Tres docentes con experiencia no mundo editorial crean un novo selo especializado en literatura fantástica e cunha colección de novelas xuvenís para iniciarse na ciencia ficción, a cabalaría ou o salvaxe oeste
Ubik, de Philip K. Dick, “obra referencial no eido da ciencia ficción e o ciberpunk”, é o libro emblema co que vén de saír ao mercado Boadicea Editora, unha nova editorial especializada en xéneros fantásticos que aposta tanto pola tradución como pola creación propia. Un proxecto impulsado por tres docentes con experiencia previa no mundo editorial que tamén vén de iniciar unha colección xuvenil baixo a referencia A miña primeira novela de...
A nova editorial está aínda a presentarse en público e tras a súa presenza hai uns días na Culturgal ten previstos varios actos en librarías de varias cidades galegas.
Boadicea Editora é un proxecto impulsado por Alba Rozas, José Manuel Dopazo e Marcos López, docentes do ensino secundario e universitario con experiencia previa no mundo editorial. Preséntase como unha “editorial en galego especializada en fantasía, ciencia ficción e terror con obras para o público de todas as idades”.
Ademais da antedita obra de Philip K. Dick, a editorial prevé o lanzamento nos próximos meses de novas traducións de clásicos do xénero como a do ciclo de novelas Terramar, de Ursula K. Le Guin. E para introducir ao público máis novo conta coa colección A miña primeira novela de... con títulos de cabalarías, píratas, épica galega, maxia, salvaxe oeste ou ciencia ficción.
Tras participar hai uns días na Culturgal e presentarse en novembro na libraría Couceiro de Santiago, a editorial ten previsto celebrar novos actos de presentación o 26 de decembro en Vigo ás 20.00 horas na libraría Cartabón, o 13 de xaneiro na Coruña na libraría Suevia, o 14 de xaneiro en Pontevedra na libraría Paz e o 5 de febreiro en Bueu na libraría Miranda.