A ESAD de Galicia entra no Instituto Internacional do Teatro da UNESCO

Representación na ESAD de Galicia CC-BY-NC Xunta de Galicia

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia representará aos centros de artes escénicas do Estado no congreso que a entidade da UNESCO celebrará en Dubai

A Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia entra a formar parte do Instituto Internacional do Teatro da UNESCO e convértese no primeiro centro destas características de todo o Estado con participación nesta selecta organización das artes escénicas dependente da institución de Nacións Unidas centrada na transmisión da cultura, da educación, da ciencia e das comunicacións. 

A ESAD de Galicia, situada no barrio vigués de Navia, foi admitida no Instituto Internacional do Teatro (ITI) o pasado 10 de maio despois dun proceso que comezou hai máis dun ano a través do Departamento de Mobilidade e Transición, que ten impulsado o intercambios de profesorado con prestixiosas institucións de educación europeas. A escola está agora inmersa nas probas de admisión para o curso 2021/2022, coas inscricións abertas ata ás 14.00 horas do 17 de xuño.

Departamento de Mobilidade e Transición da escola en Vigo © ESAD de Galicia

O Instituto Internacional do Teatro é a organización máis grande do mundo para as artes escénicas

O profesor da ESAD Fernando Llera foi quen iniciou o proceso de admisión no ITI, que funciona desde 1948 e hoxe é a organización máis grande do mundo para as artes escénicas, con máis de 90 centros distribuídos en todos os continentes. O recoñecemento da UNESCO chega tamén grazas á participación da escola galega no Erasmus+, un programa de intercambio europeo no que alumnado e docentes doutros países veñen a Galicia para completar a súa formación e viceversa. 

O vindeiro encontro internacional do ITI terá lugar en Dubai no ano 2022, a onde acudirá unha comitiva da ESAD de Galicia xunto co Instituto de Danza Alicia Alonso, a outra escola que forma parte do ITI en España, que está integrada na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid. Neste congreso, no que participarán 87 países, a ESAD será a voz das escolas superiores de arte dramática do Estado.

O Instituto Internacional do Teatro procura a integración das artes escénicas en todos os niveis da educación, defende unha financiación axeitada para os proxectos, considera o teatro como unha ferramenta de construción e desenvolvemento de comunidades máis xustas e asertivas, e coida da preservación do patrimonio material e inmaterial ligado ás artes. 

Coa entrada no ITI, a ESAD de Galicia pasa a formar parte da Rede de Educación Superior en Artes Escénicas deste programa educativo da UNESCO, onde os países integrantes toman decisións que repercutirán nos Estados dentro de Nacións Unidas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.