A dirección de RTVE nomeada polo PP recortou un 75% o investimento para cinema en galego

Rodaxe dun filme © Zircocine

Unha das primeiras decisións do PP tras a súa chegada ao Goberno de España foi reformar a lei que rexe o funcionamento de Radio Televisión Española para asegurarse o control dos seus órganos de dirección, unha contrarreforma á que os propios populares se viron obrigados a renunciar o pasado xuño por mor do novo xogo de maiorías no Congreso. Do esquema de poder que está a piques de rematar dependeu nestes anos todo o funcionamento dos medios públicos estatais, tamén no que atinxe ao cumprimento da obriga de investir, segundo o establecido na lei de comunicación audiovisual, o 5% dos seus ingresos na produción de filmes e series, cantidade da que o 60% debe ir parar a contidos realizados nalgunha lingua oficial do Estado. A dirección designada polo PP veu cumprindo esta norma nun contexto xeral de recorte orzamentario, se ben a tesoirada foi moito maior nos idiomas diferentes do castelán e, no caso do galego, a diminución chegou ao 75% nunha lexislatura.

O senador de EH-Bildu Jon Iñarritu vén de recibir a resposta á pregunta que formulara á Corporación RTVE para coñecer os "recursos destinados" pola empresa pública "a proxectos audiovisuais das linguas cooficiais do Estado nos últimos 10 anos". A reposta céntrase, entre outros aspectos, na distribución de fondos para o investimento en "longametraxes en linguas cooficiais" dende o ano 2007 e as cifras, que non inclúen a achega para contidos en lingua castelá, amosan unha forte caída dende a chegada da dirección elixida polos populares, pasando dunha media de 13 millóns anuais na derradeira lexislatura do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero (2008-2011) a un promedio de 7 millóns por ano no mandato da maioría absoluta de Rajoy (2012-2015).

A caída dos fondos para longametraxes en galego está 25 puntos por riba do recorte medio ás achegas da Corporación RTVE para o cinema en idiomas diferentes do castelán

Mentres que a caída media das achegas para producir filmes en linguas diferentes do castelán se achegou ao 50%, no caso concreto do galego o descenso foi máis acusado. Así, durante a lexislatura do 2008 ao 2011 as longametraxes realizadas en lingua galega obtiveron unha achega media anual de 2,03 millóns de euros da Corporación RTVE. No mandato do 2012 ao 2015 este apoio non chegou aos 500.000 euros, un descenso medio anual superior ao 75% resultado dun período no que os contidos en galego sumaron 1,98 millóns de euros fronte aos 8,2 millóns da lexislatura anterior. Nese mandato rexistráronse dous exercicios, 2012 e 2015, nos que os filmes en galego non recibiron fondos ningúns de RTVE. Segundo os datos feitos públicos pola propia compañía, a achega xeral para producións cinematográficas superou nos últimos exercicios os 20 millóns por ano.

En 2012 e 2015 os filmes en lingua galega non tiveron achega ningunha de RTVE

No que atinxe á distribución do apoio de RTVE por idiomas, en ambas lexislaturas os contidos en catalán foron os que recibiron máis fondos nas dúas lexislaturas analizadas: case 37 millóns na última de Zapatero e uns 22 na primeira de Rajoy. No último nandato do PSOE os filmes en galego foron os segundos en apoio público cos devanditos 8,2 millóns, mentres que as películas filmadas en euskera quedaron un chisco por baixo dos 5 millóns e as incluídas pola compañía na categoría de lingua valenciana, 2,4 millóns. No mandato do PP, pola contra, as longametraxes vascas chegaron aos 3,5 millóns, as galegas quedaron por baixo dos 2 e as valencianas non chegaron ao millón de euros.

Estas cifras danse nun contexto no que, alén da produción de filmes, RTVE vén admitir na súa resposta a Iñarritu o diferente tratamento das linguas cooficiais do Estado na súa programación. Alén da obvia preponderancia do castelán, a dirección da corporación pública resalta que mantén Radio 4 como emisora que emite "integramente en catalán" -a súa versión en galego foi pechada nos anos 90- e que produce programas en lingua catalá alén das desconexións informativas. Xunto a ela, lembra que os contidos dos Telediarios e informativos de RNE dos centros territoriais en autonomías con idiomas diferentes do castelán "tradicionalmente emítense nas linguas cooficiais do Estado".

José Antonio Sánchez, presidente de RTVE © RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.