A homenaxe a Casares en Xinzo reivindica o seu "compromiso co país, a lingua e a cultura"

Sesión extraordinaria da RAG en Xinzo de Limia © Xosé Castro / RAG

Xinzo de Limia acolleu neste mércores as principais homenaxes a Carlos Casares, autor ao que a Real Academia dedicou este ano o Día das Letras Galegas. O salón de plenos do Concello, que foi sede da tradicional sesión extraordinaria da RAG, e a praza que leva o nome do autor na localidade foron os dous epicentros do tributo ao escritor, do que se destacaron todas das súas innumerables facetas, pero unha por riba de todas: o seu "compromiso co país, a súa lingua e a súa cultura"

Freixanes destaca que Casares sempre mantivo ese "compromiso coa lingua e a cultura galegas" e coa "construción do seu país"

Así o lembrou Víctor Freixanes, presidente da RAG, que reivindicou a "figura poliédrica" de Casares e a súa importancia, ademais de como escritor, como editor e xestor cultural. Pero advertiu especialmente o seu papel como "cidadaán comprometido co seu país e co seu tempo". Así, destacou que "non traballou desde o aparato de partido ningún", pero sempre mantivo ese "compromiso coa lingua e a cultura galegas", así como coa "construción do seu país" a través de "institucións sólidas, xenerosas e cribles". 

Ese "poliedro con diversas caras", como definiu Freixanes a Casares, foi reivindicado e explicado polos académicos Fina Casalderrei, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero, que destacaron cadansúa faceta relevante: a de escritor de literatura infantil e xuvenil, a de autor narrativo ou outra menos coñecida, a de poeta. 

"Subiu no Expreso da Literatura para percorrer o mundo e universalizala, tamén a infantil, desprendéndoa de localismos e didactismos"

Casalderrei dalientou "a moito máis ca simbólica" contribución de Casares á literatura infantil e xuvenil, eido no que foi un pioneiro en escribir en galego, e tamén en traducir cara ao galego. "Sen deixar atrás ás raíces, subiu no Expreso da Literatura para percorrer o mundo e universalizala, tamén a infantil, desprendéndoa de localismos e didactismos", dixo. 

Pola súa banda, Monteagudo centrouse na súa obra narrativa e na vinculación dos seus libros coas súas experiencias persoais e co que supuxeron para a evolución da literatura galega. "A achega máis importante ás letras galegas e universais de Carlos Casares atópase nas súas novelas", destacou o académico, que se centrou no "arco central" da súa novelística, constituído por "un ciclo que ten como pórtico Xoguetes para un tempo prohibido (1975) e que se completa coa triloxía formada por Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987) e Deus Sentado nun sillón azul".

Alonso Montero repasou a relación por carta que mantiveron Casares e Ramón Piñeiro sobre o achegamento do autor ás ideas marxistas, así como a súa faceta de poeta, que cadrou coa súa etapa de estudante universitario. "Cultivou a poesía, non sen entusiasmo, e desde os 21 anos atopamos poemas seus en publicacións serias, non poucos inscribibles no que, naquel tempo, se chamaba poesía comprometida. Algúns destes textos foron poemas de encarga, como o panexírico á bibliofilia patriótica de Fermín Penzol, encargado por Ramón Piñeiro en 1963, ou o poema 'de emerxencia para Antonio Machado', que eu lle encarguei e publiquei no ano 1966", contou.

 

Feijóo destaca que quixo "erguer unha nova Galicia, pero non sobre dogmas"

O presidente da Xuta, Alberto Núñez Feijóo, pola súa banda, destacou a Casares como un "labrego das palabras" "recollía e sementaba o que escoitaba" en forma de contos, de xeito que "poucas veces a cultura oral estivo tan próxima á literatura". Nun acto na praza que homenaxea o autor, e xunto aos fillos deste, o presidente da RAG ou o alcalde da localidade, o xefe do Executivo gabou o labor do escritor e o seu "compromiso" para "erguer unha nova Galicia, non sobre dogmas, senón sobre palabras, afectos e acordos". 

"Vía no galego que non emprega a súa propia lingua, non un inimigo ao que hai que combater, senón un irmán ao que convencer", dixo Feijóo

Feijóo afondou na aposta de Casares polo diálogo e as "ideas que unen" en vez de "polas que separan" e insistiu na idea do autor ourensán de "ver no galego que non emprega a súa propia lingua, non un inimigo ao que hai que combater, senón un irmán ao que hai que convencer". Ademais, destacou o seu labor como un dos autores da Lei de Normalización Lingüística.

O fillo do homenaxeado, Hakan Casares, avogou por converter as Letras Galegas nunha "festa para os nenos" para animalos a "ler en galego" e gozar da cultura de Galicia co obxectivo de que "algún colla afección por escribir" e loitar "por esa Galicia" que seu pai "soñou". 

Sesión extraordinaria da RAG en Xinzo de Limia © Xosé Castro / RAG
Feijóo e Freixanes, no acto de homenaxe a Casares © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.