Unha ducia de citas a non perder nas Festas da Ascensión
As Festas da Ascensión son as festas picheleiras por excelencia. Santiago acolle tamén as festas do Apóstolo, que atraen todos os anos milleiros de persoas á capital de Galicia. Pero a Ascensión é outra cousa, unha festa moi de barrio, de escoitar música na rúa, de bailar... e con tradicións ben apegadas e senlleiras. As festas celébranse entre o mércores 28 de maio e o domingo 1 de xuño, cinco días nas que haberá un pouco de todo, dende a feira cabalar a concertos, dende torneos de chave a actividades infantís. E unha romaría (a Romaría das Flores) que aspira a se consolidar no Parque de Belvís.
-
01
O cartel
O cartel desta edición, autoría de Rosa de Cabanas, está protagonizado por tres mulleres -como adoita facer a autora- e, ademais, remite á música popular das cantareiras e á feira de gando que deu orixe ás Festas da Ascensión.
Para realizar o deseño, a autora apoiouse nunha fotografía dunha feira de gando na Carballeira de Santa Susana no ano 1919 na que aparecen varias mozas en primeiro plano, termando do gando. Estas mozas aparecen na parte inferior do cartel, “como se fosen a raíz oculta", mentres que "na parte superior aparecen as mesmas mozas pero nun tempo actual, con vestimenta contemporánea e portando cadansúa pandeireta. Atención aos zocos, son antigos e son contemporáneos”, explicou a concelleira de Festas, Pilar Lueiro.
-
02
Santiago 40 Pop
As festas celébranse entre o mércores 28 de maio e o domingo 1 de xuño, mais as atraccións están xa na Alameda desde o día 17 de maio e manteranse ata o 3 de xuño.
O primeiro grande evento é o concerto Santiago 40 Pop, que terá lugar o mércores 28 ás 21h na praza da Quintana con Depol como un dos artistas principais, ademais de Ruslana, Adexe & Nau, La Beba, Malva, Javi Chapela, Awi e Leria
-
03
Cantos de taberna
Nesta primeira xornada das festas comezan tamén os xa tradicionais Cantos de taberna, que levarán a música dos Estalotes, do Coro Castrosúa e de @s do 8M polos barrios de San Pedro e de Sar, por San Roque e por Basquiños.
-
04
Folk na Rúa
O xoves 29, Día da Ascensión, a xornada comezará coa tradicional Alborada e cunha Comparsa de Cabezudos dende o Teatro Principal.
A música estará presente todo o tempo, destacando as actuacións por rúas e prazas (no Toural, en Santo Agostiño, en Cerventes, no Obradoiro, en Praterías...) do Grupo de Baile e Música Tradicionais Brincadeira, da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar e do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia.
-
05
Tanxugueiras
O concerto máis esperado desta segunda xornada das festas será o das Tanxugueiras, ás nove da noite na Praza da Quintana. O pasado 17 de maio o trío presentou o seu novo tema, unha reinterpretación de “Meu Amor”, canción de Leilía coa que buscan non só homenaxear a esta formación, senón "a todas aquelas mulleres que gardaron nas súas gorxas o eco das letras e melodías, sementando nelas a memoria que hoxe nos define"
-
06
Real Filharmonía de Galicia
Ese día, ás 20.30 horas, o Auditorio de Galicia acollerá o concerto Máis Alá, da Real Filharmonía de Galicia, con Baldur Brönnimann, como director e a voz de Marie-Claude Chappuis, mezzosoprano.
-
07
Feira cabalar
O Día da Ascensión celébrase a feira cabalar, unha cita tradicional que se celebra no Mercado de Gando de Amio dende as 10 da mañá. Haberá mostras cabalares morfolóxicas e de andadura galega serrada e chapeada e a partir da unha do mediodía celebrarase un grande espectáculo ecuestre de doma.
-
08
Grande Amore no Compofest
O venres 30 celébrase o Composfest que promove a SD Compostela e o Concello de Santiago. Celébrase na Praza da Quintana dende as oito e media da tarde coas actuacións de Grande Amore, a banda liderada polo mariñao Nuno Pico, Howlin’Jaws e Helena Egea. O festival servirá tamén para conmemorar o 90 aniversario da Sala Capitol.
-
09
Raíces na pedra
O sábado 31 será a xornada da Festas dos Maiores, da exposición de vehículos clásicos e contemporáneos ou das escolas de baile tradicional nas prazas da zona vella. No marco desta última actividade terá lugar ás 19.30 na Rúa Travesa o evento Raíces na Pedra, unha homenaxe ás mulleres tocadoras da tradición oral.
-
10
Romaría das flores
Ese día 31 o Parque de Belvís acollerá a Romaría das flores, unha festa ecléctica con concertos, actividades infantís e zona gastronómica que se estenderá entre a unha da tarde e as doce da noite. As bandas galegas De Ninghures, Tona e Ulex comparten cartel coas francesas Alvilda, os italianos The Peawees e o proxecto gaditano Yeli Yeli. O evento recolle parte do espírito da ‘Romaría pop’ cando se cumpriron xa dez anos da súa última edición.
-
11
Uxía Lambona
Na Romaría das flores as crianzas terán espazo e programación propia durante o día con propostas coma Uxía Lambona e a Banda Molona e Xogos Miudiño.
-
12
Queralt Lahoz
Ese día 31 ás 22 horas da noite a catalá Queralt Lahoz levará a súa música á Praza da Quintana, dentro do ciclo SON Estrella Galicia.
-
13
Guadi Galego
As festas pecharanse o vindeiro domingo 1 de xuño, cando se celebrará a XXIV Carreira da Ascensión e tamén haberá circo para a cativada na praza de Mazarelos. Guadi Galego será a encargada de poñer o broche final ás festas picheleiras por excelencia cun concerto ás 20.30 h na praza da Quintana.