“A literatura infantil e xuvenil deixou de ser uns contos con debuxiños para pasar a ser considerada unha linguaxe universal”

Carme Fouces, no acto de homenaxe a Antonio García Teijeiro CC-BY-NC-SA Andrea Area

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra cumpre 20 anos. E faino apelando á revolución como eixe temático. Se cadra a palabra algo exaxera, sendo estritos co significado do termo. Mais do que non hai dúbida é de que eventos coma este contribuíron, e moito, a transformar a cidade. Falamos coa concelleira de Cultura, Carme Fouces, unha das principais responsables do impulso do Salón.

O Salón cumpre 20 anos. Como naceu? Penso que foi unha proposta dun grupo de persoas, apoiados pola concellería de Cultura.

Naceu no 1999 cando chega o BNG ao goberno, sendo concelleiro de Cultura Luís Bará. Luís empezou a ter contacto co entón escaso sector cultural da cidade: coa xente que traballaba nas bibliotecas, nos colexios, que comezaba no teatro… Arredor diso xurdiu a idea de facer isto, que o primeiro ano foi un pequeno evento na cafetería do Pazo da Cultura. Xa a partir do ano 2000 comezou a facerse no recinto da sala de exposicións.

Cada vez viña máis xente, participaban máis alumnos, comezou a traballar a Facultade de Belas Artes na ambientación… Si é verdade que foi un proxecto colectivo, liderado por Bará, con todo o movemento que foi xurdindo arredor da cultura: foron agromando grupos de teatro, xente dedicada á narración oral… que tivo no Salón un apoio fundamental.

“Hai un monte de xente de Pontevedra que foi medrando como profesional ao abeiro do Salón”

O Salón conseguiu entón ser un impulsor do tecido asociativo e cultural? 

O Salón é o único evento de todo o país destas características: temos moitos días, moitas actividades… polo que hai sitio para moita xente. E sería ideal que ao Salón lle saísen réplicas noutros sitios. Mais si, a LIX avanzou moito, pero Pontevedra somos quizais os que me máis destacamos nese avance. Quero dicir que, arredor do Salón, foise formando todo un ámbito profesional: Baobab, Migallas, Pavís Pavós, Raquel Queizás, Bea Campos…

Hai un monte de xente de Pontevedra que foi medrando como profesional ao abeiro do Salón. O Salón foi o artífice de poñer en marcha moitos proxectos culturais paralelos. E despois hai algo tamén importante, que é que Carballo, Rianxo e Sarria pídennos parte da decoración -que é o máis caro-, que nós lles cedemos, para facer o seu propio salón, a outra escala, claro. E iso tamén reverte nunha reactivación cultural de concellos máis pequenos.

Asistentes ao Salón, nun encontro con Ledicia Costas CC-BY-NC-SA Andrea Area

Un dos vosos obxectivos era facer ver que a LIX non é unha literatura de segunda categoría nin é só para crianzas. A LIX, en xeral, avanzou moito nas últimas décadas: ten bos resultados en termos de mercado, recibe moitos premios… En que medida se conseguiu ese obxectivo de atraer lectores adultos?

Unha parte do noso público son persoas que levan vindo ao Salón 20 anos. Que levan moito tempo vendo espectáculos, lendo… E son un público exixente, ademais, porque son persoas afeitas a unha programación de calidade.

“A literatura infantil e xuvenil deixou de ser uns contos con debuxiños para pasar a ser considerada unha linguaxe universal”

A literatura infantil e xuvenil deixou de ser uns contos con debuxiños para pasar a ser considerada unha linguaxe universal, e eu convido a todo as persoas a que se acheguen a ela sen prexuízos, porque ademais é literatura, moitas veces, máis valente que a literatura para adultos, porque toca temas de debate actual coma a eutanasia, o acoso, os problemas alimentarios, a emigración, a violencia de xénero… Temos unha literatura infantil e xuvenil que toca os temas que poden ser de interese para a sociedade, sen edulcoralos, e por iso tamén é unha literatura cada vez máis premiada e moi recomendable para todo o mundo.

Foi aumentando o espazo dedicado ao Salón, a participación, cada vez máis entidades implicadas, máis actividades… Cales foron as principais transformacións que viviu o Salón?

Tivemos un tempo no que aumentaba cada vez máis o alumnado e producíanse momentos de stress, con moito alumnado xunto. Por iso fomos collendo cada vez máis espazo, para poder diferenciar os grupos. Outro avance foi introducir o ámbito profesional, e de feito este ano temos o II Congreso de Mediación Lectora. Os nenos e nenas non teñen un acceso directo á LIX, precísanse mediadores que son os que fan as escollas: os libreiros, os bibliotecarios… E eses mediadores teñen que estar preparados. O Congreso foi un éxito: temos 150 inscritos...

Outra mudanza foi o traballo con adolescentes. Porque notabamos que tiñamos un público que viña regularmente mentres facía primaria, pero ao chegar ao instituto deixaba de vir, e moitas veces volvía despois xa como adulto. Comezamos, por iso, a programar actividades que puidesen conectar con ese público adolescente: o cineforum, obradoiros de banda deseñada…

O ano pasado foi México o país convidado. Este ano a cultura convidada é a lusófona, e o programa salienta que a nosa lingua nos permite comunicarnos con toda a lusofonía. Por que motivos se escolleu a lusofonía?

Por iso que dis, porque é un bo momento para darlle a volta ao discurso hexemónico sobre o galego coma unha sorte de adorno, e comezar a dicir que é un idioma, importante coma todos os idiomas, pero que ademais nos permite comunicarnos con 250 millóns de persoas en todo o mundo. E á xente nova, aos nenos e nenas, fáltalles este dato, e nós temos a obriga de poñelo enriba da mesa.

“Somos un país cun idioma propio, tan importante coma calquera idioma, pero que ademais nos abre as portas polo mundo”

Coa literatura podemos ter algunha pequena dificultade ao principio porque a grafía non é a mesma, pero solvéntase en pouco tempo. Nós observamos que, por exemplo, os contacontos, os nenos e nenas son perfectamente capaces de seguilos. Coa delegación lusófona o único que pasa é que temos que dicirlles nós que falen a súa lingua, porque veñen aquí e pensan que teñen que falar español. E esa é a idea: somos un país cun idioma propio, tan importante coma calquera idioma, pero que ademais nos abre as portas polo mundo. E reivindicar o galego neste momento é revolucionario…

Actividades gastronómicas para a rapazada, durante o Salón CC-BY-NC-SA Andrea Area

Ese é o lema do Salón este ano. Que foi unha “revolución”. Pode parecer algo exaxerado… Por que o din?

O Salón si que revolucionou a cidade, que non volveu ser a mesma. Hoxe as familias non imaxinan a cidade sen o Salón. Converteuse nalgo normal, e isto é un cambio importante, xa que non é tan habitual que aconteza así cun evento cultural onde o libro é o protagonista. Podemos dicir que se cadra non o 100% da xente, pero si quizais o 90 e moito%, pasou polo Salón do Libro.

“Podemos dicir que se cadra non o 100%, pero si quizais o 90 e moito%, pasou polo Salón do Libro”

E iso é algo revolucionario a nivel cultural. Ademais, nun tempo no que está viva a revolución feminista, a revolución tecnolóxica e outras revolucións que están a darlle a volta á realidade, queremos facer un chamado ás novas xeracións para que se rebelen, para que fagan a súa propia revolución, porque non lles vai vir todo dado: quedan moitos marcos por mover aínda. E despois podemos falar por exemplo tamén de revolución no modelo de cidade…

Eventos coma este causan un grande impacto nos días que duran, pasa por alí moita xente pero, que deixan despois?

O Salón ten un impacto máis aló: crea unha vida nas escolas, nas bibliotecas, nas librarías… A atención mediática está moi concentrada nos días que dura o Salón, claro, pero antes viñeron nove meses de traballo nos que temos reunións periódicas cos centros escolares… Hai moito traballo detrás que se estende todo o ano.

Tamén hai un certo risco, neste tipo de eventos, de que os espectáculos de música ou de teatro secundaricen o obxectivo principal, que é o libro. Que facer para evitar isto?

Nós temos espazos específicos, con sillóns e puffs, para que a xente poida estar alí lendo tranquilamente: as familias, os pais e nais mentres os nenos e nenas están nalgunha actividade… Temos varias bibliotecas temáticas, e cada ano compramos títulos novos en función da temática de cada Salón: do tema principal, da cultura convidada e do autor convidado, que este ano é Antonio García Teijeiro. Eses libros distribuímolos despois polas bibliotecas da cidade, ata o seguinte Salón, que os recollemos para disponibilizalos neses recunchos de lectura dos que falaba. Tamén hai recunchos para contacontos, para obradoiros…

Concerto de João Afonso no Salón CC-BY-NC-SA Andrea Area

O feito de que dure moitos días tamén evita unha concentración que pode ter efectos negativos: ruído, actividades que se pisan…

O Salón dura catro semanas e nas tres primeiras temos actividades de mañá e de tarde. Precisabamos unha cuarta para ir repartindo o alumnado polas mañás e evitar, como dicía antes, que houbese demasiado rebumbio de xente. Pero a cuarta semana pola tarde o que faremos é deixar todo montado para que a xente poida ir ler. Tamén hai unha cantina para comer ou merendar…

É unha programación moi grande. Como se fai? Hai un equipo de expertos que avalían as propostas, ou algo así?

Primeiro decidimos o tema, despois a cultura convidada e despois o autor ou autora convidado. Esas son as tres pautas a partir das que traballamos. Contamos coa xente que leva moito tempo implicada co Salón: compañías, contacontos… Tiramos tamén de autores e autoras máis importantes, compañías de teatro ou grupos de música máis coñecidos, en función deses tres criterios fundamentais. E escollemos entre as propostas que nos chegan, segundo o filtro desas tres pautas tamén.

Non temos que deixar fóra moitas cousas: normalmente, cando a xente vén cun proxecto, xa é algo de calidade. E tamén hai xente que está pendente do Salón para estrear aquí. Non adoita ser un proceso moi problemático. Pode haber algunha cousa que se escape un pouco da temática: algo de música, unha obra de teatro… Propostas que nos parecen interesantes. Por exemplo, a actuación da Gramola Gominola, este fin de semana…

Eu algo revolucionarios véxoos mais, seguindo coa conversa, no aspecto loxístico e económico, como se organiza o Salón? Pregunto porque para proxectos pequenos pode ser un esforzo moi grande estar varios días nunha feira. É algo facilmente observable por exemplo no Culturgal… 

A xente que forma parte da programación oficial vai a caché, claro. Para o público, as actividades son case todas de balde, menos algunhas nas que hai que pagar unha pequena cantidade. Despois, as persoas que veñen por exemplo presentar un libro cobran unha dieta. Mais nós tamén procuramos que quen vén presentar un libro aproveite o día para dar un obradoiro, por exemplo. Se alguén vén presentar un libro, é que ten algo que contar… E para facer esa outra actividade que se inclúe no programa contratámolos, claro. Téntase que á xente lle compense vir: que dea un obradoiro, un relatorio…

Algo máis que queira dicir?

Pois que veñan outros 20 anos, porque manter durante 20 anos un evento coma este sobre a LIX é case un milagre…

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.