A escena galega di adeus a unha das súas históricas. O pesar percorreu o teatro e o audiovisual do país ao saber este venres do falecemento de Pilar Pereira (Santiago, 1937), unha das pioneiras da interpretación en Galicia, "unha compañeira e unha das nosas actrices máis veteranas, digna de toda a admiración", en verbas da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Marcha "unha compañeira e unha das nosas actrices máis veteranas, digna de toda a admiración", destaca a Asociación de Actores e Actrices de Galicia
Pereira deixa tras de si unha dilatadísima traxectoria profesional que xa fora recoñecida co Premio de Honra Marisa Soto nos María Casares do ano 2013. A profesión teatral quería así recoñecer un percorrido que a levou a traballar en Galicia e noutros puntos do Estado, pero tamén en América, así como en Francia ou Bélxica.
Con experiencia tamén na radio como traballadora de Radio Galicia nos anos 50 do século pasado, Pilar Pereira destacou nos seus inicio recitando poesía. Mostra disto son os dous discos con versos de Rosalía de Castro que gravou en 1960 en Barcelona, nos prestixiosos estudios Odeón-La Voz de su Amo. Daquela xa dera relevantes pasos no teatro en Galicia e despois en Madrid, onde coincidiu exercendo o oficio teatral con directores como Fernando Fernán-Gómez ou Edward Füller.
Teatro Eslava ou Los Goliardos foron algunhas das súas primeiras compañías. Coa segunda viaxou a Francia na etapa na que se instalou en París. Despois, tras o maio do 68, viaxaría a Bélxica, onde concluíu os seus estudos de Psicoloxía e tamén coñeceu a quen sería o seu marido, Jorge Bossa, con quen se mudou a Colombia. Alí foi tamén directora e actriz.
Nos anos 80 volveu cruzar o Atlántico con rumbo a Madrid, pero pouco desois recibiu as primeiras chamadas de Galicia. Ás ordes de Maximino Fernández Queizán preparou Así é que se vos parece de Pirandello e tras a súa estrea en 1991 regresou a Galicia, onde despois participaría en moitas máis producións do Centro Dramático Galego, ademais de crear unha compañía de seu. Nos anos 90 traballou, asemade, con Sarabela Teatro, Compañía Marías, Factoría Teatro, Teatro do Atlántico ou Teatro do Morcego.
Pilar Pereira foi dama do teatro, pero tamén profesional do cinema e, ocasionalmente, tamén na televisión. Na súa traxectoria figuran filmes de Xabier Bermúdez como Rafael, Nena ou León y Olvido. Tamén series de produción galega como Mareas Vivas ou Rías Baixas, así como outras en Madrid, caso de Hospital Central.