A fascinación de Manuel Lourenzo con Drácula volve a escena da man da compañía ButacaZero

Xurxo Cortázar, Xavier Castiñeira, Beatriz de Vega, Carlos Pinilla (arriba), Esperanza Mara e Sophia Rodal sentadas © ButacaZero

A estrea da obra  'A velada de Londres', unha revisión sobre o mito de Drácula dirixida por Xavier Castiñeira, será o vindeiro 4 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

A compañía de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ButacaZero, regresa aos escenarios este setembro tras o éxito maiúsculo da montaxe Iribarne, coa que percorreron teatros de todo o país. A súa nova aposta é A Velada de Londres, unha obra de Manuel Lourenzo que forma parte do volume Veladas Indecentes, coa que o do Valadouro se converteu no ano 1997 no primeiro autor galego en gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática

A obra de Lourenzo propón unha orixinal farsa e fantasía arredor do Drácula de Bram Stoker. A trama arranca cando o procurador Jonathan Harker regresa á súa vida burguesa tras a súa viaxe aos Cárpatos, obsesionado pola figura do Conde. A súa esposa Mina tenta protexelo, pero a entrada en escena dun misterioso doutor –que resulta ser o propio Drácula– desencadea un proceso no que o mundo sobrenatural e atávico vai desprazando a ríxida moral vitoriana

Cartel da obra 'A Velada de Londres' © ButacaZero

A elección desta peza garda unha fonda pegada emocional para Xavier Castiñeira, pois traballou como axudante de dirección do propio Manuel Lourenzo neste texto no inicio da súa carreira. Unha experiencia marcada polo consello que o mestre do teatro galego lle deu naquel entón: "Abre os ollos e róubame o que poidas". Agora, e coa súa compañía, ButacaZero, o director devolve aquel xesto de xenerosidade cunha montaxe que definen como "rigorosa, luminosa e chea de gratitude".

Sobre o escenario estarán os actores Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro, e a soprano e violonchelista Esperanza Mara

Lonxe do terror convencional, A Velada de Londres de Manuel Lourenzo explora a tensión entre os instintos e a razón, entendendo a 'vampirización' como un acto de amor, liberación e aceptación do desexo. Neste caso, a lectura de Xavier Castiñeira triangula o universo orixinal de Stoker, o texto de Lourenzo e unha potente dimensión escénica. A atmosfera vitoriana vaise transformando gradualmente a medida que a natureza e o elemento sobrenatural se apoderan do espazo.

O elenco combina actores de ampla traxectoria como Xurxo Cortázar (Iribarne, Shakespeare en Roma, O Premio) con promesas emerxentes da escena como Sophia Rodal e Teo Piñeiro, mantendo vivo así o espírito do autor do Valadouro de apostar sempre por darlle pulo ao talento mozo. 

Elenco da obra: Esperanza Mara, Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro © ButacaZero

A proposta de ButacaZero tamén conta coa presenza constante no escenario da soprano e violonchelista Esperanza Mara, que cantará e interpretará a banda sonora, creada por Iago Hermo para a ocasión, en directo e interactuando na acción dramática.

Castiñeira rodéase para a dirección desta obra de Violeta Martínez no deseño de luz, Beatriz de Vega para o deseño do espazo escénico e de Carlos Pinilla como figurinista.

Cada función contará no vestíbulo dos teatros cunha exposición itinerante para espallar o legado de Manuel Lourenzo

Esta montaxe quere homenaxear a Manuel Lourenzo co obxectivo de espallar o seu legado alén das súas coñecidas aparicións na televisión (Mareas Vivas, Fariña). Por este motivo, cada función contará no vestíbulo dos teatros cunha exposición itinerante deseñada conxuntamente entre o propio Castiñeira e Paco Oti, e mais coa axuda da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor. 

Ademais, no outono impulsarán encontros e xornadas de reflexión arredor da súa figura, como xa sucedeu no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. As entradas para a estrea, o vindeiro 4 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, xa están á venda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.