O certame Kosmopolis do Centre de Cultura Contemporània de Barcelona dedica unha sección da súa programación á cultura galega coa participación de Yolanda Castaño, Berta Dávila, Ismael Ramos, Mercedes Peón, María Reimóndez e Sara Guerrero
Kosmopolis, a festa da literatura amplificada, é un encontro literario bienal que se celebra no Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB) desde o ano 2002. Desde a súa primeira edición reuniu escritores, poetas, filósofos, científicos, músicos, cineastas, dramaturgos, contacontos, debuxantes de cómic, guionistas, xornalistas, actores, bibliotecarios e editores dispostos a debater, interactuar e revisitar mitos, tradicións e identidades.
Aquí a literatura é a protagonista en todas as súas vertentes. Dende o CCCB explican que apostan "por un concepto de literatura amplificada, en todas aquelas manifestacións da palabra –oral, impresa e electrónica– que erosionan as divisións entre xéneros, asumen a evolución dos soportes de lectoescritura e sortean as sucesivas mortes anunciadas". O certame, de prestixio a nivel europeo, dedica na edición deste 2025, que se celebra do 22 ao 26 de outubro, unha importante parte da programación ás creadoras e creadores galegos que están a destacar polas súas aportacións á Cultura.
"Cada edición ten unha cultura extranxeira convidada [este ano a de Corea do Sur], na que se pon o foco, pero despois levaban xa anos incluíndo dentro da programación, dunha forma moi natural e orgánica, outras linguas vehiculares do Estado, linguas oficiais como a vasca, pero é certo que a cultura galega estivera presente de forma moi puntual. Polo que sexa, estamos moi presentes agora no panorama literario e cultural español, copamos os premios nacionais de literatura e o CCCB tiña intención de dar un pouco de protagonismo a Galicia no programa e, ao mesmo tempo, analizar posibles puntos en común que podida haber coa cultura catalá. Como a cultura galega está sendo un revulsivo para conseguir que as novas xeracións utilicen a lingua galega, canten e lean en galego", explica Paula Cabaleiro sobre a sección Galícia al centre do festival, ao que asesorou como xestora cultural e programadora colaboradora do Consello da Cultura Galega.
"O CCCB tiña intención de dar un pouco de protagonismo a Galicia no programa e, ao mesmo tempo, analizar posibles puntos en común que podida haber coa cultura catalá", explica a xestora cultural Paula Cabeleiro, asesora do Kosmopolis para esta sección
A programación comeza o venres 24 coa conversa Apegos feroces, un encontro entre a escritora e editora Berta Dávila –recoñecida co Premio da Crítica española e co Premio Xerais, entre outros–, a cineasta Carla Simón –que vén de estrear Romería, rodada en Vigo– e o guionista Eduard Sola –recentemente multipremiado polo filme Casa en flames–, moderado polo xornalista David Guzmán. A sesión explorará a complexidade das relacións humanas —familia, amizade, parella— como fonte de creación artística e reflexión emocional. A través do diálogo entre literatura e cinema, os participantes abordarán como a intimidade e os vínculos persoais se transforman en materia narrativa e audiovisual.
O sábado 25 abrirá con Ficcións e disidencias, unha conversa entre María Reimóndez, Sara Guerrero e Blanca Llum Vidal, moderada pola investigadora Helena González. As tres autoras compartirán unha reflexión sobre as identidades disidentes e os espazos de resistencia cultural, a partir das súas experiencias e obras. As súas voces destacan no compromiso coa diversidade, o feminismo e o anticolonialismo, propoñendo novas formas de entender a pertenza, o corpo e a lingua como ferramentas de transformación social.
A sección Galícia al centre do Kosmopolis culmina o domingo 26 cunha Festa rachada, un serán de poesía e música que reunirá sobre o escenario a Yolanda Castaño, Ismael Ramos e Mercedes Peón, acompañada por Ana Fernández, Mónica de Nut e coa colaboración audiovisual da bailarina Janet Novás
A sección Galícia al centre do Kosmopolis culmina o domingo 26 cunha Festa rachada, un serán de poesía e música que reunirá sobre o escenario a Yolanda Castaño, Ismael Ramos e Mercedes Peón, acompañada por Ana Fernández, Mónica de Nut e coa colaboración audiovisual da bailarina Janet Novás, Premio Nacional de Danza 2025. A celebración incluirá un recital poético de dúas das voces máis representativas da poesía galega actual, seguido do espectáculo Deixaas de Peón, unha experiencia sensorial na que tradición e vangarda conviven para construír un potente diálogo entre memoria, corpo e sonoridade contemporánea.
"Para esta Festa rachada conversamos moito sobre a dimensión escénica que a poesía galega cobrou nos últimos anos porque poetas como, por exemplo, Yolanda Castaño, levan moitos anos rachando un pouco as categorías, permeando a poesía de música, de artes escénicas, de performance e doutras disciplinas que aportan outras formas de sentir a poesía. Aí nos parecía moi interesante poder facelo tamén da man de autores novos que xa teñen un gran recoñecemento a nivel estatal, como é o caso de Ismael Ramos, Premio Nacional de Poesía Joven 'Miguel Hernández' 2022. E poñelo en diálogo cunha das nosas grandes figuras da renovación da música tradicional, Mercedes Peón, unha das encargadas de situar no centro a pandeireta e a partir de aí crear vangarda, así como recuperar unha memoria especialmente asociada a transmisión oral e ás mulleres", debulla Paula Cabaleiro, quen avanza que esta non será a última colaboración entre o CCG e o CCCB.
"Somos unha comunidade cuxa icona máis importante é unha poeta, Rosalía de Castro, e iso vertebra unha identidade cultural e unha forma de contarnos que non é allea a esta revolución que están vivindo agora as nosas letras e a nosa cultura", defende Paula Cabaleiro
A xestora cultural Paula Cabaleiro detalla como a poesía e a literatura galegas atoparon na música unha canle de innovación, e mais tamén de internacionalización. De aí xorde a idea da conversa que vincula a Yolanda Castaño, Berta Dávila e Mercedes Peón no encontro Galicia: latitude radical, moderado pola xornalista Berta Ares, o mesmo sábado 25. "Parecíanos moi interesante para analizar todo este movemento que está sucedendo na cultura galega que está facendo que de repente os últimos premios nacionais de poesía recaian en nomes da literatura galega, especialmente en nomes de mulleres", sinala Cabaleiro.
A conversa abordará o momento actual da cultura galega, o seu proceso de internacionalización e o papel das creadoras que, desde a poesía, a música e a narrativa, están a renovar a imaxe de Galicia no contexto global. As tres creadoras analizarán a tradición literaria encabezada por Rosalía de Castro, a presenza das mulleres como motor creativo e a forza da lingua galega. "Somos unha comunidade cuxa icona máis importante é unha poeta, Rosalía de Castro, e iso vertebra unha identidade cultural e unha forma de contarnos que non é allea a esta revolución que están vivindo agora as nosas letras e a nosa cultura", defende Paula Cabaleiro.