Mondoñedo celebra os 800 anos da súa catedral: o bispado que puido acabar en Braga, A Pastoriza, Foz ou Ribadeo

Vista da Catedral de Mondoñedo © Bispado de Mondoñedo

Bispos doutras dioceses refuxiados na zona consolidaron unha sé que acabou convertendo a vila nunha das sete capitais de provincia do Reino de Galicia

Mondoñedo celebra este sábado, coincidindo coas súas festas grandes das San Lucas, os 800 anos do inicio da construción da súa catedral, a coñecida como a catedral axeonllada polas súas compactas proporcións e reducida altura. Na celebración participará, entre outros, o arcebispo de Braga, lembrando así a azarosa orixe do actual bispado de Mondoñedo-Ferrol que ten a súa sede na catedral mindoniense pero que puido acabar en Portugal, A Pastoriza, Foz ou Ribadeo. 

A orixe de que en Mondoñedo haxa un bispado hai que buscala tanto nas illas británicas como en Portugal, nos dous casos tras a caída de Roma. Por unha banda, nos séculos V e VI a chegada ás illas británicas de pobos xermánicos fixo que poboacións cristiás romano-británicas migrasen, asentándose algunhas no norte de Galicia e creando alí o bispado de Britonia ou Bretoña, que adoita ser identificado coa parroquia de Santa María de Bretoña, na Pastoriza. Pola súa banda, pola mesma época, a mediados do século VI, era creado outro bispado arredor dun mosteiro da localidade de Dume, ou Dumio (próxima á Bracara Augusta capital da Gallaecia romana), fundado por San Martiño de Braga (ou San Martiño de Dumio), consolidándose alí un núcleo do reino suevo que rexía o noroeste peninsular.

Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz Dominio Público Praza Pública

Os bispados de Dumio e Bretoña acabaron confluíndo no de Mondoñedo

Coa caída do reino suevo e as posteriores invasións visigoda e musulmana, e coa destrución de Bretoña polos viquingos, os dous bispados, o de Dumio e o de Bretoña, acabaron refuxiándose nun mesmo lugar, en Foz, no mosteiro de San Martiño de Mondoñedo -igual que os bispos de Braga acabarían refuxiados no bispado de Lugo-. A comezos do século XII a sede trasladouse de Foz a un lugar máis seguro, terra adentro, no Val de Brea, ou Bría, o lugar da actual Mondoñedo que acabou herdando o nome do anterior mosteiro de San Martiño. A sede episcopal aínda pasaría brevemente por Ribadeo antes de que en 1219 comezase a construírse a catedral que agora celebra o seu oitavo centenario. 

Durante varios séculos os bispos de Mondoñedo seguiron recibindo o título de 'Episcopus Dumiensis', como foi o caso de San Rosendo no século X

O bispado de Braga finalmente volvería ao seu lugar de orixe, pero o de Dumio xa non. Durante varios séculos os bispos de Mondoñedo seguiron recibindo o título de Episcopus Dumiensis, como foi o caso de San Rosendo no século X. Na actualidade o bispado de Dumio, ou Dume, segue a existir pero coa consideración de sede titular, sen territorio definido ao cargo, isto é, que xa só existe como título. 

Tras todos eses avatares, Dume, Bretoña ou San Martiño de Foz quedaron reducidas a parroquias mentres que a actual Mondoñedo vía como a construción da catedral hai agora 800 anos, malia estar axeonllada, consolidaba a importancia comercial que xa tiña -e que evidencian as festas das San Lucas e a súa feira preexistente- ata converterse nunha das sete capitais de provincia do antigo Reino de Galicia.

Comezan a baixar do monte os cabalos das San Lucas 2019. Imaxes do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.