As foliadas, no camiño de seren Ben de Interese Cultural polo seu carácter de "manifestación festiva comunitaria"

Foliada en Compostela CC-BY-SA Noel Feáns

O proceso para acadar a categoría de Ben de Interese Cultural segue a avanzar coa entrega na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do Informe técnico para a incoación da foliada como BIC

As foliadas van camiño de ser recoñecidas como Ben de Interese Cultural. O proceso para acadar esta categoría segue a avanzar coa entrega na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia do Informe técnico para a incoación da foliada como BIC, que vén de publicar na súa web a Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro)

O documento, que foi realizado pola empresa Ab Origine, define o concepto de foliada, analiza a súa implantación territorial e difusión social, percorre a súa historia e distintas denominacións e debulla as características das súas "persoas portadoras": intérpretes (cantadoras, instrumentistas e bailadoras), mestras, alumnado, informantes patrimoniais, investigadoras, compiladoras, artesáns e luthiers. Finalmente, fai un diagnóstico das súas "fortalezas" e "debilidades" e fai unha proposta de medidas de conservación e salvagarda.

Foliada nun instituto da Estrada © Ies Nº 1 A Estrada

O informe fai un diagnóstico das súas "fortalezas" e "debilidades" e fai unha proposta de medidas de conservación e salvagarda

O informe comeza definindo a foliada como unha "manifestación musical, festiva, popular específica de Galicia e dos galegos e galegas" que se caracteriza "por ser unha manifestación social participativa, comunitaria, cun alto grao de improvisación e esponteaneidade tanto formal como musical, na que se producen simultaneamente o canto, o baile e a práctica instrumental da música tradicional galega".

O texto detalla que o pasado ano se celebraron máis de 120 foliadas, especialmente na provincia de Pontevedra (45%)

O texto mesmo incorpora datos sobre a realización de foliadas na actualidade, detallando que o pasado ano se celebraron máis de 120 foliadas, especialmente na provincia de Pontevedra (45%), seguida da da Coruña (27%), cun 19% en Lugo e un 7% en Ourense; ademais, recolle un 1% na "Galicia estremeira" e un 1 % noutros territorios da Península.

As Tanxugueiras, na Foliada de Melide CC-BY-SA Cossue

Proponse apoiar "as persoas e pequenos colectivos que transmiten os coñecementos que son necesarios para poñer en práctica o baile e a música tradicional e que organizan foliadas nos seus entornos"

Entre as medidas de salvagarda propostas, aparecen o incremento da investigación, estudo e documentación sobre esta práctica e, sobre todo, da "transmisión, educación e sensibilización" a través do "apoio ás persoas e pequenos colectivos que transmiten os coñecementos que son necesarios para poñer en práctica o baile e a música tradicional e que organizan foliadas nos seus entornos, animándoos a andar cos tempos e a que fomenten no ensino".

Ademais, apóstase por "elaborar materiais didácticos para integrar no ensino regulado da educación primaria e secundaria obrigatorias e no ensino superior (currículos universitarios, conservatorios de música e danza e formación específica de profesorado) coñecementos básicos de baile e música tradicional galega".

As foliadas "son selva e son chan. Son selva porque son desordenadas, xorden segundo a necesidade do entorno e das persoas que están alí desfrutándoa. E son chan porque é territorio e é comunidade"

Así mesmo, no documento inclúese un glosario de termos vencellados coas foliadas e, igualmente, testemuños de persoas sobre esta celebración. Entre elas, unha definición dunha moza de 26 anos de Compostela, que sinala que as foliadas "son selva e son chan. Son selva porque son desordenadas, xorden segundo a necesidade do entorno e das persoas que están alí desfrutándoa e creándoa e sobre todo ocupa espazo; ocupa o espazo que é seu neste caso, o espazo público, reaprópiase da rúa. E son chan porque é territorio e é comunidade".

Engade que "é un espazo no que a xente que non se sinte quen de corresponder a un status de palco se sinte quen de desfrutar, de bailar e de tocar nun espazo de chan, nun espazo de terra, porque realmente a cultura popular é iso: é chan".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.