na xestión, e que puidese rotar. Espero que nesta nova etapa se logre; nós imos estar aí, tamén, colaborando no que poidamos", engade.

 

A saúde da cultura na cidade

Asistimos nos últimos anos a unha revitalización cultural da Coruña? "Na cidade vexo moita vontade de articular este tipo de propostas. É certo que estas iniciativas moitas veces nacen e morren, e nós somos un exemplo diso. Pero o importante nestes casos é que haxa relevo, vontade de continuidade", destaca David Paz. "En Montealto acaba de nacer A Comuna" -sinala- "E hai varios exemplos na cidade, xurdidos nos últimos anos, e que seguen a nacer, de iniciativas culturais, artísticas e sociais, ou de librarías, mesmo en barrios coma a Cidade Vella que tradicionalmente quedaban un chisco máis esquecidas". "Ao mesmo tempo, tamén desaparecen outras iniciativas, como LaTuerka27, hai luces e sombras", sinala.

"Na cidade vexo moita vontade de articular este tipo de propostas. É certo que estas iniciativas moitas veces nacen e morren, e nós somos un exemplo diso. Pero o importante nestes casos é que haxa relevo, vontade de continuidade"

"A nivel oficial ou institucional neste momento a cidade goza dunha saúde excelente. A nivel institucional pouco máis se pode facer", destaca. "Se cadra o que falta, a nivel de movementos sociais ou de iniciativas privadas, é articulación. Esta falta de articulación é unha debilidade para todos. Hai relacións puntuais, todos sabemos dos uns e dos outros, pero non hai unha articulación estable. Habería que afondar aí", destaca.

 

Unha cultura autoxestionada

A actividade da Casa Tomada na Coruña, do Liceo Mutante en Pontevedra e doutros espazos autoxestionados veu osixenar nos últimos anos a cultura galega. Máis importante aínda que a súa función como espazos físicos para a organización de eventos foi se cadra o seu papel como punto de encontro, como xerador de redes. Nodos abertos, núcleos de experimentación e de democratización, un campo para o traballo conxunto de creadores e movementos sociais. "Creo que a cultura en Galicia pronto non se vai entender, non se entende xa, sen este tipo de espazos e iniciativas", destaca David Paz. 

"Estes últimos anos anos estiveron marcados polos proxectos autoxestionados, por proxectos nos que as persoas deciden dotarse do que necesitan para exercer o seu ocio, pero tamén para a súa actividade laboral, para a súa vida"

"Estes últimos anos anos estiveron marcados polos proxectos autoxestionados, por proxectos nos que as persoas deciden dotarse do que necesitan para exercer o seu ocio, pero tamén para a súa actividade laboral, para a súa vida", afirma. "Moitos artistas entenden que a súa forma de traballar e de crear, as súas actuacións ou obradoiros, non encaixa nas estruturas que na actualidade poñen en marcha as institucións culturais oficiais", explica. "Todas as opcións culturais existentes nun lugar, nunha comunidade, son necesarias, todas cumpren un papel, e tamén as iniciativas autoxestionadas", di.

"Estivemos nalgunha festa de apoio ao Liceo Mutante, eventos nos que participou moita xente, e alí decatábaste da forza destas iniciativas, con capacidade para vincular cultural e socialmente dúas cidades non tan próximas na xeografía", comenta. "Un vínculo e un traballo conxunto que resultou moito máis sinxelo e automático que se o fixesen dúas institucións oficiais. Sobre todo porque compartimos a forma de traballar e a forma de entender a cultura ou a arte", engade.

Exterior da Casa Tomada Dominio Público A Casa Tomada
Concerto na Casa Tomada © Sonia Méndez
A Casa Tomada acolleu tamén residencias artísticas, coma a de Carolina Fernández © Casa Tomada
Xuntanza da Área de Escénicas da Casa Tomada © Casa Tomada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.