“A extrema liquidez da vida contemporánea conduce á neurose”

Marcos Lorenzo ©

Marcos Lorenzo abriu co seu novo libro, ENSER, a nova colección de Galaxia Heterodoxos. A obra foi sen dúbida publicada no lugar acaído, xa que se trata dunha mestura de crónica vital con ensaio filosófico, sociolóxico ou político, ademais de estar estruturada en pequenas pílulas, textos curtiños que condensan moitas a atinadas reflexións sobre a realidade actual. O autor respondeu as nosas preguntas por correo electrónico. 

O libro parte dun cuestionamento da túa visión do mundo que realizaches nun momento de penuria económica (e vital). Que te decataches de que debías cuestionar e por que?

"As persoas necesitamos verdades íntimas, piares que organicen a nosa vida psíquica e social. Principios que poden ser precarios e continxentes, pero que son imprescindibles para a saúde mental. A extrema liquidez da vida contemporánea conduce á neurose"

Tratouse máis dunha sensación que dun razoamento. Algo estaba mal na miña visión xeral da vida. O marco explicativo da realidade non me satisfacía e debía ser corrixido, ou ben non abondaba e debía ser complementado. Ou quizais simplemente estaba canso de dicir sempre o mesmo, desde o mesmo enfoque, cunha análise demasiado estancada que xa non pulsaba as cordas sensibles da vida, cos seus misterios e contradicións. Digamos que precisaba revitalizar o meu pensamento, e que esa necesidade era froito dunha intuición, de algo sentido, e non dun programa de traballo.

Todo é verdade/ todo existe, di o primeiro texto. En que sentido e contra que discursos (en parte o relativismo posmoderno) reivindica este libro a verdade?

Nalgún lugar dixen que se podía ler como un libro relixioso, só que dunha relixión individual, cun único crente e un único sacerdote. Tamén como un libro reaccionario que pon o acento máis na nosa condición animal que na nosa dimensión cultural. Unha das ideas de fondo é que non basta con cuestionar os grandes relatos ou negar os dogmas, como fai o progresismo pos-moderno desde unha óptica próxima ao relativismo científico. Tamén hai que afirmar cousas, hai que dicir algo. Porque as persoas necesitamos verdades íntimas, piares que organicen a nosa vida psíquica e social. Principios que poden ser precarios e continxentes, pero que son imprescindibles para a saúde mental. A extrema liquidez da vida contemporánea conduce á neurose.

Portada de 'Enser' © Galaxia

En relación coa ausencia da verdade, no libro está presente a falta de pluralidade mediática e a figura do opinador dos faladoiros. Por que?

“En determinadas instancias, o enchufe segue a prevalecer sobre o mérito, e o clientelismo sobre a igualdade de oportunidades”

A falta de pluralismo informativo é unha anomalía democrática. Por dicilo graficamente, a metade dos votantes do país non ven reflectida a súa opinión, o seu modelo de sociedade, as súas preferencias ideolóxicas, nas liñas editoriais dos grandes medios de comunicación. Que non haxa un contraste real de visións empobrécenos como sociedade, impide que as mellores ideas prosperen. Esta situación, contraria ao ideario liberal, só contribúe ao mantemento do statu quo, non á mellora das maiorías.

O libro, que se centra en Galicia, fala moito da oligarquía (non democracia) que nos goberna. Cales son os principais axentes desa oligarquía?

Debo dicir que ENSER non é un libro político, nin sequera principalmente político. Trata cuestións políticas que se entrelazan con moitos outros planos da existencia. Pero respondendo á túa pregunta, quizais dun xeito un tanto indirecto, diría que unha sociedade liberal debera garantir a concorrencia en igualdade entre diferentes opcións, sexan mediáticas, financeiras ou partidistas. E tamén debera facilitar que as persoas mellor preparadas ocupasen os postos directivos, sexa na esfera pública ou na privada. 

Digamos que ese xogo concorrencial, esa competencia, en Galicia está alterada ou pervertida por determinadas dinámicas impulsadas por grupos de interese. A análise desas dinámicas e deses lobbies debera ser obxecto de investigación por parte da socioloxía, da ciencia política ou da antropoloxía autóctonas, non me corresponde a min. O que si podo constatar como cidadán é que, en determinadas instancias, o enchufe segue a prevalecer sobre o mérito, e o clientelismo sobre a igualdade de oportunidades. 

Fálase bastante de falsos liberais. Por que? Que ten que ver co calvinismo?

“Galicia non será unha sociedade próspera, dinámica e emprendedora mentres subsistan prácticas clientelares”

Ben, eu respecto e aprecio os fundamentos da filosofía política liberal, por contraste con aquela visión conservadora que considera que o poder debe estar nas mans de certas persoas, familias ou grupos sociais, por xenética ou por mandato divino. Lembremos que non hai tanto tempo aquí chegouse a afirmar que certos familiares de gobernantes na provincia de Ourense aprobaban en maior medida as oposicións pola súa suposta maior intelixencia ou nivel formativo. 

O que eu sinalo no libro son as contradicións flagrantes nalgúns xeradores de opinión que desde as súas tribunas predican o ideario liberal e din apostar porque Galicia sexa unha sociedade aberta, mentres se nutren de subvencións ou doutros acordos pouco transparentes co poder político, ao tempo que loitan contra quen propón cambios na forma de gobernar o país. Obxectivamente o seu labor é gatopardiano: procurar que nada cambie para manter os seus privilexios. Iso non é precisamente liberal. 

Outra idea presente á a desigualdade, ligada en Galicia ao caciquismo. De que maneira?

Se non hai igualdade de oportunidades non hai competición limpa. Conste que eu non creo que a competición deba ser o eixo da vida social, pero se aceitamos ese marco ideolóxico, entón debemos concluír que Galicia non será unha sociedade próspera, dinámica e emprendedora mentres subsistan prácticas clientelares, mentres non circulen libremente as ideas e mentres non haxa políticas sociais fortes que reduzan as diferencias de clase.

Marcos Lorenzo ©

O libro contén tamén unha crítica á ciencia, da que discute a súa neutralidade. Que deberan facer as ciencias sociais en Galicia que quizais non fan?

A ciencia é un invento formidable que contribuíu á mellora das condicións materiais de vida e ao desenvolvemento socioeconómico. Así e todo, tamén é un poderoso axente de homoxeneización cultural, o que leva implícito un problema ecolóxico. Por outra parte, como toda construción humana, a ciencia é un produto histórico, neste caso froito dos avatares da cultura occidental, dos diferentes procesos de industrialización e dos correspondentes tránsitos e combates na esfera ideolóxico - relixiosa. Non é unha verdade divina, redonda, acabada, é un sistema de produción de coñecemento que segue a mudar.

“Algunhas ciencias sociais deberan contribuír en moita maior medida á comprensión da realidade social, política e cultural de Galicia. E niso as Universidades teñen moito que dicir”

O que sucede coas ciencias sociais en Galicia, do meu modesto punto de vista, é que algunhas disciplinas están a ser ben traballadas en termos académicos, como no caso da historia, da economía e da sociolingüística, con equipos, recursos económicos e liñas de investigación ambiciosas e coherentes, e outras están subdesenvolvidas, como a antropoloxía, ou mesmo quizás a psicoloxía e a socioloxía. O que eu vexo é un mapa desequilibrado. Algunhas ciencias sociais deberan contribuír en moita maior medida á comprensión da realidade social, política e cultural de Galicia. E niso as Universidades teñen moito que dicir. 

”O país que se salve só/ xa vai grandiño”. Un dos elementos do libro, que é á vez ficción e ensaio, é o humor. Ou polo menos a ironía. Era parte da túa intención? Que ton quixeches darlle?

O libro, antes que nada, debe entenderse como un exercicio creativo ou artístico. Utilizo todos os recursos que teño a man para mellor comprender a vida neste momento e lugar, tamén o humor, a confesión persoal, os gráficos e esquemas, o paradoxo e a poesía. 

O ton é necesariamente seco, duro, sen artificios, en correspondencia coa dureza da miña vida na última década. Tamén evito o barroquismo e a retórica por fastío, pola saturación de mensaxes e discursos ocos ou tramposos que percibo no día a día. Hai demasiado barullo na sociedade, demasiada linguaxe. Outra cousa é o humor, que para min é sagrado. 

Canto á forma en que está escrito (pequenos textos), lembra algo a Liquidación de existencias. Algún motivo especial para volver a iso?

“O ton é necesariamente seco, duro, sen artificios, en correspondencia coa dureza da miña vida na última década”

Sempre me sentín cómodo no formato aforístico, é o que me resulta máis acaído. Son pequenos apuntamentos da vida cotiá que vou tomando nos meus cadernos, sen afán de estrutura nin fío condutor, apenas flashes e revelacións que me permiten ir trazando un retrato da vida. Primeiro fago acopio desa materia prima e nunha seguinte fase procuro pulila, descartar contidos, engadir outros novos e darlle orde ao conxunto até conformar unha obra. Por outra parte tamén responde ás esixencias da miña vida profesional: dispoño de pouco tempo para elaborar discursos fiados.

O libro fala tamén da voz do corpo, e da das emocións. Por que debemos escoitalas máis? 

Pola miña educación teño tendencia ao logocentrismo, a analizar o mundo utilizando como ferramenta principal o pensamento lóxico racional. Con todo, hai innúmeras dimensións da vida que non son ben expresadas ou entendidas a través desa canle. A propia ciencia ten dificultades para adentrarse no mestísimo universo das emocións. De feito desde hai 2.500 anos os pensadores máis distinguidos de occidente levan contrapoñendo o pensamento elevado fronte ás “baixas paixóns”. E non existe pensamento sen emoción. Seguramente neste asunto as clases populares ou as/os artistas teñan xerado un acervo de coñecemento máis amplo e rico que as elites académicas. 

Neste mesmo sentido, considero que a dicotomía entre alma e corpo que promoveron os teólogos durante séculos é falsa, ao igual que a separación entre coñecemento obxectivo e crenzas ou valores a partir da Ilustración. Mesmo hoxe en día, cando se afirma que “a alma está no cerebro” se está a insistir nese mesmo prexuízo. Por outra parte, o feminismo ten afondado neste asunto, desvelando o carácter político e patriarcal desa mirada. Non existe cerebro sen corpo, somos un todo que pensa e sinte á vez. En definitiva, para min as emocións, as sensacións ou as intuicións son fontes de coñecemento, como tamén o é a dedución lóxica. 

Admítese no limiar que o novo eu resultante da revisión á que deu lugar o libro non acaba de convencerte. En que sentido?

“Para min as emocións, as sensacións ou as intuicións son fontes de coñecemento, como tamén o é a dedución lóxica” 

O libro é un exercicio creativo ambicioso, cun Marcos que se desdobra tentando pensar o mundo dun xeito radicalmente novo, distinto ao que viña afirmando até entón. Ao longo das páxinas de ENSER persevero nesa ficción, até as últimas consecuencias. Porén, visto o resultado, hai textos cos que non estou de todo cómodo ou conforme. Digamos que me satisfai telos escrito, que cumpren un propósito como recurso literario, pero non estou certo de que teñan a suficiente consistencia no eido do pensamento. No entanto tamén hai outros textos dos que aprendín moito e que me fan estar, polo menos en parte, de acordo con esta nova versión de min mesmo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.