A literatura da Costa da Morte e unha homenaxe a Paco Souto, protagonistas da Praza dos Libros

Cartel da edición 2017 da Praza dos Libros © Concello de Carballo

Achégase unha das citas culturais máis importantes do ano en Galicia, nomeadamente para as bisbarras de Bergantiños e a Costa da Morte. Carballo acollerá do 6 ao 9 de xuño unha nova edición da Praza dos Libros, unha feira cultural que ofrecerá presentacións de libros, concertos, e espectáculos infantís, entre outras actividades. Os referentes literarios da Costa da Morte serán precisamente os protagonistas, nunha cita que homenaxeará "o benquerido Paco Souto", percebeiro, axitador cultural e político, finado hai uns meses. O pregón (o xoves ao mediodía) correrá a cargo de Manuel Rivas, autor que durante a época na que viviu na comarca creou importantes vínculos con Carballo. 

Os referentes literarios da Costa da Morte serán precisamente os protagonistas, nunha cita que homenaxeará "o benquerido Paco Souto", percebeiro, axitador cultural e político, finado hai uns meses

Serán catro xornadas de actividades para todos os públicos e que van moito máis alá da literatura. Todos os días haberá actividades para nenas e nenos, o sábado 8 realizarase unha ruta guiada polos proxectos de arte urbana de Carballo, o domingo haberá sesión vermú con MJ Pérez e o sábado 8 a partir das 20 horas terá lugar o Festifolk, este ano coa banda escocesa Capercaille como prato forte. Entre os autores e autoras que pasarán pola Praza dos Libros estarán Xan Fernández Carrera, Suso Lista, Alberto Varela Ferreiro, Xosé María Lema, Fernando Cabeza pai e fillo, Rosalía Fernández Rial, Diana Varela Puñal, Héctor Pose, Manuel Rey Xan Fraga e Modesto Fraga.

A feira mantén ademais unha das súas tradicións, agasallando cun molete de pan de Carballo a todas as persoas que o domingo pola mañá merquen un libro. Pero ademais este ano tamén recibirán unha lata grande de atún, froito do acordo acadado pola organización coa Fundación Luis Calvo. “Este ano teremos atún para que o pan sexa aínda máis sabedor, e para que conflúan a tradición artesá dos nosos panadeiros e a tradición industrial da nosa principal empresa”, salientou Evencio Ferrero, alcalde da vila.

 

Programa

A feira mantén ademais unha das súas tradicións, agasallando cun molete de pan de Carballo a todas as persoas que o domingo pola mañá merquen un libro. Pero ademais este ano tamén recibirán unha lata grande de atún

  • Xoves 6. 12.30. Pregón a cargo de Manuel Rivas
  • 20.00. Presentación de Lendas da Costa da Morte (Embora), de Xan Fernández Carrera
  • 21.00. Presentación de Charamuscas, de Suso Lista
  • Venres 7. 18.30. Pirilampo. Concerto infantil a partir dos libro-discos Teatro de guiñol e Lucecús (Galaxia)
  • 20.00. Presentación de Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro (Xerais), de Xosé María Lema.
  • 21.00. Presentación de Contos mariños de Carballo (Concello de Carballo), de Xabier Maceiras
  • Sábado 8. Todo o día: A Praza da Arte
  • 11.00. Roteiro urbano polos murais dos proxectos de arte urbana carballeses Derrubando Muros e Rexenera Fest.
  • 12.00. Brinca vai. Concerto infantil de Paco Nogueiras
  • 20.00. Festifolk
  • Domingo 9. Toda a mañá: Un libro, un pan (e unha lata de atún)
  • 11.30. Presentación do proxecto Phottic e das súas tres últimas publicacións
  • 13.00. Concerto de MJ Pérez
  • 20.00. Presentación de Devalar sen pel, de Modesto Fraga
  • 21.00. Atesourando a palabra. Homenaxe poética e musical a Paco Souto

 

Cartel da edición 2017 da Praza dos Libros © Concello de Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.