Nee Barros trae ao galego a historia de Alice Oseman Heartstopper, un fenómeno editorial que Xerais edita na nosa lingua, e fálanos tamén do seu novo podcast, Um T com Nee, onde vai debullar a súa transición hormonal e compartir os diferentes ritos de pasaxe que existen noutras culturas
Nee Barros (Ourense, 2002) está a ter o seu ano Heartstopper. Leva desde comezos deste 2024 dedicade á tradución destes cómics da escritora e ilustradora inglesa Alice Oseman, dos que xa era fan indiscutible. O primeiro volume xa está nas librarías e Xerais sacará o segundo e o terceiro moi pronto. Ilusionade e comprometide coa historia, aventúrase nos mundos da tradución do inglés ao galego despois de pasar o curso pasado na Irlanda e co obxectivo de compaxinar este traballo co último ano do grao de Xestión cultural que estuda a distancia na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, vén de iniciar un podcast, Um T com Nee, onde fala da súa transición e, en xeral, dos ritos de pasaxe presentes nas distintas culturas do mundo.
Di a autora de Heartstopper, Alice Oseman, que moita xente se sente atraída pola historia pola calma que lle produce e que a ela tamén lle pasa. Comparte esta sensación?
Completamente porque que antes de traducir Heartstopper xa era súper fan dos cómics de Alice Oseman, pero en concreto destes porque aínda que son moi simples en canto á historia, ao final están escritos co público adolescente en mente. Pode caer nalgúns clixés, pero a súa sinxeleza resúltame moi interesante. Semella que cando falamos da comunidade LGBTIQA+ sempre teñen que ser personaxes que acaben en traxedia, aos que lles pasan cosas súper feas e violentas, e que sofren tanta homofobia como para que haxa toda unha historia arredor diso. Heartstopper rompe con iso e Alice Oseman fai un cómic que é precisamente como unha aperta.
Como xorde a posibilidade de traducir esta historia?
Sempre me declarei súper fan e incluso teño dito na miña canle de YouTube se algunha editorial se animaba a traducir os libros ao galego. Eu linos en inglés, mais hai xente que non sabe inglés e se cadra só podían achegarse a eles a través da tradución portuguesa ou en castelán. Faltaba no noso idioma. Sempre que tiven oportunidade, comentei o meu desexo de que os libros estivesen dispoñibles en galego. Fran Alonso, o director de Xerais, comentarame que estaban intentando facerse cos dereitos e nese momento xa me fixo moitísima ilusión só saber que había unha posibilidade real de que esta historia viñese ao galego. A comezos deste ano, estando na Irlanda de Erasmus, recibín unha chamada de Fran dicíndome que conseguiran os dereitos de Heartstopper e pensaban que eu podía ser unha boa persoa para traducir os libros.
"Queriamos que servise un pouco de referente do idioma para a xente nova que se achegue ao galego por esta obra"
Que vertixe, non?
A verdade é que non se me pasara pola cabeza que pensaran en min para traducilos. Tiven un pouco de medo porque aínda que leo moito en inglés e o falo de maneira fluída pois tamén aproveitei o ano na Irlanda, e alí tamén puiden estudar moito de literatura en inglés. Pero claro, ao final, non estudei tradución. Tiven dúbidas sobre se aceptar ou non, pero fíxeno porque me permitiron contar co asesoramento do Éric Dopazo, que é filólogo inglés.
Como foi ese traballo a distancia?
Fun traducindo o cómic, facendo propostas e destacando as cousas nas que tiña máis dúbidas e pasáballe todo o Éric para que o revisase e engadise máis propostas. Hai algunhas expresións e frases feitas que aparecen no cómic que el me propuxo. Queriamos ter unha tradución que fose, ao mesmo tempo, accesible para a xente nova e que non resultase unha linguaxe moi distante, pero que tamén fose un galego bastante depurado –sen castelanismos– e que recuperase algunhas frases que se cadra xa non están tan en uso. Queriamos que servise un pouco de referente do idioma para a xente nova que se achegue ao galego por esta obra.
Nótase esa vontade lendo o cómic.
É que para min ese é un dos principais problemas do galego, á parte da perda de falantes. E é que tendemos a falar un galego que colle todas as expresións novas do castelán. Aínda que falemos galego estase perdendo porque non estamos creando expresións nosas. Penso que as traducións, historicamente, teñen funcionado para promover certas expresións ou xiros da lingua que se cadra doutro xeito non coñeceríamos tanto. Estou pensando en traducións desde as máis míticas do Xabarín Club, por exemplo.
Cales foron os principais retos á hora de enfrontar a tradución?
Para min todo era un desafío. O maior reto quizais foi ese aspecto de equilibrar o uso dun galego sen castelanismos e, ao mesmo tempo, que fose un galego que non afastase a xente nova que colla o libro. É dicir, encontrar tanto expresións galegas como que non parecesen persoas de cincuenta a falar de corpos de persoas de catorce anos. Atopar ese equilibrio foi o máis difícil.
"No pasado teño sufrido bastante transfobia por redes e bastantes ataques de xente que descontextualizaba os meus vídeos e non quería volver a esa dinámica"
Vén de comezar unha nova andaina co podcast Um T com Nee, onde emprega os tempos de preparación desta bebida para contar algo da súa historia persoal pero tamén historias colectivas, como xorde esta idea?
Á hora de volver a Galiza quería volver a internet. Antes dedicábame a facer vídeos de recomendacións de libros no YouTube, mais non sabía que formato quería facer e en que plataforma. Si que sabía que quería levar conta, dalgún xeito, da miña transición hormonal. Comecei agora un tratamento con testosterona e o que vai facer, entre outras cousas, é mudar a miña voz. Entón, pensei que era unha boa oportunidade para facer un podcast, pero claro, como persoa trans tampouco quería facer algo que fose simplemente falar da miña transición e expoñerme así, contando todos os efectos que está a ter a testosterona en min, que implica hormonarse e transicionar... No pasado teño sufrido bastante transfobia por redes e bastantes ataques de xente que descontextualizaba os meus vídeos e non quería volver a esa dinámica. Interésame moito a idea dos ritos de pasaxe, que todas as culturas teñen diferentes ritos para os distintos momentos do ano, incluso para os diferentes momentos na vida dunha persoa, que é algo que ao final permite que nos decatemos de que en realidade todos estamos como transicionando. Xuntando esta idea de transicionar dentro das culturas, a miña propia transición e o feito de querer ter un recordo da miña voz a medida que vai mudando foi saíndo o podcast.
Quería que fose un espazo para estar en calma, tomar un té xuntes. Ademais, xunto tamén a idea do té como bebida e o T da testosterona. Quería empregar un formato informal porque dáme a sensación de que cando empregamos as redes existe unha tendencia a esquecer que a persoa do outro lado é un ser humano, de aí todos os ataques. Con este formato, buscaba esa calma para que a xente me vexa como unha persoa máis do seu día a día e non só como alguén que recomenda libros na internet.
"Facer o podcast, dalgún xeito, penso que tamén pode ser útil para que a xente vexa que é algo do día a día, que as persoas trans tamén temos outras preocupacións"
Non é moi difícil de xestionar esa despersonalización que se produce nas redes sociais e todo ese odio que acaba agromando?
Comecei na internet con dezasete anos facendo vídeos de resumo de materiais de galego para as ABAU e, ao ser unha persoa trans, si que recibín moito ese odio. Continúa a ser difícil pero con este formado do podcast, que non funciona tanto en base a algoritmos e tes que ir ti a escoitalo se queres, permíteme volver sen expoñerme tanto. Ao mesmo tempo o podcast me permite seguir empregando as redes, que hai que visibilizar que son un espazo de moito odio para persoas disidentes, mais tamén son un espazo de moita comunidade. A través das redes coñecín a moitas das miñas amizades de iso non é algo que queira perder.
É preciso buscar tamén aí o equilibrio e que non queden as redes só para o malo.
Claro. Cando fas estes procesos de transición hormonal e social, en xeral cando es unha persoa trans, moita da compañía que encontras é por redes. Eu souben que era unha persoa trans grazas a ver outros vídeos de persoas trans que contaban a súa experiencia, e iso foi unha ferramenta moi importante para min, para saber que había unha comunidade, que había máis xente coma min. Facer o podcast, dalgún xeito, penso que tamén pode ser útil para que a xente vexa que é algo do día a día, que as persoas trans tamén temos outras preocupacións; e tamén que se outra persoa trans está a comezar un proceso hormonal como o meu, pode ir seguindo o podcast e sentirse un pouco máis acompañada.
Como comentaba sobre Heartstopper, falar desde a normalidade, neste caso da transición.
Claro, precisamente. Penso que Heartstopper é moi importante non só pola historia en si como cómics, senón porque arredor do universo desta historia e da propia autora creouse unha comunidade moi grande na internet de xente do colectivo LGBTIQA+ que está aí para comentar os libros que van saíndo, pero que acaba sendo como unha pequena familia que creas en liña. Que se creen estes espazos é moi interesante porque hai xente que, se cadra, non atopa eses apoios no seu día a día pero pode ter ese podcast, ese artista ou esa referencia dunha pequena comunidade aínda que sexa na internet.
"Para min sería ideal que Heartstopper chegase aos centros de ensino porque así crearía espazos de conversa e de aceptación na vida real"
Cre que ás xeracións máis novas lles está a faltar esa comunidade máis próxima para poder verse tamén en persoa?
Completamente. A min, que sempre fixen moita divulgación en liña de cuestións LGBTIQA+, gústame reclamar que é necesario que existan estes espazos online pero tamén é necesario que existan en físico. Para min sería ideal que Heartstopper chegase aos centros de ensino porque así crearía espazos de conversa e de aceptación na vida real e para adolescentes reais que estean en situacións parecidas, para que poidan ver un mundo onde existe a posibilidade de simplemente ser adolescentes, con preocupacións de adolescentes, e que poden ser querides e querer.
Chegar aos centros de ensino pero non só ao alumnado, tamén ao profesorado, porque aquí se ve moi ben a maneira de contar as cousas da mocidade de hoxe.
Si, e creo que tamén é interesante que Alice Oseman se traduza ao galego –non só os cómics, toda a súa obra– porque está marcando un xeito de contar historias. A través da serie de Heartstopper en Netflix popularizouse a súa obra e cada vez máis xente se ve influenciada –e aquí inclúome a min– por esa maneira de contar e porque de súpeto vemos que é posible contar historias LGBTIQA+ sen que a traxedia sexa o centro. Penso que está a marcar o rumbo de novas historias e series e está moi guai que estea en galego.