As San Lucas volven encher Mondoñedo de feira e festa 861 anos despois

Cabalos ante a Catedral de Mondoñedo nunha edición anterior das San Lucas © Asociación As San Lucas

En Lugo e a súa contorna outubro é un mes de festa. Cando na capital da provincia se apagan os últimos focos do San Froilán, na da vella provincia de Mondoñedo préndense os da feira máis antiga do país, As San Lucas, que xa ten todo listo para a súa edición deste 2017. Son, aínda que semelle esaxerado, 861 anos os que transcorreron xa dende que o rei Afonso VI concedese aos mindonienses a graza de celebrar unha feira durante oito días. Lembrábao este venres Miguel Souto, presidente da Asociación As San Lucas, que presentou a festa que comeza o vindeiro día 17 na Praza de Abastos de Santiago.

Na compaña da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, Souto debullou a historia dunha celebración que ten como primeira xornada clave o propio martes 17, o Día das Vésperas, cando contra as seis da tarde se produce unha das imaxes máis icónicas da celebración. Os gandeiros da contorna suben ao monte para xuntar os cabalos que pacen todo o ano en liberdade e guialos cara á vila, por cuxas rúas descenden e, previo paso por diante da Catedral, chegan ata o campo da feira. "Patean as pedras das rúas, algunha seguro que é a mesma que pisaron os primeiros cabalos que pasaron en 1156", din dende a Asociación.

Despois de que, arredor das sete menos cuarto, os cabalos protagonicen o tradicional paso pola praza da Catedral, o pregoeiro deste ano, o xornalista Miguel Anxo Murado será recibido na Casa do Concello e, a continuación, o grupo de gaitas Arco da Vella será o encargado de interpretar na basílica mindoniense a Marcha do Antigo Reino de Galiza, banda sonora da tradicional homenaxe na tumba do Mariscal Pardo de Cela. Un chisco antes das nove Murado pronunciará o seu pregón no auditorio Pascual Veiga.

O paso dos cabalos ante a Catedral é unha das iconas da festa

O campo da feira é o mércores 18 a cerna da celebración. A tradicional feira de gando centra a atención dunha xornada con xogos populares, ruadas tradicionanis e actividades vinculadas aos cabalos como o concurso de andadura galega. Á noite a música pona o gaiteiro Bras Rodrigo, sen se esquecer da verbnea. Deporte, contacontos ou a cuarta edición do festival Voces da Paula son outras das citas salientables ata achegar á fin de semana, cando os animais volven ter o protagonismo co Concurso Morfolóxico De Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega. Ademais, no propoio sábado chega a Mondoñedo a caravana de tractores clásicos da man da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica.

O domingo 22 será homenaxeada a sección mindoniense das Irmandades da Fala no centenario da súa fundación

As San Lucas do 2017 rematan o domingo, día 22, comezando ás 11 da mañá coa homenaxe a Pascual Veiga, na que participa o coro Cantigas da Terra. E xusto despois, ás 12, no auditorio que leva o nome do compositor que puxo música ao himno galego será homenaxeada a sección mindoniese das Irmandades da Fala no centenario da súa fundación; no mesmo escenario, entregarase o premio Mondoñedo 10, este ano dedicado á poesía. Xa pola tarde os coros tradicionais -Coral de Ruada, Cantigas e Agarimos, Toxos e Froles e o devandito Cantigas da Terra- xuntaranse no Encontro Folclórico e os cabalos volveranse locer no sexto concurso de cabalos trotóns. E así, con música, cabalos e festas, As San Lucas achéganse un chisco máis aos 900 anos de historia.

 

Participantes na feira das San Lucas o pasado ano Dominio Público Asociación As San Lucas
Unha edición anterior das San Lucas Dominio Público Asociación As San Lucas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.