Hugin e Munin: "Estamos todo o día entre libros"

Alejandro Tobar e Isabel Soto, responsables da editorial Hugin e Munin CC-BY-SA Praza.gal

Alejandro Tobar e Isabel Soto forman equipo desde Compostela en Hugin e Munin, cun catálogo que xa supera os 130 libros traducidos ao galego desde 2011

A editorial Hugin e Munin nace do profundo amor pola lectura do seu fundador, o filólogo, tradutor e editor Alejandro Tobar, que quixo crearse unha alternativa laboral en Galicia para regresar da emigración e, á vez, aportar valor engadido á cultura propia.

Parecíame que había un oco, daquela estaban funcionando Rinoceronte e Urco, e creo que o conseguimos cubrir. Faltaba un pouco de alta literatura, penso que mirando o noso catálogo se entende que tratamos de traer ao galego primeiras espadas”, salienta Tobar.

Siri Hustvedt, Jane Austen, Gustave Flaubert, Raymond Chandler, Stefan Zweig, Émile Zola, George Sand, Yasmina Reza, Joseph Conrad, Thomas Hardy, Pier Paolo Pasolini ou Mark Twain son algúns dos autores e autoras que completan un catálogo que neste momento chega aos 132 títulos. Destes, 106 pertencen á colección Principal e os 26 restantes son da colección Vólvense os paxaros contra as escopetas. Esta mesma semana saíron dous novos títulos para a imprenta.

Publicacións de Hugin e Munin na libraría Couceiro de Santiago CC-BY-SA Praza.gal

Catorce anos de andadura bastante axustados os que esperaba Alejandro Tobar cando regresou a Galicia desde Dinamarca e apostou por este proxecto editorial. 

O catálogo de Hugin e Munin foise “feminizando” en canto Tobar foi consciente de que había un claro desaxuste entre autores e autoras, como funcionan as inercias da propia sociedade. O que demostra que a editorial evoluciona en paralelo ás lectoras e lectores que a sustentan. 

"Nós funcionamos coa nosa base de subscricións, que nos permite organizarnos para publicar oito libros ao ano", detalla Alejandro Tobar

“Tamén houbo unha evolución en positivo con respecto a poder mercar dereitos no estranxeiro. Ben é certo que comezaramos con Charles Bukowski, que foi comprando dereitos, e despois viñeron Arthur C. Clarke e Isaac Asimov; pero houbo moitas obras sen dereitos, que agora intentamos que sexan o 30% do que publicamos”, conta Alejandro Tobar.

Isto significa que nestes anos Hugin e Munin acadou unha mellor posición, e non só pola maior dispoñibilidade para mercar dereitos, “senón polo feito de ter que xestionar as negociacións con terceiros”. 

Non optan ás escasas axudas para a edición que proporciona a Xunta, o que para Tobar é “unha demostración da viabilidade económica dunha pequena editorial en Galicia e en galego”, e tampouco dependen das axudas á tradución para as escollas do seu catálogo, pois os criterios das mesmas impídenllo. “Nós funcionamos coa nosa base de subscricións, que nos permite organizarnos para publicar oito libros ao ano”, detalla o editor.

Alejandro Tobar, fundador de Hugin e Munin, na libraría Couceiro CC-BY-SA Praza.gal

Todo o día entre libros

O tradutor e editor lucense non está só en Hugin e Munin, pois hai anos que comparte responsabilidades na editorial coa tradutora e crítica literaria Isabel Soto. Falando con ambos nunha tarde de choiva en Compostela é doado decatarse de que non toman ningunha decisión editorial porque si. Son perfeccionistas e metódicos, doutra maneira tampouco poderían saír adiante cos traballos que ocupan a maioría das horas dos seus días.

E é que tanto Isabel Soto como Alejandro Tobar dedícanse practicamente todo o día a traducir, e o tempo que non están interpretando textos ao galego ou ao castelán probablemente estean lendo. Pois, á hora da verdade, do criterio que máis se fían é do seu, así que tendo oito oportunidades para publicar ao ano precisan que sexan ‘as que tiñan que ser’.

Publicar a novela 'Fume', de Iván Turguénev, levoulles unha década pero é un motivo de orgullo para a editorial

“Estamos todo o día entre libros”, confesan. Ademais, o seu círculo está formado por outros tradutores, editores ou autores así que lles resulta moi difícil desconectar do laboral (para ben ou para mal). Tecer rede con outros profesionais axudounos a contactar con tradutores que lles axudaron a traer ao galego autores croatas, chineses, suecos ou rusos.

Recentemente lograron pechar un capítulo amargo que lles levou unha década: a tradución de Fume, a penúltima novela de Iván Turguénev, publicada en 1867. Unha obra pola que Alejandro Tobar tiña moito interese e para a que non lograron cartos das axudas á tradución da Xunta no ano 2014. “Todo este tempo nunca se descartou sacala, pero agardamos ao momento no que fósemos capaces de ter o músculo financeiro suficiente para poder abordala. Agora que podiamos e apareceu o tradutor Iago Fernandes López, pois é unha novela de certa complexidade, déronse a circunstancias para poder publicala”, celebra.

Non teñen tempo para a promoción, pero as redes sociais cumpren esa función para Hugin e Munin, que hai poucos meses que chegou a Instagram. Desde que comezou funcionar, a editorial mantivo unha curva positiva de crecemento. Traballan cun calendario a dous anos e intentan dar “uns tempos xustos” aos tradutores que traballan para eles. Iso si, se che interesa un libro dos que publican, trata de mercalo axiña, pois as reimpresións son moi complexas para unha empresa das súas dimensións.

Hugin e Munin supera os 130 libros traducidos ao galego CC-BY-SA Praza.gal

Unha editorial independente

Edita Hugin e Munin desde as marxes? “Somos pequenos e independentes, e iso implica que a nosa evolución laboral vai á marxe das políticas económicas do momento; se hai axudas que poidan vir para sacar algúns libros, fantástico, pero se non as hai asumímolo nós completamente e, ás veces, iso implica facer axustes”, di Alejandro Tobar.

Para saber se un está nas marxes habería que definir quen está no centro. Que criterios son os que definen as marxes? Grandes e pequenas editoriais?”, interpela Isabel Soto. Coinciden en que se pode dicir que están nas marxes dentro do sistema literario europeo, pois traducen a unha lingua minorizada, pero centrándose no sistema literario galego consideran que para situar unha editorial no centro esta ten que ser autosuficiente. “E dentro do ámbito da literatura traducida, quen é o centro?”, pregúntase Tobar.

Desde 2011 lograron encher un oco na literatura en galego, co compromiso de dedicar as súas vidas a editar e traducir cos máis elevados estándares de calidade

Son unha editora moi especializada, xa que se centran na narrativa e, dentro dela, nas novelas ou novelas curtas. “Claro que se houbese unhas axudas razoables, establecidas e transparentes –“Que oxalá haxa en 2025”, apunta Tobar– nós poderiamos permitirnos facer cousas que nos apetecen, pero que sós non podemos”, afirma Isabel Soto.

Unha desas novelas que teñen pendentes para cando se dean as circunstancias axeitadas é A montaña máxica, de Thomas Mann, publicada en 1924. “Ao mellor mentres agardamos chega outra editorial e a saca”, di Soto. “Estupendo, pero que a editen con criterios profesionais”, agrega Tobar.

Sendo moi difícil subsistir cun proxecto como o de Hugin e Munin, o certo é que desde 2011 lograron encher un oco na literatura en galego, co compromiso de dedicar as súas vidas a editar e traducir cos máis elevados estándares de calidade. Un propósito que lles segue a resultar complexo no noso sistema literario, onde consideran que “o bo queda eclipsado polo malo”, algo que, lamentan, vai en detrimento da propia literatura galega e confirma o prexuízo de algúns lectores. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.