A Deputación da Coruña impulsa un congreso pioneiro sobre o "silenciado" reino medieval de Galicia

Xurxo Couto, Xosé Lois Vázquez e Anselmo López Carreira, na presentación do congreso CC-BY-SA Deputación da Coruña

O congreso, pioneiro en Galicia, pretende deitar luz sobre o Reino de Galicia, "unha realidade calada, silenciada e relegada pola historiografía oficial"

Un congreso para deitar luz sobre "unha realidade calada, silenciada e relegada pola historiografía oficial". Un congreso sobre o reino medieval de Galicia impulsado pola Deputación da Coruña que se desenvolverá entre o 19 e o 22 de setembro no Museo do Pobo Galego, o "primeiro deste tipo e temática" que busca, segundo os organizadores, "poñer fin á ocultación" que sofre esa etapa da historia do país. 

"Non debemos dar por boa a historia oficial", advertiu Xurxo Couto, deputado de Cultura da entidade provincial, na presentación dun congreso para o que se habilitarán as inscricións xa o vindeiro mes de xuño na súa web específica e que contará coa presenza de numerosos historiadores de diferentes partes do mundo que contribuirán a recuperar unha "memoria que se perdeu por completo", como asegurou Anselmo López Carreira, un dos comisarios xunto a Xosé Lois Vázquez.

Xosé Lois Vázquez e Xurxo Couto, na presentación do congreso CC-BY-SA Deputación da Coruña

"O obxectivo é sacar a luz a existencia do reino en clave positiva, amosando a importancia que tivo na Idade Media", insistiu López Carreira, que advertiu de que as xornadas non abordarán "as razóns do esquecemento" ou do emprego de denominacións como "reino de Asturias, de León ou galaicoleonés" respecto deste período fundamental da Historia, algo que, dixo, xa foi abordado en varias publicacións.

"O Reino de Galicia foi unha realidade política desde o século V ata o XV e desapareceu oficialmente en 1834", lembrou sobre o que foi "o reino máis antigo da Europa Occidental" e cuxo auxe e importancia na Idade Media centrará o congreso do vindeiro mes de setembro. 

Dezaoito relatores e relatoras

Este congreso, ademais, forma parte dun proxecto máis amplo que a área de Cultura da Deputación da Coruña ten sobre o tema, que inclúe o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galiza. Cunha dotación de 250.000 euros, a institución coruñesa financia ata 20 proxectos -de ata 15.000 cada un- para "contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galiza".

Para o congreso ofrecerase a posiblidade de realizar a inscrición para cada unha das sesións e está prevista a participación de 18 relatores e relatoras de diferentes perfís que "abordarán cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do Reino medieval de Galiza" e que proceden de diferentes institucións, entre as que destacan as universidades de Berkeley, Barcelona, Santiago de Compostela e Oviedo. 

Cartel do congreso sobre o reino medieval galego CC-BY-SA Deputación da Coruña

Entre os relatores, Jaume Sobrequés, Pablo C. Díaz Martínez, Mariña Bermúdez Beloso, Carlos Baliñas, Alberte Lago Villaverde ou o propio Anselmo López Carreira, un dos maiores coñecedores do Reino de Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.