"A Galicia que respirou, ou a que non chegou a ser pero case case xermola, é moi descoñecida"

Xabier Paz CC-BY-SA AELG

Xabier Paz (A Coruña, 1949) foi biólogo mariño antes que escritor. E antes de escritor, lector voraz. Dedicado a estas e outras tarefas, non se converteu en autor (publicado) ata os seus anos de madurez, debutando na poesía en 2001 con Sedimentos e na narrativa en 2008 con Renacer. Porén, dende entón virou nun autor prolífico, con obras como As vidas de Nito, Aníbal e a pintora ou Galileo no espello da noite, novelas históricas nas que a partir dos feitos documentados, fabula sobre as vidas e paixóns de personaxes como Xelmírez, Galileo ou Artemisia Gentileschi, cun gran protagonismo para as protagonistas femininas.

"Xelmírez é unha figura indiscutible na formación histórica, cultural e relixiosa de Galicia. Pero resultoume moi difícil achegarme á súa humanidade. O -chamémoslle así- tópico ou mito tapábame a figura humana"

En 2023 regresou á novela histórica con O libro e o tapiz (Xerais), unha obra na que nos fai viaxar ao Reino de Galicia dos séculos XI e XII a través de dúas figuras tan senlleiras coma o bispo Xelmírez e a raíña Urraca. E, ademais, vén de entregarnos unha nova obra de xénero histórico, A filla de Lucrecia (Belagua), desta volta ambientada no século XVII e coa actividade da Inquisición como pano de fondo. 

Como poeta, tamén nos ofreceu en tempos recentes varias novidades, coma a Antroposofía xeral publicada en 2023 por Medulia e a antoloxía poética Marxinalia. Poesía reunida (2001-2024), tamén en Medulia. Falamos con el destas novidades e do seu método de traballo, especialmente para compoñer os tapices históricos que conforman as súas obras.

A Raíña Urraca e o arcebispo Diego Xelmírez son dous personaxes de moito peso histórico que dan para encher varias novelas. Como eran? Que che atraeu deles dous?

Xelmírez é unha figura indiscutible na formación histórica, cultural e relixiosa de Galicia e poderiamos dicir do conxunto cultural español a través do Camiño de Santiago e a entrada de correntes europeas na Península. Pero resultoume moi difícil achegarme á súa humanidade. O -chamémoslle así- tópico ou mito tapábame a figura humana. Non foi así no caso da raíña Urraca, onde a través da súa biografía é máis doado imaxinar, figurar ou mesmo inventar a súa personalidade humana.

A min interésame os dous polo que tiñan de contestación na formación uniforme do chamado Estado español e dos reinos cristiáns, e porque a través deles pódese documentar a non existencia desa Reconquista que nos contaron. Tamén me interesaba, neste senso, a xénese galega do Reino de Portugal.

'O libro e o tapiz', de Xabier Paz © Xerais

"O país, historicamente, é un perfecto descoñecido: ninguén coñece apenas a historia de Prisciliano, ninguén coñece o reino suevo, apenas se coñecen máis que en círculos moi reducidos e ilustrados as Irmandades da Fala, etcétera. É dicir, que a Galicia que respirou, mesmo esmagada ou con dificultade, ou a que non chegou a ser, pero case case xermola, é perfectamente descoñecida"

Nos últimos tempos está a haber un esforzo -mesmo dende iniciativas institucionais, coma as impulsadas pola Deputación da Coruña- de investigación e de divulgación sobre a historia medieval e do Reino de Galicia. É unha época pouco coñecida pola sociedade galega?

Non, non é un tempo ben coñecido. En xeral, o país historicamente é un perfecto descoñecido: ninguén coñece apenas a historia de Prisciliano, ninguén coñece o reino suevo, apenas se coñecen máis que en círculos moi reducidos e ilustrados as Irmandades da Fala, etcétera. É dicir, que a Galicia que respirou, mesmo esmagada ou con dificultade, ou a que non chegou a ser, pero case case xermola, é perfectamente descoñecida.

Como constrúes as túas novelas? Como afondas nunha época determinada ou no coñecemento sobre un personaxe histórico, como por exemplo o de Xelmírez, para a partir de aí crear unha ficción?

Á hora de escribir guíome coa curiosidade da ignorancia. Dedícome a un tema se vexo que o personaxe dá de si, se o merece, entón empezo a documentarme aínda máis. Teñen que ser temas e personaxes que me suxiren ese proído de curiosidade correspondente á miña propia ignorancia. Entón, intento encher a miña ignorancia.

A figura de Xelmírez chamábame a atención a través das lecturas que facía, maiormente a magnífica prosa de Otero Pedrayo. Pero nelas notaba un excesivo carácter haxiográfico e admirativo. Otero miraba a Xelmírez desde abaixo e saíalle aí arriba: un heroe, algo a admirar, alguén a quen agradecer a súa vida e a súa obra sen mácula e sen sombras. A min iso paréceme inhumano, non me parece literariamente acaido. Creo que os seres humanos temos sombras, temos fracasos, renuncias aspectos que nunca confesamos.

Entón, como fago eu? Eu teño pouca imaxinación, necesito unha pauta, necesito algo no que me soster e encamiñar. Vou percorrendo a documentación existente e con ese saqueo vou compoñendo un conxunto de teselas, conformando así os personaxes. En O libro e o tapiz esta documentación serve tamén para armar un personaxe non humano, que son Galicia e o propio tempo, a época.

"Á hora de escribir guíome coa curiosidade da ignorancia. Teñen que ser temas e personaxes que me suxiren ese proído de curiosidade correspondente á miña propia ignorancia. Entón, intento encher a miña ignorancia"

Que valor ten para ti a fidelidade histórica? Entendo que ten que haber un equilibrio entre os feitos que sucederon e unha parte de liberdade que como autor te concedes para poder crear unha historia, non si?

Teño que dicir que eu sou un narrador impostor, porque en realidade hai algo que me importa máis que a literatura, e iso que a literatura me importa moito, entendendo por literatura o estilo, a voz da narración, o modo. Eu intento que o lector teña un proceso parecido ao que tiven eu: que da ignorancia e o descoñecemento duns temas e duns personaxes pase a un coñecemento, pero a un coñecemento, digamos, histórico, non inventado, non fabulado. 

O que si está fabulado son as motivacións a psicoloxía dos personaxe. E aí está tamén parte da literatura. É dicir, é unha combinación do interno -a mentalidade, as pulsións, as intencións dos personaxes- e o externo -o ambiente, as alianzas, as batallas, os logros e os fracasos documentados historicamente-. Eu procuro ser fiel e dou moita importancia á fidelidade histórica

Xabier Paz © Distrito Xermar/ Arquivo AELG

"A min non me gusta inventarme cousas, gústame saber cousas e a través dese coñecemento fabular, pero fabular sobre a base do coñecemento"

Ti empezaches tarde a publicar, pero dende entón convertécheste nun autor prolífico. Dende Renacer (2008) variou o teu estilo ou a forma en que te enfrontas a unha novela?

Ben, eu empecei tarde a ser autor con obra publicada, cumpridos os cincuenta anos. É dicir, se tivese que definirme, eu diría que son un autor serodio, pois estaba ocupado con outros menesteres vitais. Non creo que a miña forma de escribir variase moito dende entón: a min non me gusta inventarme cousas, gústame saber cousas e a través dese coñecemento fabular, pero fabular sobre a base do coñecemento.

A intención é e sempre foi en parte didáctica e en parte cultural, é dicir, contribuír ao sistema literario galego. Eu quero que a xente me lea, pero non son un vendedor de libros. Quero que a xente me lea, pero non sei nin quero facer literatura fórmula, con detectives, mortes e casos de misterio. Iso non me interesa, interésame a historia do país e, por suposto, interésame o ser humano.

O que máis me preocupa, neste senso, é a dimensión humana e os eternos problemas de como construímos a memoria, de como nos inflúe o pasado, de como nos inventamos a nós mesmos, de como a familia nos moldea. Os tópicos humanos que veñen aparecendo na literatura desde sempre, que se repiten en cada época, porque hai algo común na historia do ser humano e das sociedades. Se nos interesan as obras clásicas é porque as paixóns dos personaxes son as mesmas que sentimos: ambición, cobiza, envexa, etcétera.

A literatura acompañoume toda a miña vida, porque antes que autor, un é lector, todos o somos. Se non es un lector voraz, é imposible que sexas escritor. Eu si que escribía e tiña unha relación agridoce con moitos autores que lía, porque pensaba: 'como vou poñerme a escribir eu, se isto xa está escrito?'. Creo que iso nos pasou a moitos. Iso si, creo que agora estamos nun tempo en que se tes vinte anos escribes e publícanche o que sexa, pero se non es novo, hai máis atrancos. Hai unha atención esaxerada polo último, pola novidade.

"A intención é e sempre foi en parte didáctica e en parte cultural, é dicir, contribuír ao sistema literario galego. Quero que a xente me lea, pero non sei nin quero facer literatura fórmula, con detectives, mortes e casos de misterio. Iso non me interesa, interésame a historia do país e, por suposto, interésame o ser humano"

Vés de publicar tamén Marxinalia, Poesía reunida (2001-2024). Por que esta antoloxía poética neste momento? Que une e que separa os teus poemarios, algún con máis de 20 anos de diferenza?

Vinte anos que en realidade son moitos máis, porque cando publico Sedimentos en 2001 hai aí poemas que son dos anos oitenta, é dicir, de vinte anos antes. Neste caso, a publicación partiu de Xabier Queipo, que me comentou unha proposta para publicar pequenos folletos bilingües, no idioma orixinal e en francés. Entreguei sete poemas dos penúltimos que fixera eu nun tema que eu chamo fisura ou conciencia expandida, un pouco filosófico e antropolóxico. 

Os poemas dese proxecto, que acabei por chamarlle Antroposofía, presenteillos a Xerais, pero dixéronme que non o podían publicar de inmediato, porque tiñan orixinais para dous anos e eu tiña unha pouca présa porque xa teño 76 anos. Así que me puxen en contacto con Medulia, que publicou Antroposofía cun prólogo de Miguel Anxo Murado onde se refuta a tese principal do poemario, o que tamén é entre orixinal e curioso. 

A tese é que a palabra e o logos, tal e como nos vén da cultura grega, nos arredou da realidade das cousas. E isto dio alguén que ama as palabras e que escribe con gran fruición. Pero antropoloxicamente hai unha fisura, hai unha separación entre as formas de vida e a palabra, tal e como están entendidas na cultura occidental. 

Publicouse Antroposofía e deime conta que era case imposible atopar os meus libros de poesía, porque a poesía morre un pouco como unha bolboreta, unha criatura efémera. Entón propúxenlle todo o proxecto a Medulia. Chameille Marxinalia e pedinlle a Pepe Cáccamo que me fixese o prólogo, porque xa escribira o prólogo do meu primeiro libro. E saíu un mamotreto de 440 páxinas, que inclúe máis de 40 poemas inéditos.

'Marxinalia', de Xabier Paz © Medulia

"Eu cando me poño a escribir non quero facer un discurso feminista porque nin son quen nin tampouco é a miña intención, pero si que me molesta a negación, o apartamento... Ou chámanme a atención as mulleres que destacaron e a partir do que leo sobre elas decídome a inventar o que puido ser a súa vida"

Un dos fíos que enlazan boa parte das túas novelas é o peso que nelas teñen as mulleres, ben como protagonistas principais (como en Aníbal e a Pintora ou A filla de Lucrecia) ou case, como a raíña Urraca en O libro e o tapiz. Esta escolla de protagonistas femininas é consciente?

Eu son o que son grazas ao que aprendín das mulleres, primeiro inconscientemente na familia e despois xa conscientemente con mulleres que se declararon feministas. Eu pertencía a unha organización única no Estado español que creou unha estrutura de mulleres, só de mulleres, dentro da propia organización. A min interésanme as mulleres porque como di algún poema son as inventoras da vida. Non a vida biolóxica, que tamén, como é obvio, senón a vida cultural, a vida afectiva. Iso que se chaman os coidados, as cantigas, o arrolo, os soños...

Eu cando me poño a escribir non quero facer un discurso feminista porque nin son quen nin tampouco é a miña intención, pero si que me molesta a negación, o apartamento... Ou chámanme a atención as mulleres que destacaron na súa vida e a partir do que leo sobre elas decídome a inventar o que puido ser a súa vida.  Por exemplo, se os historiadores teñen a facultade de chamarlle a Urraca “temeraria”, por que como escritor non vou poder poñer un carácter de muller forte e temperamental, pero tamén gozosa e amante? 

"[A Filla de Lucrecia] é unha novela de mulleres, e unha novela eu creo que optimista ou vitalista, que amosa que é posible saír adiante contra vento e marea, nas marxes. Iso si, con algo de talento e moita vontade"

En A Filla de Lucrecia temos de novo unha protagonista feminina e, desta vota, a Inquisición como marco histórico. Como é esta novela? Como chegaches a esta personaxe?

Asi como me lembro ben de como descubrín a figura de Artemisia, non lembro que artigo ou que referencia me trouxo ao coñecemento a existencia dunha rapaza que nacera a mediados do século XVII en Madrid e cuxos soños foran transcritos por dous clérigos. E que por esa transcrición fora sometida un proceso inquisitorial, pois os soños son utilizados para criticar a Felipe II e os seus investimentos desaforados no Escorial. Ademais, está documentado que esta rapaza tivera unha filla nos cárceres da Inquisición. 

Entón, con ese pé, iso deume un personaxe fascinante e o que me interesou tamén foi a filla, cuxa historia fabulo. En realidade, a novela é a historia de dúas mulleres, nai e filla, que son arrombadas pola sociedade e trata dos esforzos que fan elas para vivir

Aínda que iso é a superficie, porque o libro trata de cousas tan modernas como o interculturalismo -aínda que a palabra non apareza no texto-, de como se relacionan as culturas. Neste caso a filla de Lucrecia pasa do cristianismo ao islamismo, percorrendo o camiño inverso ao que fai toda a sociedade nese momento, mesmo claro os propios mouriscos, que á forza teñen que renunciar á súa fe. 

Éche así unha novela de mulleres, e unha novela eu creo que optimista ou vitalista, que amosa que é posible saír adiante contra vento e marea, nas marxes. Iso si, con algo de talento e moita vontade.

'A filla de Lucrecia', de Xabier Paz © Belagua

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.