A música galega toma a Praza da Quintana na penúltima noite das festas

Guerrera Dominio Público Praza Pública

As Festas do Apóstolo van chegando ao seu remate. Este venres 31 de xullo os fogos artificiais lanzados dende o Campus Sur porán fin a dúas semanas de celebracións. Pero antes, na penúltima noite das festas, cinco bandas galegas de pop, rock e hip-hop tomarán a Praza da Quintana para protagonizar o que pode ser unha noite histórica. 

A xornada comezará ás 22 horas cos ritmos sesenteiros de Los Chavales, experimentada banda compostelá, que reivindica a música yeyé e aposta pola recuperación dos éxitos de bandas como Los Brincos, Los Bravos ou Los Salvajes. A festa continuará co rock de serie b de Ataque Escampe, nunha nova etapa trala despedida do seu cantante, celebrada hai unhas semanas na Sala Capitol.

Os vigueses The Soul Jacket, outra peza histórica do rock galaico, serán os terceiros convidados da noite e, seguidos polos lucenses Guerrera, levarán ás cotas máis altas o rock de guitarras no evento.

O plato forte da noite será a ocasión única de ver xuntos no escenario a Hevi de Malandrómeda, Sokram de Dios Ke Te Crew e Luis LAR Legido de Sumrrá, co espectáculo “A Derradeira Noite na Terra”, creado especialmente para poñer o peche a esta "noite histórica", como a definen os seus organizadores.

Os concertos, coma todos os que compoñen a programación das Festas do Apóstolo 2015, son gratuítos.

A Derradeira Noite na Terra Dominio Público Praza Pública
Ataque Escampe © Alba Viñas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.