Hai apenas dúas décadas comezaron a emerxer -nalgúns casos, non sen algunha controversia- imaxes e representacións de referentes históricos da cultura galega adaptados á linguaxe da cultura popular. Camisolas, obras de deseño gráfico, graffiti ou música revisitaron a persoeiros como Rosalía ou Castelao para dar ás súas letras, imaxe e pensamento un maior percorrido, espallado con claves máis pop.
O Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galiza, lanzado pola Deputación ad Coruña, financiará ata 20 proxectos para "contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos" desta etapa histórica
Un obxectivo semellante é o que persegue neste 2022 a área de Cultura da Deputación da Coruña co seu Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galiza. Cunha dotación de 250.000 euros, a institución coruñesa proponse financiar ata 20 proxectos -de ata 15.000 cada un- para "contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galiza", sinala Xurxo Couto (BNG), deputado de Cultura da institución.
"Temos moitos motivos para sentirmos orgullo da nosa historia medieval, pero dificilmente se pode poñer en valor o que non se coñece", resume Xavier Campos, asesor da área cultural da Deputación coruñesa, para explicar a intención do proxecto. "Non se trata -subliña- de xerar contidos meramente académicos" que cheguen a un público "interesado previamente" no tema, senón de "chegar a un público moito máis amplo". "Trátase -enfatiza- de facer chegar a toda a sociedade que aquí existiu un Reino de Galiza, igual que se fixo co de Asturias ou co de León", en cuxos territorios a percepción vai "alén do contexto histórico e está asentado noutros ámbitos, como o cultural ou o deportivo".
É por iso que este fondo prevé impulsar "proxectos en todo tipo de soportes e formatos". Entran nel libros e discos, pero tamén "merchandising, intervencións de cultura urbana", contidos concibidos para as redes sociais ou outro tipo e "produtos vinculados á cultura pop". Poden concorren empresas e persoas autónomas a unha convocatoria que, detallan, xa está publicada no Boletín Oficial da Provincia e entrará en vigor en poucos días, cando complete o trámite de publicación na plataforma estatal de subvencións.
"Sen estudar o Reino de Galiza non é posible comprender as relacións con Portugal, os porqués da 'inventio da tumba do Apóstolo" ou a "natureza histórica" de lugares coma o Panteón Real da Catedral de Santiago, destaca Xurxo Couto, responsable de Cultura da Deputación coruñesa
Na presentación das axudas, Couto bosquexou tamén algúns dos temas e personaxes históricos que é posible tratar en torno ao Reino. "Sen estudar o Reino de Galiza non é posible comprender a propia existencia e as relacións galegas con Portugal, os porqués da inventio da tumba do Apóstolo" ou "o feito de que reis de Castela, Toledo ou León escribisen en galego". Tamén é momento, coida, de afondar na "verdadeira natureza histórica de figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou don García" de episodios históricos como a revolta irmandiña ou de lugares como o Panteón Real da Catedral de Santiago.
Esta foi, en síntese, "unha das etapas máis relevantes da nosa historia social e política", mais tamén "das menos estudadas". "A sociedade galega precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade no futuro" e, dado que "esta é tamén unha das épocas máis manipuladas e terxiversadas no relato oficial" da ditadura, cómpre un esforzo adicional de difusión. Neste sentido, conclúen, o Fondo de Proxectos Culturais é a primeira dunha serie de iniciativas en torno ao Reino de Galicia que a Deputación da Coruña continuará impulsando neste ano e nos vindeiros.