Mulleres que viven xuntas, de Abril Camino; Erin e o lobo, de Érica Esmorís e O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras resultaron gañadoras dos Premios Xerais. Este ano presentáronse aos premios 121 orixinais, o que supón o dato de participación máis alto das últimas edicións.
Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios –cunha dotación de 10.000 euros– no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O acto terá lugar o sábado 11 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. O Premio Merlín acada este ano a súa XL edición. Para celebralo, a festa de entrega dos galardóns estará centrada na literatura infantil galega e na colleita de títulos que ten proporcionado este premio.
O xurado da XLII edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra presentada co título Mulleres que viven xuntas. Tras abrir a plica, a autora resultou ser Rocío Otero, que asina baixo o pseudónimo Abril Camino.
En 1955, despois da morte do seu pai, Isabel, que aínda non fixo os dez anos, vese na obriga de marchar para Londres, onde será acollida polos tíos. Cando en 1968 regresa á súa aldea, preto de Compostela, coñece a Chus, unha mestra que coidou da súa nai mentres ela non estaba e con quen inicia unha relación de amor que durará toda a vida. O medo ao que dirán e a manifestar de maneira aberta a súa situación sentimental en pleno réxime de represión franquista provoca que manteñan un segredo que lles vai afectar profundamente, sobre todo a Isabel, unha muller moi liberal en contraposición ás ideas máis conservadoras de Chus.
'Mulleres que viven xuntas' é "unha homenaxe a varias xeracións de mulleres que tiveron que facer pasar como amizade sentimentos máis fondos", segundo destaca Abril Camino
Cun estilo sobrio e unha construción de personaxes que van medrando a través da intercalación de distintos tempos e voces narrativas, Mulleres que viven xuntas é unha novela que reflexiona sobre as repercusións da orientación sexual e sobre as enormes dificultades ás que algunhas persoas se tiveron que enfrontar durante a ditadura de Franco, e incluso na democracia, co que iso supuxo para o desenvolvemento da súa personalidade e das súas emocións. Para a autora, a obra significa "unha homenaxe a varias xeracións de mulleres que tiveron que facer pasar como amizade sentimentos máis fondos".
Rocío Otero (Lugo, 1980) comezou autopublicando as súas primeiras novelas en castelán cun considerable éxito de vendas e crítica, ata que no 2018 varias editoriais tradicionais quixeron contar con ela. Publicou unha novela co grupo Urano en 2018 (Mi mundo en tus ojos), outra en Penguin Random House no ano 2019 (Imposible canción de amor) e tres coa Editorial Planeta entre2022 e 2024 (Las 27 citas de Charlotte May, Nuestro último verano en la isla e La petición de Olivia).
Xerais salienta que atraer á literatura galega autores que desenvolveron a súa traxectoria noutras linguas "é unha mostra do valor e o prestixio que ten o noso sistema literario malia as dificultades que enfronta o libro en galego, que representa só o 8% do total das vendas nas librarías galegas".
"É unha historia que nace da fraxilidade, da tenrura e dos vínculos que me sosteñen", afirma Érica Esmorís
A obra gañadora do XL Premio Merlín de Literatura Infantil é Erin e o lobo, escrita por Érica Esmorís. "É unha intensa e emotiva novela escrita desde o corazón sobre a comuñón coa natureza, a crianza, a autoestima, as segundas oportunidades e o poder absoluto do amor", describe a editorial.
A novela narra unha temeraria aventura protagonizada por unha nena valente e un lobo solitario, na cal, segundo destacou o xurado do Premio Merlín, "a eficaz combinación entre unha evocadora descrición de lugares e personaxes de gran carga simbólica e o ritmo áxil dunha acción ben tramada contribúe a construír un relato épico, onde as imaxes xogan un papel fundamental sen renunciar á acción e á aventura".
Para Érica Esmorís, trátase dun libro moi especial. "É unha historia que nace da fraxilidade, da tenrura e dos vínculos que me sosteñen", conta a autora, que volve gañar o Premio Merlín "de novo dez anos despois" e tamén xunto a Andrea Maceiras, o que "fai que este momento sexa aínda máis emocionante e completo", asegura.
Andrea Maceiras explica que a súa intención era "crear unha distopía na que se amosan as infinitas maneiras nas que pode salvarnos a literatura"
O xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora a obra titulada O corvo sobre a neve, presentada baixo o lema Sosias, que resultou ser de Andrea Maceiras.
Intentando fuxir da Zona Temperada, a nave onde Dryas viaxaba xunto coa nai e mais o irmán pequeno é atacada. El é o único supervivente. Falamos da era da Glaciación, onde, se sobrevivir xa non é sinxelo, un pasado oculto e descoñecido e a organización da comunidade pode poñercho aínda máis complicado. O corvo sobre a neve é unha viaxe pola supervivencia nun mundo hostil onde os lobos parecen os únicos aliados. Unha historia que converte a IA en coprotagonista para abordar temas como as consecuencias do cambio climático, a inxustiza social ou a emigración.
Andrea Maceiras explica que a súa intención era "crear unha distopía na que se amosan as infinitas maneiras nas que pode salvarnos a literatura". Deste xeito, trátase dunha historia "que busca render homenaxe ás voces da LIX clásica universal mais, sobre todo, que procura o desfrute de quen se achegue a ela, do mesmo modo que para min se converteu nun refuxio mentres a escribía", afirma a autora.