Lecturas non dirixidas, con maior peso da imaxe e con atención ao deseño gráfico. Con temáticas diversas máis alá do eido escolar e coa intención de emocionar e divertir. Así definen a edición infantil as profesionais encargadas de que os libros cheguen a materializarse
O número de lectoras e lectores habituais entre os 5 e os 14 anos de idade reduciuse de forma drástica na última década. Iso si, nos fogares onde os adultos referentes len hai máis posibilidades de que as crianzas desenvolvan un interese polos libros. Uns libros que están preparados para acompañar desde os primeiros meses de vida, cunha diversidade de formatos e temáticas igual ou superior á dos artefactos literarios dirixidos ao público adulto; e con cubertas e deseños moito máis arriscados.
O campo editorial é grandísimo, e a capacidade do libro galego para ‘competir’ coas edicións en castelán ten límites definidos. As librarías, o papel das libreiras e libreiros, é chave para que os libros infantís na nosa lingua cheguen ás crianzas. Así o destacan as editoras, entre as que hai un nome indiscutible, Kalandraka, que botou a andar con catro premisas: “Emocionar, divertir, educar e achegar novas olladas”. Unha “coherencia” que –salienta Paz Castro dende a editorial– “se pode comprobar no catálogo e en coleccións que marcaron varias xeracións como Do berce á lúa, pensada dos 0 aos 3 anos de idade, e que xa fixo vinte anos connosco”.
Cibrán Rico e Suso Vázquez, deseñadores e editores, sacaron en 2024 con Fabulatorio o primeiro libro para crianzas pre-lectoras, coa aprendizaxe dos números no centro, pero indo máis alá. “Nós seguimos o que están facendo as editoriais, gostamos moito do álbum ilustrado e démoslle moitas voltas ao que queriamos aportar. Queriamos un libro que non dirixa aos nenos, non nos interesaba ser só didácticos porque xa hai moitos outros exemplos diso. Apostamos por libros que non teñan que lerse de maneira lineal e nunha soa dirección. Creo que isto pasa por considerar que os nenos e nenas son un público intelixente, como pasa nos libros para adultos”, argumenta Suso Vázquez.
A imaxe ten un peso fundamental nestes libros, pero o que se cadra é máis descoñecido é o traballo das deseñadoras e deseñadores gráficos que tamén aportan o seu gran de area ao libro, pois o resultado non é o mesmo sen ese traballo en equipo de autores, editores, ilustradores, deseñadores... “O traballo en equipo é lei en Kalandraka porque a edición é un traballo dialéctico para facer o mellor libro posible coa materia prima que aportan as autoras e autores”, explica Paz Castro.
"Hai que facer un esforzo na parte do deseño para ter un libro atractivo", salienta o ilustrador Iván R.
O ilustrador Iván R. leva dende hai cinco anos a dirección creativa dos selos Cumio e Triqueta, ambos con sede en Vigo, e confesa a súa “preocupación” polo eido estético e visual. “Temos que pensar o libro non só polo seu valor literario, senón tamén do produto global. Hai que facer un esforzo na parte do deseño para ter un libro atractivo, que se ten que soster pola calidade do seu contido, pero ese contido tamén ten que apoiarse visualmente de maneira atractiva. Pero non todo o mundo pensa que o deseño é un piar fundamental nunha editorial”, explica. Neste sentido, á hora de buscar compañeiros de viaxe, aposta por atopar autores e ilustradores “que vibren no mesmo punto”.
“Creo que hai algo máis dunha década atrás a oferta estaba centrada no ámbito literario, e incluso no literario orientado fundamentalmente á escola. Esa literatura máis de prescrición e, ao mellor, cunha compoñente máis didáctica, segue estando; pero tamén hai unha variedade de libros noutros formatos, como o álbum ilustrado, onde a ilustración adquire un peso máis alá de acompañar o contido das historias e dialoga cos textos. Tamén aparecen os libros máis lúdicos, non tan escolares. Nese sentido, creo que hai un avance porque hai maior diversidade e a esixencia editorial é maior”, debulla Anaír Rodríguez, editora en Xerais e socia fundadora da asociación Espazo Lectura.
É preciso acadar un equilibrio entre o artístico e o comercial, aínda que a balanza se vai inclinando á súa maneira en función do libro. “Sorprendémonos, se cadra non moito, de que nalgunhas librarías tanto o libro Números como o ABC Seoane estaban na sección de arte e non na infantil”, conta Suso Vázquez, de Fabulatorio. Iso sempre é mellor que atopar un andel exclusivo para o libro galego no que convivan todas as publicacións sen distinción.
“O libro infantil galego está moi relegado nas librarías, salvo excepcións”, lamenta Anaír Rodríguez, quen salienta que as propias carencias do noso sistema literario determinan as publicacións que chegan ás librarías porque quen sustenta a venda son os libros que se demandan dende as escolas. “Sen o galego na escola manter a produción de libro infantill sería moi complicado”, asegura. “Non é que o libro galego teña menos calidade, as publicacións para nenas e nenos son do máis normalizado que temos dentro do noso sistema literario, pero faltan políticas públicas de apoio, falta visibilidade e apoio nas librarías”, apunta a editora.
"Sen o galego na escola manter a produción de libro infantill sería moi complicado", asegura Anaír Rodríguez, de Xerais
En Xerais hai anos que a facturación en infantil e xuvenil era a principal, xa non é así, aínda que goce de boa saúde dentro da precariedade do ecosistema do libro galego. “O noso reto é seguir apostando por obras que transcendan o escolar. Estamos publicando álbums informativos, como a Guía ilustrada do entroido galego ou a Guía ilustrada dos seres fantásticos que viven en Galicia sen que talvez o saibas, e máis cómic, tanto infantil como xuvenil, onde fixemos a gran aposta de traer Heartstopper ao galego”, sinala Rodríguez.
En Fabulatorio perseguen que os libros poidan ter unha lectura “compartida” con pais e nais e entre nenos e nenas, tamén que sexan “espazos de experimentación e de xogo”, ademais da lectura introspectiva. Isto vese en Números, que chega a crear “un espazo propio” para habitar ao despregarse totalmente. “O deseño axuda a contar mellor as historias, dende o interior ata o exterior do libro. Para nós é importante pensar nas características anatómicas e en como collen as crianzas os libros”, di Suso Vázquez.
“Como ilustrador valoro moito cando podo, dalgunha maneira, intervir no texto. Nos traballos que levo feito con Ramón D. Veiga, como Miñoca, sei que lle podo suxerir lixeiras modificacións para conxugar mellor texto e imaxe. Unha das miñas maiores teimas é a lexibilidade, o tamaño das tipografías e o espazo entre as letras, poder xogar cos textos dende a edición para que non sexa unha lectura lineal. Sei que ás nenas e nenos gústalles ler Miñoca porque, por como está o texto nas páxinas, teñen a sensación de que van máis rápidos na lectura”, conta Iván R.
Paz Castro destaca que se trata de “educar o ollo e e oído”. Por iso en Kalandraka a poesía para crianzas ten un espazo propio, con autores galegos como Antonio García Teijeiro e autoras que traducen á nosa lingua, como é o caso da vasca Leire Bilbao. “Penso que se perdeu o medo a ler poesía porque xa non hai preocupación por non entendela”, suxire.
"Pensamos que os libros infantís piden non esgotarse nunha primeira lectura", di Suso Vázquez, de Fabulatorio
A chave do éxito parece estar en entender que o público infantil é intelixente, e saber manexar os seus códigos lingüísticos e visuais. “O bo é que son libros que se poden ler de moitas maneiras. No ABC Seoane que fixemos grazas á proposta de Piu Martínez, a letra A é o Atlántico, que podes vincular co mar pero, dependendo da idade, tamén che pode levar a pensar no exilio ou no uso das cores de Seoane. En xeral, pensamos que os libros infantís piden non esgotarse nunha primeira lectura”, argumenta Suso Vázquez.
Para dar con edicións nas que hai un traballo en equipo detrás, con profesionais de diversos perfís enfocados en sacarlle todo o partido ao que queren contar nese libro, fai falta tempo. Nada doado de atopar co ritmo de publicación actual, máis aínda dende un sistema literario cunha lingua minorizada que non compite en igualdade. “Non deberiamos ter menos historias e de mellor calidade?”, pregúntase Iván R. “Nós facemos os libros que nos gustan como sabemos facelo, claro que nos gustaría vender moitos máis libros, pero sendo fieis á nosa forma de traballar”, razoa Suso Vázquez.