Clubs de lectura escolares de premio: espazos de confianza arredor dos libros

Club de lectura de 1º da ESO do IES Maximino Romero de Lema en Zas © IES Maximino Romero de Lema

Achegámonos ás experiencias dos clubs de lectura cos colexios de Laredo, en Chapela (Redondela), e Sofía Casanova de Culleredo, e mais dos institutos Santiago Basanta Silva de Vilalba e Maximino Romero de Lema de Zas. Son catro dos oito centros de ensino galegos permiados polo Ministerio de Educación

Os clubs de lectura son unha illa dentro dos centros de ensino. Un espazo no que as relacións son horizontais e todos os puntos de vista son debatidos. Unha oportunidade de descuberta para que as crianzas e a rapazada experimenten coa lectura como compañeira de vida. “Ao principio son moi tímidos e tímidas, pero axiña vas vendo como medra a complicidade”, asegura Trinidad López, coordinadora dos clubs de lectura do IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas).

Oito clubs de lectura escolares galegos resultaron premiados nos recoñecementos que o Ministerio de Educación outorga a este tipo de agrupacións. Nos galardóns para centros de Educación Primaria os colexios de Curtis, Laredo (Redondela) e Vilaboa (Culleredo) recibiron un segundo premio, e os colexios Emilia Pardo Bazán (A Coruña) e Plurilingüe Antonio Palacios (O Porriño) fixéronse cun terceiro premio. Na modalidade de centros de Secundaria o instituto Santiago Basanta Silva de Vilalba gañou o primeiro premio, mentres que os IES Maximino Romero de Lema (Zas) e Sánchez Cantón (Pontevedra) conseguiron os segundos premios.

Visita de Brais Lamela ao club de lectura do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba © IES Santiago Basanta Silva

"O club supón outra maneira de relacionarse entre profesorado e alumnado", sinala Hortensia Román, vicedirectora do instituto de Zas

“Hai cousas que só pasan nas reunións dos clubs”, di Trinidad López, que pon un exemplo desta mesma semana, na reunión na que comentaron a lectura que fixeron no Nadal, A lebre mecánica (Xerais) de Ledicia Costas, cun protagonista que é adicto ao xogo. “Unha rapaza dicía que non entendía como o protagonista se mete niso e outro dos rapaces contestoulle que hai cousas que non se poden entender, e falou dun caso de ludopatía na súa familia. No club chegas a capas máis profundas e experiencias íntimas, cousas que non saen nun ambiente na aula porque non hai esa complicidade, intimidade nin confianza”, engade.

Semella que falta unha atención ás persoas dentro do sistema educativo e dos currículos académicos. Os clubs de lectura son actividades externas ao devir das aulas e precisan da complicidade da comunidade educativa para funcionar, pois é un traballo a maiores da xornada que se pode financiar en parte grazas ás axudas de premios como o do Ministerio de Educación, pero principalmente coas axudas outorgadas desde as Bibliotecas escolares da Xunta de Galicia. “Esa proximidade non a podes lograr con 25 alumnos. Ademais, na clase tes que dar uns contidos. Non hai ese espazo para falar cada un da súa vida persoal. No club é totalmente diferente, supón outra maneira de relacionarse entre profesorado e alumnado, pero tamén entre eles”, sinala Hortensia Román, vicedirectora do IES Maximino Romero de Lema.

"Non hai ninguén que pase polo club que non lera 'Aire Negro', de Agustín Fernández Paz", lémolo cos de 2º da ESO todos os anos e fomos confeccionando unha ruta literaria", conta Sabela Figueira, do instituto de Vilalba

“É algo que fas por vocación de servizo público”, salienta Sabela Figueira, responsable do club de lectura e tamén da biblioteca escolar do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba. Hai moito traballo detrás da preparación e planificación das sesións dos diferentes grupos que ten cada club de lectura, pero o persoal docente non dispón de horas nin incentivos para organizar estas actividades. Neste instituto teñen 600 alumnos e case un cento adoita participar no club. “Este ano temos oito grupos con alumnado, organizados por cursos, e un grupo de adultos. Coa rapazada reunímonos tres veces ao trimestre e intentamos ler entre un e dous libros ao trimestre. Ás veces é a propia rapazada a que nos propón o que quere ler, o que máis lles gusta é a poesía e as novelas”, conta Figueira.

O poeta Jesús Castro Yáñez foi comentar o poemario Campo de plumas (Sushi Books) co alumnado e recentemente tamén recibiron a visita de Brais Lamela para falar do seu debut literario Ninguén queda (Euseino). “En 1º e 2º da ESO lemos moito a Tamara Andrés, a Carlos Negro, ou o Poetízate (Xerais) de Fran Alonso”, apunta Sabela Figueira. Hai persoas cunha xenerosidade que transcende máis alá da súa propia vida, como é o caso de Agustín Fernández Paz, reivindicado por quen o le, por quen segue chegando aos seus libros e tamén desde o instituto de Vilalba –lugar onde naceu– e non só porque biblioteca do centro leva o seu nome, senón porque cada ano desde o club de lectura propoñen os seus libros para seguir difundindo a súa obra. En concreto, hai unha historia del que contén certa escuridade, Aire Negro (Xerais), que len todos os anos en datas próximas ao Samaín.

"Nas reunións estamos todos ao mesmo nivel, créase unha dinámica corresponsable e interxeracional que é moi interesante", salienta Manuel Bragado, coordinador do club do CEIP de Laredo

Non hai ninguén que pase polo club que non lera Aire Negro, lémolo cos de 2º da ESO todos os anos e despois fomos confeccionando –entre nós e o alumnado– unha ruta literaria porque a novela está ambientada en parroquias de Vilalba. Collemos un bus, imos comentando e facemos paradas para xogar a xogos populares como os trompos. De entrevistas que fixo Agustín recompilamos o que conta da súa infancia aquí e o recreamos un pouco porque non é só recrear o libro del, tamén a vida”, debulla a coordinadora do club de lectura de Vilalba. Como a ruta espertou moito interese na contorna, este curso van probar a que o seu alumnado guíe a visita para alumnado doutros centros.

O club de lectura do CEIP de Laredo, en Chapela (Redondela), naceu da pandemia e do confinamento, é un grupo con alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria acompañado polas familias e o equipo docente. Este curso son dez alumnas e alumnos, catro nais e dous profesores. O coordinador do club é Manuel Bragado, quen afirma que “é unha experiencia bonita pola idea de compartir e de continuidade das lecturas, para os máis novos ese compartir é unha conquista”. Len novela gráfica, narrativa, poesía, teatro e non desbotan os textos informativos.

“Romper os cursos, sobre todo despois dos famosos grupos burbulla da pandemia, agradécese moito. Aquí o que nos une a todos non son os niveis de lectura que temos, senón o interese por compartila. E iso creo que é unha aprendizaxe que van construíndo e que se vai consolidando. O alumnado de 5º e 6º de Primaria xa leva tres anos no club, xa leron dez ou quince libros e teñen unha dinámica que contaxia aos de 3º que se incorporan, esa é a idea”, detalla Bragado, para agregar que a participación das familias é fundamental: “O maior éxito é que as familias acompañen na lectura”.

“Nas reunións estamos todos ao mesmo nivel, créase unha dinámica corresponsable e interxeracional que é moi interesante. Eu aprendo moitísimo deste club de lectura sobre os intereses dos libros. E eles aprenden a enfrontarse á lectura –sobre todo de ficción– dunha maneira determinada: saben que é moi importante determinar quen é a voz que nos fala, que recursos emprega, se é un texto dun xénero ou doutro... Este curso, grazas ao premio do Ministerio de Educación, temos o proxecto de mercar uns libros electrónicos porque queremos compartir a lectura nun soporte que non sexa o libro impreso. É un reto para experimentar este tipo de lectura hibridada que nos parece que neste momento é moi interesante”, comenta o docente, que atesoura unha longa experiencia no mundo do libro como director da editorial Xerais e que agora está a gozar do mesmo desde outro prisma.

Alumnado de Bacharelato representado o libro 'Beleza vermella' de Arantza Portabales no club de lectura do instituto de Zas © IES Maximino Romero de Lema

"Gústalles moito que non sexa como na clase e que sexa todo segredo, que o que digan alí non saia do club", di María Bermúdez, do colexio Sofía Casanova de Culleredo

No CEIP Sofía Casanova de Vilaboa (Culleredo) teñen tres clubs de lectura: un con alumnado de 6º de Primaria, outro para o profesorado e un terceiro con familias. “Ves que nenas e nenos que nunca leron, ou que non lles gusta, de pronto están enganchadísimos. É como se non atoparan a súa lectura ata agora, e pídenche máis para ler a maiores pola súa conta”, explica a coordinadora dos clubs María Bermúdez. “Gústalles moito que non sexa como na clase e que sexa todo segredo, que o que digan alí non saia do club. Acaban contándonos cousas da súa vida, problemas que teñen cos compañeiros ou na casa. Creo que o maior beneficio que temos é a relación que se establece entre eles. Houbo un ano que traballamos o acoso escolar e era un grupo que tiña moito medo a pasar ao instituto porque dicían que ían estar sós, pero marcharon contentos porque co que falamos xa tiñan as ferramentas”.

“A xente dos clubs pasa a formar parte da túa vida”, resume Sabela Figueira desde Vilalba. A maioría destes clubs de lectura teñen actividades fóra do centro como o scape room que organizan no Museo Militar da Coruña desde o colexio de Culleredo, visitas culturais como a excursión á Casa de Rosalía que fixeron na escola de Chapela ou os obradoiros de repostería como o que fan en Vilalba ao ler os contos de Escarlatina, de Ledicia Costas. Unha preocupación que transmiten nalgúns destes centros é que lles custa moito que os nenos e rapaces queiran participar dos clubs, que son eminentemente femininos na maioría dos casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.