Ocupará a vacante que deixou o pasamento da poeta Luz Pozo Garza nunha institución que abre o proceso para elixir unha nova executiva tras o remate do mandato da que viña presidindo Víctor Fernández Freixanes
A Real Academia Galega elixiu a Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) novo académico de número no pleno ordinario que celebrou na tarde deste venres. O historiador, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, ocupará a vacante producida polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza en abril do ano pasado. Na mesma sesión declarouse a vacante producida polo pasamento de Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG entre 2001 e 2009, e abriu o proceso para a elección dunha nova executiva unha vez rematado o mandato da que ata agora presidiu Víctor Fernández Freixanes.
A RAG salienta de Fernández Prieto que “é un recoñecido historiador nas dúas grandes liñas de investigación que desenvolve: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo”
A RAG salienta de Fernández Prieto que “é un recoñecido historiador nas dúas grandes liñas de investigación que desenvolve: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo”. Na primeira faceta é coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural, Histagra, e dirixe tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios. Na segunda, a través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que se converteron nunha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.
Por outra banda, o pleno da RAG tamén oficializou a conclusión do mandato de Víctor Fernández Freixanes, elixido presidente da RAG fai catro anos. A partir deste momento comeza o proceso que conducirá á elección da nova comisión executiva nun prazo máximo de tres meses. Segundo a normativa da institución, ata o momento da nova elección ocupará interinamente o cargo de presidente o secretario da executiva saínte, Henrique Monteagudo.