Fillas de Cassandra, Lontreira, catro orquestras... Todos os plans da Ascensión 2024

Lontreira, Fillas de Cassandra, a Orquestra Panorama e o cartaz da Ascensión 2024, deseñado por Minia Banet © Concello de Santiago | Lontreira | Fillas de Cassandra

"As festas de toda a veciñanza de Compostela". As festas da Ascensión son consideradas -en contraposición coas do Apóstolo, en plena temporada turística- as máis compostelás. As máis dirixidas á xente que fai vida en Santiago.

Con ese enfoque, o Concello da capital galega vén de presentar o programa da Ascensión 2024, no que varios dos grupos con máis presenza na actual escena musical galega comparten protagonismo cunha manchea de citas tradicionais do 8 ao 12 de maio. Dende a feira cabalar aos cabezudos, do torneo de chave á festa dos maiores ou as orquestras, que desta volta son catro.

Os cabezudos, unha das figuras tradicionais da Ascensión, nas festas de 2023 © Concello de Santiago

A Panorama (mércores 8, Praza do Obradoiro, 22h), a Orquestra Função Pública (xoves 9, Obradoiro, 22h), Los Players (venres 10, Alameda, 22h) e Finisterre (sábado 11, Alameda, 22h) compoñen o menú orquestreiro dunha Ascensión que bota a andar na véspera do día festivo co habitual concerto organizado pola emisora 40 Principales. Será o mércores 8, na Praza da Quintana a partir das 21h, con David Otero, Bombai, Soge Culebra, Lérica, Mar Lucas, Álvaro Mayo, Álex Márquez e Lontreira.

Varios dos grupos con máis presenza na escena musical galega comparten protagonismo nas festas máis compostelás cunha manchea de citas tradicionais do 8 ao 12 de maio

O xoves, Día da Ascensión, o menú musical encabézano Fillas de Cassandra (21h, Praza da Quintana). O venres, no mesmo escenario (20h30), a segunda edición do Compos Fest xunta a Boyanka Kostova, Dios Ke te Crew, André G. S. e Cool Nenas.

Actuacións en diversos puntos da cidade cos ciclos Folk na Rúa (Día da Ascensión) e Escolas de Baile Tradicional (sábado 11) porán os ritmos tradicionais a unhas festas que, tamén durante a xornada do sábado, acollerán un certame de cantos de taberna. Para a rapazada, a Praza de Mazarelos acollerá diversos espectáculos de monicreques da man de Babaluva, Kukas, Larraitz Urruzola , Títeres Alakrán e Viranvolta Tïteres.

Pilar Lueiro, concelleira de Festas de Santiago, e a deseñadora Minia Banet, autora do cartaz da Ascensión 2024 © Concello de Santiago

Como tamén é tradición, as Festas da Ascensión traerán consigo varias citas deportivas. É o caso da carreira Corresán Ruta de Prata de Angrois, o sábado as 17h70, ou a vixésimo terceira Carreira da Ascensión, que organiza o Club Ciclista Compostela. Ademais, o campo de hóckey da USC será este ano escenario dunha nova edición do festival de drons Dron Festival Gaelic GP. O programa enteiro, ilustrado por un coidado cartel de Minia Banet, xa pode consultarse no web do Concello de Santiago.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.