- 🟪🟧🟦 EN VINTE | 🔊PODCAST - Vinte de Foliada, a tradición é agora
Despois dun primeiro intento en 2018, o proceso reiniciou en 2024 e culmina agora outorgando o máximo nivel de protección á música e baile tradicionais
Na primavera de 2018 a Xunta activou o expediente para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional. Dous anos máis tarde o propio Goberno galego paralizou o proceso admitindo que, durante o trámite de alegacións, recibiran abondosas achegas "persoas e asociacións, entre eles colectivos relacionados coa antropoloxía e o patrimonio etnolóxico de Galicia, e tamén co propio baile tradicional", que advertían de que o expediente non tiña en conta "o conxunto dos valores" desta expresión da tradición.
A Consellería de Cultura admitira daquela a necesidade de "revisar e completar a proposta" con accións como ampliala á música tradicional, presentándoa como "unha única manifestación do patrimonio cultural inmaterial" xunto ao baile. Tamén "ampliar a relación de prácticas sociais do baile e música tradicional galegas na actualidade" e "revisar as medidas de salvagarda propostas".
O expediente "recoñece a fonda pegada no pasado e no presente de Galicia da práctica tradicional do baile e da música, a súa dimensión histórica e a súa importancia como espazo de intercambio, de aprendizaxe, de sociabilidade ou de diálogo"
Esa revisión acabou demorando máis de catro anos. O proceso reiniciou a finais de 2024 e agora, ás portas de 2026, o Consello da Xunta vén de aprobar o decreto que fai formal esa declación BIC. Á espera da divulgación completa do seu texto "nos vindeiros días" a través do Diario Oficial de Galicia, o Executivo avanza que "outorga o máximo nivel de protección" a música e baile recoñecendo que "na tradición cultural galega o baile precisa da música para expresarse, polo que é inseparable dela".
Tras "recibir informes favorables e motivados" do Museo do Pobo Galego e do Etnolóxico de Ribadavia e "achegas das comunidades e das entidades implicadas", especifica Cultura, a Xunta sinala que o expediente "recoñece a fonda pegada no pasado e no presente de Galicia da práctica tradicional do baile e da música, a súa dimensión histórica e a súa importancia como espazo de intercambio, de aprendizaxe, de sociabilidade ou de diálogo".
O decreto recoñece o “gran protagonismo que teñen as mulleres no folclore galego”, destacadas como "as principais custodias, capaces de conectar e reintegrar a tradición centenaria do pasado rural campesiño co presente urbano, con vocación de ficar no futuro"
O decreto tamén pon en valor “o gran labor que realizan as asociacións folclóricas” e das representacións escénicas como transmisores, estudosos e custodios de saberes do patrimonio inmaterial e da súa documentación, como por ser parte fundamental da difusión da identidade cultural galega.
Tamén se recoñece o “gran protagonismo que teñen as mulleres no folclore galego”, ao ser destacadas como "as principais custodias dunha parte senlleira da memoria colectiva galega, capaces de conectar e reintegrar a tradición centenaria do pasado rural campesiño co presente urbano, con vocación de ficar no futuro". De igual xeito, outórgaselle un papel relevante á figura de portadora, aquela que posúe saberes, coñecementos, técnicas e métodos relacionadas co estudo, memoria, e vivencia do baile e da música tradicional galega.
Ademais do recoñecemento, recóllense unhas medidas de salvagarda para garantir a protección desta herdanza cultural e o legado patrimonial inmaterial contido na música e no baile tradicionais
No expediente recoñécese tamén o traballo de transmisión e difusión que se fai desde o tecido asociativo, nas escolas de ensino regrado e non regrado, nas agrupacións, desde os proxectos musicais ou desde as foliadas que se organizan en todo o territorio galego.
Medidas de protección
Ademais do recoñecemento, recóllense unhas medidas de salvagarda para garantir a protección desta herdanza cultural e o legado patrimonial inmaterial contido na música e no baile tradicionais. Estas medidas de protección teñen tres grandes focos de actuación: o primeiro esté vencellado coa investigación, o segundo punto incide na transmisión, no ensino e na sensibilización, e o terceiro está encamiñado á protección, á conservación, ao mantemento e á revitalización.
Propiciarase que o sistema universitario galego contribúa ao fomento activo da investigación científica e académica sobre o baile e a música tradicional galega
Deste xeito, propiciarase que o sistema universitario galego contribúa ao fomento activo da investigación científica e académica sobre o baile e a música tradicional galegas. Ademais, tamén se posibilitará que os organismos e as administracións públicas asinen convenios con fundacións, asociacións ou padroados de titularidade privada de cara ao inventario, á catalogación, e á dixitalización de arquivos sobre material de música e bailes tradicionais.
Ademais, solicitarase a colaboración do colectivo de docentes de Galicia para a elaboración de materiais didácticos no ensino formal de cara á adquisición de coñecementos básicos de baile e música tradicionais de Galicia.
Finalmente, prevese que dentro de nove anos se elaborare un estudo de actualización que avalíe o estado do ben de interese cultural e do impacto que sobre este exerceron tanto os procesos contemporáneos como a aplicación destas medidas de salvagarda.