A formación nacionalista celebra o Día das Letras sinalando o “motivo de esperanza” que supoñen as persoas que se incorporan ao galego fronte á súa desprotección por parte da Xunta
O BNG quixo focalizar este sábado os seus actos previos ao Día das Letras que o luns homenaxea a Xela Arias na importancia das persoas neofalantes para o futuro da lingua galega. Unha incorporación de usuarios e usuarias do galego que, en palabras da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, supoñen “unha oportunidade” para “frear o proceso de desgaleguización” e un “motivo de esperanza” como exemplo de “empoderamento lingüístico”.
Nun acto en Santiago con deputadas do BNG e neofalantes, no que participaron tamén os creadores de contidos para redes OlaXonMario (@olaxonmario) e Nee Barros (@neeumatiko), Pontón salientou o paso adiante das persoas que deciden empregar o galego no seu día a día tanto como un acto de normalidade como “tamén de rebeldía” ante a política lingüística da Xunta.
Pontón salientou o recente estudo da Real Academia Galega (RAG) que advirte do retroceso do galego no ensino, que relacionou co decreto aprobado hai unha década polo PP para regular o seu uso na educación. Fronte a esa situación, a nacionalista gabou o proceso de “reapropiación” da lingua por parte dos máis mozos e asegurou que o galego facilitará unha Galicia máis forte economica e culturalmente no mundo.