Os socialistas celebran o Día das Letras cunha ofrenda a Rosalía e lamentando a perda de terreo da lingua “precisamente cando máis medios hai para a aprendizaxe de idiomas”
O PSdeG celebrou este sábado no Panteón de Galegos Ilustres un acto previo ao Día das Letras que o luns homenaxea a Xela Arias. Xunto cunha ofrenda floral na tumba de Rosalía, o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, leu un manifesto no que reclamou á Xunta “unha política ambiciosa” para “recuperar ou superar os niveis de actividade cultural previos á COVID ou mesmo á crise de 2008”.
Caballero salientou "as chamadas que dende institucións europeas advirten de que, entre a mocidade, o galego vai perdendo terreo, precisamente cando máis medios hai para a aprendizaxe de idiomas e máis interaccionamos con outras linguas”. Por iso, reclamou que “a resiliencia que se nos demanda, en conxunto, aflore no noso teatro, na nosa música, na nosa literatura, no noso cine, no noso inxente patrimonio arqueolóxico, nas nosas artes plásticas... en todas as actividades que crean emprego cultural e que transmiten riqueza cultural nun sentido amplo”.
No acto deste sábado tamén participaron, entre outros, o ex-deputado e académico correspondente da RAG Francisco Cerviño, que reclamou medidas de discriminación positiva para o galego xa que “temos a obriga de defender o que é un patrimonio da humanidade”.