A recta final da primavera, os días máis longos, os exames na universidade, as primeiras calores... E en Santiago, as festas da Ascensión. O día da Ascensión cadra este 2025 a 29 de maio e é en torno a esta xornada, do 28 de maio ao 1 de xuño, no que se celebran as festas máis picheleiras, cargadas desta volta de música, en gran medida de música galega.
Tanxugueiras, ás 21h do día grande na Praza da Quintana; Queralt Lahoz (sábado 31, 22h) ou Guadi Galego (domingo 1, 20h30) destacan, no ámbito musical, nunha programación que combina nomes de plena actualidade coas citas máis tradicionais. Dende e o concerto dos 40 Principales (Depol, Ruslana, Adexe & Nau, La Beba, Malva, Javi Chapela, Awi e Leria), o mércores 28 ás 21h tamén na Quintana aos Cantos de Taberna que soarán por diversos barrios ao longo dese mesmo serán.

Os cabezudos, a feira cabalar de Amio, Folk na Rúa ou o XLVIII Torneo da Chave na Alameda son outros dos clásicos dunhas festas da Ascensión nas que, outras volta, tampouco faltan as orquestras. Nesta ocasión pasarán pola Alameda as orquestras Marbella (día 29 ás 22h), Salsarena (venres 30, 22h) e Arizona (sábado 31, 22h).
Os cabezudos, a feira cabalar de Amio, a Romaría das Flores en Belvís, Folk na Rúa ou o XLVIII Torneo da Chave na Alameda son clásicos das festas da Ascensión que non van faltar
O sábado 31 de maio será a xornada da Festas dos Maiores, da exposición de vehículos clásicos e contemporáneos ou das escolas de baile tradicional nas prazas da zona vella e da Romaría das Flores en Belvís. E o último día das festas, o domingo 1, celebrarase a XXIV Carreira da Ascensión e un novo concerto da Banda Municipal, neste caso con Ailá. Tamén haberá circo para Circo para nenas e nenos en Mazarelos ás 19h.
Para o cartel das festas deste ano a artista Rosa de Cabanas, "que centra a maior parte da súa obra na imaxe das mulleres", apoiouse nunha fotografía dunha feira de gando na Carballeira de Santa Susana no ano 1919, na que aparecen varias mozas en primeiro plano, termando do gando. "Apostamos por unha imaxe que rende homenaxe á historia destas festas que, como é sabido, partiron precisamente da feira de gando", salientou a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, na presentación da programación.