Nicole Grueira, deputada e presidenta de Novas Xeracións do PP, e Adrián Villa, concelleiro en Santiago, son os protagonistas dun vídeo gravado no recinto do festival O Son do Camiño e divulgado nos últimos días polos populares galegos no que tentan patrimonializar o gasto público da Xunta en festivais ao tempo que critican o BNG. "O PP na Xunta si aposta polos grandes eventos musicais, non como o BNG en Santiago, que temos as peores festas de toda Galicia", di Villa no vídeo sobre unhas festas municipais da Ascensión que veñen de ter como protagonistas a artistas como Tanxugueiras, Grande Amore ou Guadi Galego.
O vídeo divulgado polo PP está gravado no recinto pechado do Monte do Gozo que acolleu esta fin de semana o festival O Son do Camiño, patrocinado nesta edición pola Xunta a través dunha achega de 3,03 millóns de euros da Axencia Turismo de Galicia. En anos anteriores o patrocinio roldara os 2,5 millóns. Pero non foi gravado durante o festival, senón que os populares tiveron acceso ao lugar durante a preparación do evento.
"Tranquilos, aquí temos a Xunta", din as Novas Xeracións do PP nun vídeo gravado na montaxe de O Son do Camiño que tenta patrimonializar o gasto público e salienta que "Galicia encabeza o ranking de apoio a festivais musicais de toda España"
Nas súas declaracións os populares salientan que "Galicia encabeza o ranking de apoio a festivais musicais de toda España". Ese feito prodúcese "grazas ao apoio da Xunta de Galicia", agregan. Segundo o vídeo, "o PP na Xunta si aposta polos grandes eventos musicais, non como o BNG en Santiago, que temos as peores festas de toda Galicia".
"Pero tranquilos, aquí temos a Xunta", remata o vídeo. Unhas declaracións que se producen cando aínda non se coñece o cartel para as Festas do Apóstolo de xullo e logo de que nas recentes Festas da Ascensión de finais de maio o Concello organizase actuacións de Tanxugueiras, Grande Amore ou Guadi Galego. Ademais, en Santiago como noutros concellos non gobernados polo PP, os gobernos locais veñen queixándose da falta de apoio da Xunta para as súas programacións musicais e festivas.
No caso de O Son do Camiño, por outra banda, é xa habitual que cargos do PP de todo tipo obteñan invitacións e entradas ou ofrezan a posibilidade de conseguilas á marxe da canle oficial de venda.