A metade dos filmes da sección oficial de Curtocircuíto serán estreas

Pela del Álamo, Goretti Sanmartín e Martiño Noriega, na presentación do festival © Concello de Santiago

Resta menos dun mes para a edición 2015 do Curtocircuíto e o Festival Internacional de Cine ultima o seu menú. Os responsables do certame compostelán de curtametraxes recibiron ata 3.270 propostas de 93 países diferentes, que peneiraron ata quedar con 40 filmes nunha sección oficial na que practicamente a metade das fitas, dezanove, serán estreas no Estado.

O director de Curtocircuíto, Pela del Álamo, presentou este luns as liñas mestras do festival acompañado polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. Os tres deron conta das novidades dun festival que "pretender dar novos pasos na súa apertura á cidade". Nesta liña, anuncian, as proxeccións, ata agora concentradas no Teatro Principal, realizaranse tamén na sala NUMAX, botou a andar o pasado marzo.

As 40 curtas da sección oficial están de novo divididas en dúas categorías: Rádar e Explora, e ambas contarán con "nomes de grande prestixio internacional", salienta a organización do festival. Ben Rusell, con Atlantis, Mark Rappaport, co seu traballo Becoming Anita Eckberg, ou Jennifer Reeder, con Blood Below your Skin, formarán parte dun cartel no que tamén abondan "películas de realizadores mozos premiadas nos festivais internacionais de referencia, como Sundance, Locarno ou Cannes.

Á espera de coñecer a listaxe completa de títulos, que será presentada nos vindeiros días, a Curtocircuíto xa confirma un "considerable aumento dos eventos paralelos" que se suman aos "xa habituais encontros con cineastas", neste caso Jørgen Leth e Aki Kaurismäki, que contan con cadanseus ciclos na mostra. Así, a colaboración cos festivais WOSINC e LEV promoverá a celebración de concertos na Sala Capitol e mais na Zona C, con grupos como Moon Duo e Fumaça Preta.

Formación

Os nenos e nenas asistentes a un dos obradoiros comporán o xurado infantil de Curtocircuíto, que outorgará un dos premios

Un ano máis Curtocircuíto preséntase tamén "envorcado coa formación". Así, por exemplo, a colaboración coa Aula de Cine Márgenes e o patrocinio da Academia Galega do Audiovisual promoven o obradoiro 'Teño arroz, teño libros... ata teño tabaco", impartido polo cineasta galego Óliver Laxe, que abordará durante tres días no Centro Galego de Arte Contemporánea a influencia de artes como os haiku xaponeses na súa obra. 

Outros dous obradoiros desenvolveranse noutro emprazamento de nova creación, o espazo multidisciplinar Unitaria. Alí desenvolverase un obradoiro dedicado á infancia e centrado na técnica do stop-motion, base de traballos como Pesadelo antes do Nadal. O alumnado deste obradoiro será quen compoña un novo xurado de Curtocircuíto, o xurado infantil, que será o responsable de ditaminar un premio na categoría Criaturas.

Becoming Anita Eckberg, de Mark Rappaport © Curtocircuíto
Waves'98, de Ely Dagher © Curtocircuíto
The World of Tomorrow, de Don Hertzfeldt. © Curtocircuíto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.