Galaxia celebra 75 anos a "crear porvir"

Fotografía da asemblea fundacional de Galaxia (1950), reinterpretada para celebrar o 75º aniversario da empresa © Sara Valcárcel / Editorial Galaxia

O 25 de xullo de 1950 o histórico hotel Compostela da capital galega acolleu a asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Con Ramón Otero Pedrayo á fronte do encontro, os persoeiros reunidos botaron a andar o que foi concibido como un proxecto de edición, mais tamén como "núcleo principal de resistencia cultural e política do galeguismo" interior en plena ditadura.

Neste 2025 Galaxia vén de elaborar un amplo programa de actos para "celebrar 75 anos de compromiso coa cultura galega". Baixo o lema Crear porvir, este ano "servirá para reforzar o noso compromiso co libro galego, coa nosa lingua e coa nosa cultura", salienta o seu director, Xosé Manuel Soutullo, que canda o presidente do consello de administración de Galaxia, Antón Vidal, resalta que a celebración pasa tamén por "permanecermos fieis aos principios fundacionais".

Xosé Manuel Soutullo, director de Galaxia, presentando os actos do 75º aniversario da editorial, este 17 de xaneiro en Vigo © Editorial Galaxia

Exposicións, foros de debate ou premios literarios son algúns dos eventos programados para un aniversario que xa está en marcha e que ten as súas novas citas nas vindeiras semanas. Entre elas, cos Foros Grial, catro encontros en Santiago, A Coruña, Vigo e Pontevedra que, ao abeiro da emblemática revista, abordarán cuestións económicas, científica ou da comunicación baixo a coordinación de persoas expertas como Ramón Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga, Marilar Aleixandre, Sonia Villapol, Víctor Freixanes ou Llerena Perozo.

Tres exposicións, foros de debate, premios literarios e varias publicacións conmemorativas destacan no programa do aniversario da editorial, que fai votos por "permanecer fiel aos principios fundacionais" nunha celebración que terá como acto central unha festa o 6 de setembro

O achegamento á historia de Galaxia tamén será posible durante todo 2025 a través de tres exposicións itinerantes. Crear porvir, 75º Aniversario Editorial Galaxia céntrase nos fitos literarios máis relevantes da empresa con Henrique Monteagudo, Malores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva no comisariado. Rotará polas sete cidades comezando por Compostela, entre febreiro e marzo, e continuando en Lugo de abril a maio.

Crear porvir. Os deseños de Galaxia e a segunda das mostras, centrada neste caso na evolución o deseño editorial de Galaxia. Ten a Xurxo Martínez como comisario e poderá verse no MARCO de Vigo o vindeiro outono. A terceira, Espazos literarios e autores ourensáns en Editorial Galaxia 75 anos despois centrarase en figuras como Otero ou Carlos Casares e itinerará por diversos concellos de Ourense.

Algúns volumes históricos editados pola Editorial Galaxia, nunha imaxe divulgada co gallo do 75º aniversario © Editorial Galaxia

Un documental dirixido por Ana Viqueira e producido por Nós Televisión; a Biblioteca Galaxia 75, con dez títulos históricos "que marcaron fitos na cultura galega, recuperados para lectores do século XXI"; o I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil; o Premio Galaxia de Novela 75 anos ou a obra teatral para a cativada A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica son outras mostras dun programa que terá como acto central a festa conmemorativa do 75º aniversario a editorial o 6 de setembro no compostelán Auditorio de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.