Segundo intento para declarar o baile e a música tradicionais como ben de interese cultural

Música e baile tradicional durante as festas de San Froilán de Lugo © Concello de Lugo

Cultura retoma o expediente que freou en 2020 tras recibir numerosas alegacións que advertían de que estaba a impulsar unha incompleta declaración BIC sobre o baile tradicional

Na primavera de 2018 a Xunta activou o expediente para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego. Dous anos máis tarde, en marzo de 2020, o propio Goberno galego paralizou o proceso. Fíxoo admitindo que, durante o precepto trámite de alegacións, recibiran abondosas achegas "persoas e asociacións, entre eles colectivos relacionados coa antropoloxía e o patrimonio etnolóxico de Galicia, e tamén co propio baile tradicional", que advertían de que o expediente non tiña en conta "o conxunto dos valores" desta expresión da tradición.

Foi por iso que a Consellería de Cultura admitira a necesidade de "revisar e completar a proposta" con accións como ampliala á música tradicional, presentándoa como "unha única manifestación do patrimonio cultural inmaterial" xunto ao baile. Tamén "ampliar a relación de prácticas sociais do baile e música tradicional galegas na actualidade" e "revisar as medidas de salvagarda propostas". Unha vez feito, avanzaban, lanzarían outra volta o expediente.

Espectáculo da formación coruñesa Xacarandaina © Xacarandaina

Ese novo lanzamento tardou algo máis de catro anos e vén de chegar ao Diario Oficial de Galicia, que este 25 de novembro publica o inicio do "procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a música e o baile tradicionais de Galicia". O expediente principia aludindo a fontes etnográficas dende Vicente Risco a Antón Fraguas, entre outros, sobre unha "práctica lúdica da música e do baile" que "antigamente" se desenvolvía baixo "diversos nomes segundo as comarcas", tales como "foliada, serán, ruada, fiadeiro ou polavila".

O expediente detalla como no século XX rachou "a cadea secular de transmisión" deste patrimonio cultural inmaterial, que actualmente vive "un notable rexurdimento" ata volver ser unha "práctica viva, dinámica e participativa" 

"A mediados do século XX -continúa a resolución publicada no DOG- a cadea secular de transmisión e reprodución do patrimonio cultural inmaterial galego sufriu un grave impacto e un forte menoscabo, consecuencia do principio da fin da sociedade tradicional". E nese punto, agrega, "a reacción da sociedade civil, asociacións e persoas singulares conseguiu salvar e documentar a música e o baile tradicionais de Galicia", con persoas e asociacións que "asumiron con grande esforzo e notable éxito a tarefa de transmitir e manter vivo o noso patrimonio cultural inmaterial" ata "reintegrar nos tempos actuais esta senlleira tradición dos devanceiros".

Na actualidade, especifica, esta práctica é "en xeral, autoxestionada polas comunidades locais" con mostras como o "notable rexurdimento" dos seráns como "espazos de lecer e gozo popular". Así, "a interrupción nas canles de transmisión" o século pasado "está a ser revertida no contexto dunha práctica viva, dinámica e participativa do amplo repertorio de prácticas e saberes tradicionais, cuxo valor patrimonial é recoñecido e asumido pola comunidade de xeito crecente".

As Leilía realizaron un intenso labor de recollida de coplas e músicas tradicionais © Moncho Fuentes

Neste contexto, trátase de preservar como BIC a música tradicional, "os bailes que se executan seguindo os códigos e as convencións propias do baile tradicional galego" como "manifestación participativa e espontánea", tamén as formas máis pautadas con "movementos e coreografías" ou as "recreacións e reconstrucións escénicas". O expediente define, por exemplo, o que son os puntos, os soltos e os agarrados, as muiñeiras ou as xotas. 

A declaración BIC aborda o que son os puntos, os soltos ou os agarrados e a "comunidade portadora" deste ben cultural, dende as persoas que tocan ou bailan ata informantes, alumnado ou profesionais da construción de instrumentos

Por esas manifestacións, detalla, vela unha "comunidade portadora" composta por "cantadoras, instrumentalistas e bailadoras", as "mestras" que actúan como informantes ou docentes, así como quen baila e canta de maneira profesiona, o alumnado de canto, baile e práctica instrumental e as persoas dedicadas á artesanía e a construción de instrumentos.

En canto ás medidas de "salvagarda" do ben, o expediente propón accións de investigación, de "transmisión, ensino e sensibilización" e de protección, mantemento e revitalización. Como no primeiro intento, ábrese agora un prazo de tres meses de información pública e recepción de alegacións. O baile e a música tradicionais xa están, en todo caso, preventivamente inscritas como "manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia" e sucederá o mesmo no inventario xeral estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.