A Xunta cancela polo coronavirus axudas de promoción turística e festivais por 3,7 millóns de euros

Presentación do Fest Galicia do pasado ano, no que se incluíron 12 festivais de música CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego di que as restricións pola pandemia fan “ineficientes” as subvencións que xa convocara pero aínda non resolvera e que vai “reorientar” os cartos nunha “nova planificación”

A Axencia de Turismo de Galicia, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, publica este martes no Diario Oficial de Galicia unha resolución coa deixa sen efecto seis convocatorias de axudas para a promoción turística e festivais de música que suman 3,7 millóns de euros. A Xunta argumenta que as restricións establecidas polo coronavirus fan “ineficientes” esas subvencións que xa convocara pero aínda non resolvera e que vai “reorientar” os cartos nunha “nova planificación”.

Nava Castro, responsable de Turismo de galicia, no centro, na inauguración da oficina de turismo de Baiona, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

En concreto, a Xunta deixa sen efecto as liñas de axudas que convocara para a a mellora de infraestruturas turísticas no medio rural por parte dos concellos (1,2 millóns de euros), a promoción municipal de festas de interese turístico de Galicia (306.000 euros), a contratación de persoal para oficinas de turismo municipais (450.000 euros), a promoción de xeodestinos turísticos (550.000 euros) e bolsas para formación en oficinas de turismo dos lugares de orixe dos turistas (228.000 euros). Tamén cancela o procedemento de adhesión á marca Fest Galicia, ligada ao Xacobeo 2021, para a realización de contratos de patrocinio para festivais de música entre o 1 de xuño e o 30 de setembro (460.000 euros).

En 2019 baixo a marca Fest Galicia patrocináronse doce festivais, varios dos cales xa anunciaron a cancelación da súa edición deste ano

O pasado ano, segundo informou no seu momento a Xunta, baixo esa marca Fest Galicia patrocináronse doce festivais: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival,Cantos na Maré e Caudal Fest. Varios deles, como PortAmérica, Resurrection ou Sinsal anunciaron o pasado venres que cancelan as súas edicións deste ano.

A Axencia de Turismo de Galicia argumenta que “a incerteza que xera o COVID-19 fai pensar nunha menor demanda de servizos turísticos, unha limitación ás concentracións de público e nunha forte baixada do turismo, especialmente o internacional”. Iso a leva, di, a “reorientar os créditos reservados para estas convocatorias de axudas claramente ineficientes nas circunstancias actuais, para elaborar e sustentar economicamente unha nova planificación que permita, por unha banda, reducir o impacto do COVID-19 nas empresas do sector turístico e, por outra, reactivar o sector, readaptalo e preparalo para a recuperación dos mercados e ás necesidades que demanda tras o estado de alarma”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.