Proendos é unha parroquia no centro do concello de Sober que conta con algo menos de 200 habitantes. Atópase a pouco máis dun quilómetro da capital municipal e a uns 11 de Monforte de Lemos. Nesta aldea cunha rica historia e patrimonio Paula Vázquez Verao (ex-deputada do Parlamento galego por En Marea e na actualidade concelleira en Sober por IG-Vivo) está a piques de poñer en marcha a Libraría da Proencia, unha libraría rural que como toda boa libraría é algo máis que un espazo de distribución de libros.
A libraría venderá libros, cun catálogo moi seleccionado no que primará os autores e autoras locais. E, ademais, elementos de artesanía local e souvenirs "diferentes" realizados tamén por creadores e creadoras da zona
A libraría busca ser un espazo de animación cultural, organizando presentacións e outros eventos, tamén un dinamizador turístico dunha parroquia con moito que ofrecer, preparando rutas e servindo como guía para os cada vez máis numerosos e numerosas visitantes deste concello. A libraría venderá libros, cun catálogo moi seleccionado no que primarán as librarías pequenas e independentes, os autores e autoras locais e as obras sobre a propia zona. E, ademais, elementos de artesanía local e souvenirs "diferentes" realizados tamén por creadores e creadoras locais.
A Libraría da Proencia comezará a súa actividade nos vindeiros días, en principio o 18 de outubro, como libraría online
A Libraría da Proencia comezará a súa actividade nos vindeiros días, en principio o 18 de outubro, como libraría online. Ademais, prepara tamén un espazo físico nunha casa no centro da aldea que actualmente está deshabitada pero que Paula Vázquez Verao espera poder mercar e rehabilitar o vindeiro ano. O ritmo destes traballos dependerá en parte do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, no que esta iniciativa é finalista e que se fallará este mes, e a través do que pode acceder a unha achega económica entre 5.000 e 12.000 euros.
"Unha das ideas da libraría é que Proendos é un compendio da historia de Galicia. Esa idea de que o pequeno pode ser un mundo tamén o recolle esta tenda"
Para algúns historiadores, na actual parroquia de Proendos atópase a Proentia fundada polos romanos. Os restos e xacementos romanos son importantes, e están a ser excavados e investigados nos últimos tempos. Hai tamén restos paleolíticos e unha gran cantidade de petróglifos. Tamén unha fermosa igrexa románica con valiosas pinturas murais renacentistas, realizadas no século XVI. "Unha das ideas da libraría é que Proendos é un compendio da historia de Galicia. Esa idea de que o pequeno pode ser un mundo tamén o recolle esta tenda", destaca Paula Vázquez en conversa con Praza.gal.
"Nesta zona está a aumentar moito o turismo, pero faltan servizos complementarios, dende visitas guiadas a tendas de souvenirs diferentes e artesanía", di. Por iso, entre o catálogo da libraría estarán presenten moitos destes produtos, obra de creadoras como a artista Sonia Álvarez Carnero, entre postais, papelaría e outro tipo de elementos.
"En todo o que se chama Ribeira Sacra hai unha serie de nomes moi potentes, non só Olga Novo, senón xente moi nova como Rafa Lobelle de Chantada, Noa Moreira da Pobra do Brollón ou Alicia Fernández. Creo que é importante darlle visibilidade á poesía de aquí, a estes e estas poetas do interior"
A libraría prevé acoller tamén presentacións de libros e outros eventos culturais, sobre todo de autores e autoras locais. "En todo o que se chama Ribeira Sacra hai unha serie de nomes moi potentes, non só Olga Novo, senón xente moi nova como Rafa Lobelle de Chantada, Noa Moreira da Pobra do Brollón ou Alicia Fernández. Creo que é importante darlle visibilidade en conxunto á poesía de aquí, a estes e estas poetas do interior", di. Entre os primeiros títulos están Alma de barro, de Moncha Prieto, unha autora de Sober e A pintura manierista en Sober, de Xosé Lois García. "En todo caso, vou especializar o catálogo, porque penso que non ten sentido poñer en marcha unha libraría xeralista cando en Monforte xa hai unha oferta suficiente nese sentido", engade.
"Nesta zona está a aumentar moito o turismo, pero faltan servizos complementarios"
A iniciativa é, ademais, unha oportunidade para recuperar unha casa na actualidade abandonada e para "reivindicar o valor da parroquia como espazo que pode condensar unha comunidade humana que ten moita personalidade", explica Paula Vázquez.